Temas: REVáLIDA LOMCE

Novo fracaso dos exames das "reválidas", segundo a Plataforma Galega do Ensino

Esta entidade cifra cifra en máis do 80% a ausencia de alumnos nas probas de 3º de Primaria. Educación reduce ao 38% a abstención e di que son "unha axuda para que o sistema educativo mellore".

Por E.P. | Compostela | 23/05/2018 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público cifrou en máis do 80 por cento a ausencia de alumnos nas probas de diagnóstico --máis coñecidas como "reválidas"--, que deron comezo este mércores en 3º de Educación Primaria e seguirán durante a xornada do xoves.

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público protesta contra as reválidas
A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público protesta contra as reválidas | Fonte: Europa Press

Pola súa banda, fontes da Consellería de Educación reduciron esta cifra ao 38%. E é que, segundo palabras do conselleiro Román Rodríguez, estes exames son "unha axuda para que o sistema educativo mellore".

As probas que se iniciaron este mércores realízanse na totalidade de colexios de Galicia --públicos, privados e concertados--, mentres que as de 6º de Primaria e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) faranse nunha mostra de 290 e 160 centros, respectivamente, durante os días 29 e 30 de maio.

Este é o cuarto ano consecutivo que leva a cabo este procedemento ao amparo da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce) e, como tal, é o cuarto ano que os sindicatos chamaron ás familias a boicotealo.

CONCENTRACIÓN FRONTE AO PARLAMENTO

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público --que inclúe entidades como a CIG, Anpas Galegas e BNG-- organizou unha concentración este mércores en fronte ao Parlamento galego en contra das "reválidas" e en contra da Lomce.

Estudantes realizan un exame
Estudantes realizan un exame

En declaracións aos medios, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, felicitou a todas as familias que "un ano máis foron capaces de salvar todos os problemas de conciliación" para non enviar aos seus fillos ao centro en sinal de protesta.

Do mesmo xeito, estendeu o agradecemento ao profesorado que, "sempre respectando a legalidade, informou as familias convenientemente desmontando a campaña de desinformación que ten a Xunta".

Pola súa banda, o vicepresidente de Anpas Galegas, Fernando Lacaci, tildou as probas de "absurdas" e "estúpidas" que "só conducen a perder dous días de clase", a "introducir nunha tensión innecesaria" ao alumnado e a gastar "50.000 euros de fondos públicos".

Ademais, asegurou que a Lomce é unha norma que busca "botar fóra aos que non interesan que estean dentro do sistema educativo". "Tentan recentralizar o proceso desde unha perspectiva dun nacionalismo español do que estamos bastante fartos", esgrimiu Lacaci.

E é que, segundo as súas palabras, a Lomce é un "despropósito lexislativo", posto que, segundo afirmou, a sociedade, a maioría dos partidos e a comunidade educativa están "en contra". "Pero segue aí", lamentou.

"REXEITAMENTO ABSOLUTO"

Os bloqueos ás probas tamén foron apoiados por outras organizacións como o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), cuxo secretario de organización, Diego Pérez, considera que o procedemento é "un intento de desprestixiar o ensino público e o profesorado".

"Trátase dunha proba concreta para avaliar aos alumnos, cando se supón que quen ten que avalialos é o profesorado que está con eles todo o curso", expresou.

Pola súa banda, a portavoz de UXT Paula Carreiro mostrou o seu "rexeitamento absoluto" aos exames porque "non entende que haxa que catalogar aos nenos". "Realmente non valen para nada, nin como diagnóstico", porque, segundo proseguiu, "logo non hai ningunha mellora para os centros".

Precisamente CC.OO., a través do seu responsable de educación, José Manuel Fuentes, "non" se mostrou "en contra" de que se realicen unhas avaliacións diagnósticas. Con todo, si manifestou o seu rexeitamento ás probas de 3º de primaria porque "se realiza a todo o alumnado con nomes e apelidos", o cal "podería ter repercusión".

O presidente da Asociación Nacional de Profesores Estatais (ANPE) en Galicia, Julio Díaz, explicou que eles "non están opostos" a un sistema de avaliacións, "pero só se son un diagnóstico". "Non queremos que se utilicen para facer un ranking de centros nin para facer diferenzas sociais", advertiu.

O membro da CSIF José Carlos Fernández súmase ás posicións "en contra" das probas e da Lomce, aínda que os exames que comezarán a semana que vén "non están a ser reválidas", dixo, como precisamente expón a normativa, "aínda que é certo que ao virar a esquina poden cambiar".

LEI "ANTIGALEGA"

Neste contexto, a parlamentaria do BNG Olalla Rodil mostrou o apoio dos nacionalistas á concentración e ao boicot ás "reválidas". "Nós insistimos en derrogar a Lomce, tombar esa lei antigalega, privatizadora, clasista e que vai en contra da educación pública como un dereito fundamental".

Por iso, insistiu en que as institucións da Comunidade "se poñan a traballar na redacción dunha lei galega de ensino que blinde os orzamentos e que garanta persoal, medios e recursos" para a formación dos mozos.

"A Lomce non pode durar nin un minuto máis viva. Hai unha maioría alternativa ao PP nas Cortes e seguimos preguntándonos por que aínda se mantén en vigor esta norma", sentenciou Rodil.

Temas: REVáLIDA LOMCE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Venancio

Só con que leven a bandeira galega coa estrela, coa que está caendo, xa denota que hai xente valente. Todo o que poidades dicer dende unha computadora sobre Quinteiro ou o que vos pete, non ten equiparación posíbel. Dende logo hai xente valente. Non sei si algúns están liberados. Pero tocoulhes a china. Ser liberado da CIG non se parece en nada a ser liberdado na UGT, CCOO, USO, etc. Non hai comparanza posíbel.

2 Finezza

Non son revalidas. Son probas de avaliacion. Creo que o sistema educativo debe de ser avaliado inda que non sei se esta e a maneira. Por outra banda estou farta de oir profesores corporativistas laiandose sempre e sendo incapaces de apoiar unha folga para demandar menos alumnos por aula ou mais inversion.

1 Gamela

a LOMCE non pode durar un minuto máis...? Pero aínda ninguén esixiu o CESE FULMINANTE como embaixador de España ante a OCDE do caradura que pariu a LOMCE !!! Curioso este mundo que permite aos responsables da desfeita seguir en Europa conspirando a prol do que chaman "educación de excelencia" (educación para ricos!) https://i.gal/gamela12