Cinema para ver a casa e o mundo

O Museo do Pobo Galego pon en marcha a 13ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE) durante a semana do catro ao dez de xuño. Neste encontro participarán doce traballos cinematográficos sobre diferentes realidades arredor do mundo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 25/05/2018 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A Sección Oficial da MICE proxectará os filmes que competirán polo premio á Mellor Película Etnográfica. Mentres, os traballos galegos a concurso son tres, Os fillos da vide, Nocturno: fantasmas de mar en puerto e Palmira. Estas tres producións aspiran ao premio á Mellor Película Galega. Os asistentes ás proxeccións outorgarán mediante as súas votacións o Premio do Público.

Cartaz da 13ª MICE do Museo do Pobo Galego
Cartaz da 13ª MICE do Museo do Pobo Galego

   Filmes como Ohne Diese Welt de Nora Fingscheidt ou La nuit éclaire la nuit de Lo Thivolle chegan á 13ª MICE co aval de ter pasado por festivais do prestixio da Berlinale ou o Visions du Réel. Outros como Deixa Na Régua de Emílio Domingos pasaron polo ForumDoc.dh do Brasil, un dos festivais de cinema etnográfico máis importantes de Latinoamérica.
   
   A mesa de debate Ollares intencionados; a proxección especial de Contrafaces en colaboración coa Semana do Libro de Compostela; o obradoiro familiar A miña primeira película ou a exposición Camiños da Imaxe. Arquivo de Joaquín García Portela "Costiña" completan as actividades da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo neste 2018.
  

O acto inaugural da 13ª MICE do luns 4 de xuño acollerá a primeira sesión de curtametraxes da sección Etnografía, muller e cinema formada por Tshweesh de Feyrouz Serhal, The boy from H2 de Helen Yanovsky e Why is Difficult to make Films in Kurdistan, Ebrû Avci. A presentación estará ao cargo da súa coordinadora Anxela Caramés e de Gonzalo E. Veloso, programador do FIC de Verín. Etnografía, muller e cinema completase cun segundo bloque de curtas de Xisela Franco (Cruz Piñón), Olaia Sendón, Fisterra, carne de Safari e Estíbaliz Sádaba Las Filanderas e a proxección de Trinta Lumes de Diana Toucedo, que se poderá ver por primeira vez na capital galega.


O Cineclube de Compostela afianza a súa colaboración coa MICE coa secciónTrazas. Os filmes que integran este segmento teñen como fío condutor a relación entre a ficción e o cinema etnográfico. Forman a escolma On the Bowery de Lionel Rogosin (1956), o clásico portugués Trás-os-Montes de Margarida Cordeiro e António Reis (1976), Turumba de Kidlat Tahimik (1981), Nice Coloured Girls de Tracey Moffat (1987) e Daughter Rite de Michelle Citron (1978).

A sección Espiello, que leva o nome en referencia ao Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe, incorpora dúas das obras galardoadas neste festival: Marquis de Wavrin, du manoir à la jungle, de Grace Winter e Luc Plantier (Bélxica, 2017) e China's 3Dreams de Nick Torrens (Australia, 2014). Obras como Grub and Run de Roser Corella e Chamán de David Gómez Rollán tamén foron premiadas en Sobrarbe máis participan na MICE na Sección Oficial a concurso.

As proxeccións serán de balde previa recollida de entrada. As sesións no Museo do Pobo son de acceso libre ata cubrir aforo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta