O Colexio de Xornalistas pídelle aos medios públicos que busquen a independencia do poder político

A petición chega logo de que o pasado venres se celebrara en Galicia o chamado “venres negro” en contra da manipulación da CRTVE e da CRTVG.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/05/2018 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) insta os responsables dos medios a normalizar o diálogo interno nas redaccións e lembra que as empresas públicas de comunicación deben perseguir a independencia do poder político.

Xornalistas da TVG secundan o chamado 'venres negro' en contra da manipulación informativa
Xornalistas da TVG secundan o chamado 'venres negro' en contra da manipulación informativa | Fonte: @FedericoPrezRey

Nun comunicado, esta organización di estar “preocupada polo visible deterioro das relacións laborais nos medios de comunicación”. “A Liberdade Editorial -que permite que cada medio decida os feitos que visibiliza, os enfoques, o seguimento ou a relevancia que lles outorga na distribución do espazo e do tempo- é un piar básico da liberdade de prensa, pero xamais debe ser escusa para a imposición vertical dunha liña ideolóxica que furte o necesario debate das redaccións”, apunta.

O CPXG incide na situación dos medios públicos que, lembra, segundo determinan as súas propias leis de creación, teñen coma función primordial a de favorecer o pluralismo político e a liberdade de expresión. “Non hai lugar neles para a dirección ideolóxica, e si para o constante compromiso cunha sociedade plural e democrática”, asegura.

Por iso, lembra que os #VenresNegros promovidos polas mulleres de RTVE, e apoiados tamén o venres pasado por unha parte significativa da redacción da CRTVG, chaman de novo a atención sobre a necesidade de que nas corporacións públicas se tomen as medidas requiridas pola lexislación para garantir o servizo público e a independencia do poder político -entre outras, os Estatutos de Redacción e os Consellos de Informativos-.

Por último, o Colexio de Xornalistas insta a tódolos membros das redaccións -independentemente do seu cargo- a resolver as discrepancias sobre informacións ou enfoques “nun clima de diálogo aberto,  profesional e libre de presións”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Losada forever

Moi ben o Colexio de Xornalistas denunciando a manipulación. O que non sei é onde estaban cando un alto cargo do BNG presionaba por teléfono a xornalistas da TVG. Lembrades? Claro, daquela non había manipulación, claro... https://elpais.com/diario/2007/09/0...

1 Tino

A CRTVG está ser gobernada por comisarios políticos postos a dedo polo PP. A actual dirección ten secuestrados os medios públicos e está a impedir a sua labor principal de informar de modo plural e obxectivo e de promocionar os valores sociais, culturais e creativos da sociedade galega.