SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2018 | Actualizada ás 19:10 por EUROPA PRESS
O presidente do TSXG, Miguel Ángel Cadenas, reclamou "medios e esforzos" para facer fronte á tarefa de recuperar o traballo que se viu afectado pola folga de funcionarios da Administración de Xustiza que paralizou os xulgados galegos durante tres meses.
Nunha entrevista concedida este domingo en RNE recollida por Europa Press, Cadenas indicou que a "situación enormemente complexa" que se vive en "moitos órganos xudiciais" logo do conflito debe afrontarse a través dun plan de recuperación no que teñen que estar implicados "todos" os actores de maneira "extraordinaria".
Nesta liña, reclamou ao Ministerio de Xustiza e á Xunta que poña sobre a mesa o "financiamento" necesario para facer fronte a esta situación, xa que, como lembrou, "o poder xudicial non xestiona medios nin recursos", que teñen que ser proporcionados polas administracións.
Así, Cadenas apuntou que na "primeira aproximación" para definir o plan de recuperación do traballo "o único que se deixou claro" é que, antes de profundar nas medidas a seguir, é preciso coñecer "a situación de cada órgano neste momento", sendo os "máis afectados" os da xurisdición social e penal.
FOLGA FISCAIS E XUÍCES
O presidente do TSXG referiuse á conflitividade que rexistra o mundo xudicial nos últimos meses, que viviu en Galicia a citada folga dos funcionarios da administración e que, a nivel do conxunto estatal, rexistrou protestas por parte do colectivo de xuíces e fiscais, que realizaron paros o pasado martes.
Para Cadenas, a xustiza é "un mundo complexo" no que existen "necesidades sen cumprimentar". Con todo, recoñeceu que as demandas "non son de agora" senón que "veñen de hai tempo"; aínda que apuntou que "nos últimos tempos acrecentouse a necesidade de melloras".
A continuación, defendeu que os paros de xuíces e fiscais foron "unha medida anunciada e responsable no sentido de que se tratou de danar o menos posible a actividade xurisdiccional".
Cadenas cre que os "motivos" das mobilizacións de xuíces e fiscais "son diversos" e van "desde a necesidade de aumentar a planta xudicial" a través da ampliación de prazas nos procesos selectivos á fixación de "a carga adecuada para cada xuíz" co obxectivo de outorgar "a calidade xudicial que debe ter".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.