Álvaro García Ortiz: "Non existe vontade política para que Galicia conte con fiscais anticorrupción"

"Se botamos a vista atrás e vemos que membros do Executivo están incursos en causas xudiciais, podemos preguntarnos que interese pode ter o Executivo en que un instrumento de control como a Fiscalía Anticorrupción estea mellor dotada cos medios materiais e humanos necesarios", apunta este fiscal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2018 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O fiscal Álvaro García Ortiz denunciou que non existe "vontade política" para que Galicia conte con fiscais anticorrupción como xa ocorre en gran parte do resto de comunidades autónomas do conxunto estatal.

Álvaro García Ortiz
Álvaro García Ortiz | Fonte: Europa Press

Así o indicou nunha entrevista concedida á Cadea Ser este domingo na que García Ortiz, membro do Consello Fiscal e representante da Unión Progresista de Fiscais, lamentou que Galicia non conte con fiscais centrados na loita contra o corrupción.

García Ortiz comentou que a sentenza sobre a trama Gürtel chega "tarde" porque pasaron xa nove anos desde que se destapase a rede de corrupción pola que foi condenado o PP como partícipe a título lucrativo.

Así, indicou que, ao seu entender, Galicia non conta con fiscais anticorrupción porque non se crearon prazas destas características en ningún dos partidos xudiciais galegos e porque "non hai vontade política" para que existan, algo que, segundo García Ortiz, é consecuencia da actitude do Ministerio de Xustiza.

"Se botamos a vista atrás e vemos que membros do Executivo están incursos en causas xudiciais, podemos preguntarnos que interese pode ter o Executivo en que un instrumento de control como a Fiscalía Anticorrupción estea mellor dotada cos medios materiais e humanos necesarios", comentou.

Para García Ortiz, a figura do fiscal anticorrucpión contribuiría a ofrecer "un mellor servizo público" porque outorgaría "maior" experiencia e medios á Fiscalía á hora de actuar.

FOLGA DE FISCAIS E XUÍCES

García Ortiz tamén se referiu á folga de xuíces e fiscais celebrada esta semana, que cualificou de "gran éxito" por alcanzar o 50 por cento de seguimento nun colectivo "conservador".

Así, avanzou que non descarta que se produzan máis mobilizacións se non chega unha "resposta" por parte da Administración, á que instou a dotar de "máis medios" para mellorar a "independencia" do poder xudicial.

TRABALLADORES DA XUSTIZA

Por outra banda, o fiscal mostrouse crítico coa xestión da folga dos traballadores da Administración de Xustiza que paralizou os xulgados galegos durante tres meses. Deste xeito, cre que o conflito foi "un fracaso para todos, tanto para a administración como para os traballadores". A continuación, afeou a actitude da Xunta durante as negociacións por dilatar a celebración das mesas cos sindicatos.

Así mesmo, tamén cargou contra a tensión creada entre os propios traballadores e lamentou que "persoas que antes eran compañeiros deixasen de selo".

Con todo, mostrou o seu optimismo coa recuperación da carga de traballo paralizada durante os meses de folga. "Isto non será un buraco de anos para a xustiza galega", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

Non é este o mesmo Fiscal que "estudou concienciudamente as vagas de incendios" e concluiu que non existía trama algunha ? Pois para FISCALÍAS CEGAS case mellor non ter ningunha... Así xa estamos acostumados a que o narcotrafico campe as súas anchas e mesmo presente Querelas contra os que aínda non fomos ao cárcere (de momento!) !!!

1 Hipócritas

Este "cariña de opositor" está opositando a un postiño político. Halle sair furada.