'Ten cona o audiovisual galego?'

Un debate sobre a presenza da muller no audiovisual centra a primeira sesión do ciclo de encontros e debates da AAAG.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/05/2018 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

Ten cona o audiovisual galego?. Este é o título da primeira “Escaramuza artística” da   Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que analizará o papel, a proxección, o traballo e o recoñecemento das profesionais nas producións audiovisuais.

Olga Osorio, produtora, guionista e directora audiovisual
Olga Osorio, produtora, guionista e directora audiovisual | Fonte: AAAG

Este debate fará fincapé en aspectos clave como son a visibilidade, a igualdade profesional ou a perspectiva de xénero nos argumentos das producións audiovisuais en todas as súas vertentes, dende as series de televisión até o cine, pasando polas curtametraxes, documentais ou festivais. 

O encontro estará moderado pola xornalista Marta Veiga e contará coa participación das realizadoras Olga Osorio e Noemi Chantada, a actriz e asociada Camila Bossa e o produtor José María Besteiro.   

ESCARAMUZAS ARTÍSTICAS

Esta é a proposta coa que a AAAG iniciará o vindeiro mércores 30 de maio a súa iniciativa Escaramuzas artísticas, unha serie de encontros de debate de periodicidade mensual nos que voces especializadas nos sectores do audiovisual e da escena intercambiarán os seus puntos de vista sobre esta disciplina. “As Escaramuzas artísticas, ademais, buscan ir máis aló dos tradicionais coloquios, rompendo as habituais distancias das mesas redondas e achegando un ambiente distendido e participativo”, apuntan desde a entidade.

Deste xeito, durante as Escaramuzas combinaranse as opinións dos poñentes cos apuntamentos realizados por parte do público nun contexto ameno, arredado dos espazos académicos, mentres se pode degustar a carta da Cafetería do Auditorio de Galicia de Santiago. O ciclo será gratuíto e aberto até completar o aforo, e que está  destinado tanto aos profesionais do sector coma ao público xeral.  Este primeiro debate terá lugar na cafetería do Auditorio  ás 20.00 horas e estará centrada no audiovisual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta