Acusan a Xunta de "poñer en risco" o Parque Nacional das Illas Atlánticas

A Sociedade Galega de Ornitoloxía presenta alegacións ao borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión. Considera "especialmente preocupante a desprotección de áreas de elevadísimo interese ambiental en Ons e Sálvora", censura a explotación turística destes espazos e critica que se ignore a situación real do corvo mariño cristado, "en perigo de extinción".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/05/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) ven de presentar alegacións ao borrador do Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, en proceso de información pública por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia. Segundo esta sociedade científica, o plan "pon en risco" este espazo.

Illa de Ons
Illa de Ons | Fonte: Luis Miguel Bugallo Sánchez en Wikipedia.

A SGO considera que "o documento presenta "importantes eivas na diagnose dos valores naturais do Parque Nacional, ao incluír datos obsoletos e ignorar todo o coñecemento existente xerado nos últimos anos". Así, indica que á hora de avaliar o estado de conservación da especie emblemática e un dos principais valores de conservación do Parque Nacional, o corvo mariño cristado, o PRUX presenta datos con nada menos que trece anos de antigüidade.

"Isto é especialmente grave por canto desta maneira non se ten en conta o grave descenso poboacional desta especie nas Illas, que acada o 55% na última década e implica a consideración de «en perigo de extinción» no ámbito do Parque Nacional", alerta a SGO.

Os ornitólogos recordan ao Goberno galego que o coñecemento sobre o delicado estado de conservación desta especie procede de estudos que foron malia o cal, lamentan, "son ignorados á hora de elaborar o PRUX e aplicar as correspondentes medidas de xestión".

Así, denuncian que "o PRUX renuncia a avaliar e propoñer medidas para reducir un dos principais impactos existentes actualmente no Parque Nacional: a saturación de artes de enmalle nas augas", o cal "probablemente está a provocar unha elevada mortandade desta especie protexida pola lexislación autonómica".

A Sociedade Galega de Ornitoloxía tamén censura que "o PRUX reincide na vocación eminentemente turística do espazo protexido, obviando os seus principais obxectivos de conservación e mesmo poñéndoos en risco".

A sociedade ornitolóxica considera "especialmente preocupante a desprotección de áreas de elevadísimo interese ambiental nas Illas de Ons e Sálvora", Zonas de Reserva desde a declaración do Parque Nacional e que co novo PRUX pasan a ter a consideración de Zonas de Uso Restrinxido, o cal, alertan desde a SGO, "implica unha menor protección e a apertura ao seu uso público e turístico".

"A desprotección destas zonas non responde a ningunha demanda social, pon en grave risco algúns dos principais valores naturais das Illas (hábitats e zonas de nidificación de especies ameazadas) e provoca que a inclusión destas Illas no Parque Nacional careza de sentido, posto que non garante a súa conservación nin permite cumprir os obxectivos deste tipo de espazos, os máis relevantes en termos de conservación da biodiversidade a nivel estatal", argúe a SGO.

Por todo isto, solicita un "compromiso real" da Xunta de Galicia coas Illas Atlánticas e a súa riqueza natural, a través da elaboración dun PRUX "de calidade, rigoroso e efectivo", para "garantir a súa conservación, obxectivo fundamental dun Parque Nacional e ao que debe estar supeditado calquera outro tipo de interese sectorial ou particular", conclúe a SGO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 O Urco

Os meus parabéns a SGO polas súas alegacións. Lástima que a nova só chegue a raspar na superficie da nefasta xestión que está levando ao desastre ambiental ao que debería ser o espazo natural máis importante de Galicia. De seguir polo camiño marcado pola dirección do parque e a Xunta en breve teremos o Parque de Atraccións das Illas Escaralladas de Galicia.

1 Gamela

Cando o sabio sinala a lúa... algúns sempre miran o dedo! Levamos anos contemplando como enormes cargueiros fondean sen pagar un can diante das Illas Cíes (fondeadero) e ninguén dixo palabra ao respecto desta permisividade funesta por parte da Autoridade Portuaria de Vigo. Levamos máis dun ano pedindo a Augas de Galicia que faga públicos os resultados da análise da nova macrodepuradora do Lagares que leva as augas residuais de todo Vigo á boca da Ría de Vigo (sen que ninguén conseguise saber se os 300 millóns de euros foron gastados en cemento ou serven para algo máis que encher os petos da construtora de Villar Mir (OHL) ... pero seica o problema está no Corvo Mariño Cristado !!!

1 José

Pero ti quen te cres que és? Poste a pontificar como se dominases a materia e esqueces o fundamental. Trátase dunha sociedade ornitolóxica, como esas tantas que existen por Europa adiante e, por tanto, non sei se entendes, a súa preocupación son as aves, entre as cales, como saberás, non figuran os morcegos. Cando o Lagares estea incluido no parque. pois poderán tamén preocuparse da súa contaminación que, seguro que tes unha chea de datos, será a causante da extinción do corvo mariño crsitado e de toda a piscifauna da ría. E deixa de citarte cada vez que podes.

2 Gamela

pois son un corvo mariño cristado en perigo de EXTINCIÓN pola contaminación da Ría de Vigo e por mor de tantas e tantas forzas supostamente ecoloxistas e conservacionistas que miran sempre para o DEDO en non saben nada da LÚA ! https://flic.kr/p/QpAGAj