“O cofre dos libros”, unha iniciativa universitaria nas redes para animar á lectura e formar futuros mestres

O proxecto foi posto en marcha hai tres anos no terceiro curso do Grao en Educación Primaria da Universidade da Coruña, coa idea de trasladar a actividade das aulas ás redes sociais nun "proceso de ensino-aprendizaxe en 'mancomún'" que este curso contou con máis participantes ca nunca.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 30/05/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

No curso 2015-2016, a Universidade da Coruña (UDC) puxo en marcha unha iniciativa innovadora para a materia de Literatura Infantil e Xuvenil e a súa Didáctica, optativa de terceiro curso no Grao en Educación Primaria. A idea: a elaboración dunha proposta de animación á lectura de carácter grupal, a partir dunha obra literaria, sendo condición indispensábel para o seu desenvolvemento o uso da rede social Twitter desde o principio até o final do proceso. Daquela participaron 26 estudantes. Este curso, o proxecto volveu repetirse por terceiro ano consecutivo; os participantes foron 36.

Actividade na clase de Literatura Infantil e Xuvenil e a súa Didáctica, na Universidade da Coruña
Actividade na clase de Literatura Infantil e Xuvenil e a súa Didáctica, na Universidade da Coruña | Fonte: @montsemr en Twitter.

A experiencia, impulsada desde a Facultade de Ciencias da Educación da UDC, vén crecendo ano tras ano. Este curso houbo melloras respecto aos anteriores, incluída a creación de contas na rede social Instagram vinculadas tamén coas de Twitter, nas que, aproveitando a importante difusión desta rede visual, crearon literatura en imaxes, como o proxecto #lombopoesía, poesía creada cos títulos dos lombos dos libros.

Despois de tres cursos en marcha, a súa impulsora, a profesora María Montserrat Muriano Rodríguez, fixo balance das actividades nun documento titulado “O cofre dos libros”: unha proposta de ensino-aprendizaxe de Literatura Infantil e Xuvenil a través de Twitter.

"Esta dinámica non só os motivou [aos estudantes] na súa aprendizaxe, chegando a facer moitas máis propostas das que se lles demandaban nun primeiro momento, senón facéndoo consciente dese uso profesionalizante e educativo das redes do que vimos falando desde o principio do noso traballo e tamén comprobando como ese pequeno dispositivo que forma parte das nosas vidas, e sen o que non poderiamos saír da nosas casa, é unha ferramenta educativa de primeira orde", explica Muriano Rodríguez.

O alumnado contou para a realización desta actividade con todo o material bibliográfico da Universidade e, como ferramenta fundamental, cos seus móbiles. Cada grupo —oito este curso— creou unha conta en Twitter cuxo nome está inspirado no autor ou autora escollidos, ou nas súas obras. Para unificar as publicacións utilizaron a etiqueta #lixdudc.

Os alumnos foron asesorados pola docente para facer un uso “profesionalizante” de dita rede social e, entre todos, realizaron "un proceso de ensino-aprendizaxe en 'mancomún', posto que compartimos e comentamos a información entre todos", aporta a impulsora do proxecto.

María Montserrat Muriano Rodríguez recoñece que a iniciativa partiu dunha "aposta persoal por unha visión absolutamente proactiva do proceso de ensino-aprendizaxe no ámbito universitario". Nese sentido, engade: "Se ben é certo que, aínda hoxe en día, a disposición espacial das aulas das nosas facultades axuda ben pouco na consideración dun proceso de ensino-aprendizaxe bidireccional e participativo, debemos dicir que é precisamente esa mesma espacialidade de tarima e pupitre –a modo da aula de Fray Luis de León na Universidade de Salamanca– a que tamén reflicte, en certa medida a pasividade que, en numerosas ocasións, adopta o noso alumnado".

O que se pretendeu con esta experiencia foi que "o alumnado adquira autonomía na súa aprendizaxe, unha autonomía que, ao noso ver, é a que nos leva a querer saber máis sobre determinado tema, pois aquilo ao que chegamos por nós mesmos sempre o valoramos moito máis", argúe a profesora.

Trátase, por tanto, de "fomentar esta autonomía a partir do emprego da rede social Twitter" e de "sacarlle partido a estas e outras 'bondades' das redes sociais, sen perder a perspectiva pedagóxica que rodea a experiencia desenvolvida no ámbito da didáctica da literatura", prosegue a impulsora da iniciativa.

OBXECTIVOS  E FUNCIONAMENTO

A iniciativa púxose en marcha coa idea de cumprir varios obxectivos, principalmente, formar os estudantes como futuros mediadores do hábito lector do seu alumnado de Primaria, achegar os textos e autores máis recoñecidos da Literatura Infantil e Xuvenil, dar a coñecer as editoriais, institucións, revistas, premios, etc. máis senlleiros do sector, recoñecer e poñer en práctica un uso 'profesionalizante' das redes sociais e, por suposto, gozar e compartir a lectura.

Entre as actividades postas en marcha destacaron, por exemplo, compartir en redes as lecturas da aula. Así, cada semana alguén levaba á facultade algunha lectura da súa infancia, ou actual, que o marcase especialmente e esta logo compartíase en Twitter.

Tamén se convidou á aula a escritores e docentes con propostas innovadoras de animación á lectura e visitouse a Biblioteca Municipal Infantil e Xuvenil do Concello da Coruña; actividades que tamén se compartiron na rede social.

Baixo o lema “Escritores e frases que fan pensar”, adicaron cada semana unha actividade a un autor clásico ou actual e incorporaron material multimedia relacionado con este na aula virtual (Moodle), e trasladaron todo isto ao espazo público de Twitter.

Así foron elaborando “O cofre dos libros”, unha proposta de animación á lectura de carácter grupal.

Na actividade, os grupos recomendáronse lecturas entre eles case a diario e puxeron en marcha actividades como unha "busca do tesouro", na que, cunha linguaxe autenticamente pirata, os grupos ían dando pistas dos tesouros literarios que se agochaban nos “cofres de libros”. Nalgúns casos, tamén xogaron a que os propios personaxes das historias propostas falasen en Twitter.

Tamén a familia tivo especial protagonismo na actividade “Compartindo lecturas”, na que os alumnos levaron consigo as historias que lles contaban os seus avós ou os seus pais que, posteriormente, compartiron en Twitter, onde os estudantes tamén interactuaron con algúns autores.

A experiencia nestes tres cursos foi tan positiva, que Muriano Rodríguez asegura ter "unha mirada cara ao futuro chea de optimismo e de confianza nas próximas xeracións de mestras e mestres".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 nzva

A xente do común, sensata e intelixente, dando exemplo e liderando o compromiso co futuro. Noraboa¡¡¡