Temas: CRTVG

A CRTVG defende que os seus polémicos cambios de programación permitirán aumentar a audiencia

A oposición no Parlamento acusa de "suprimir" os informativos locais e 'Diario Cultural, pero a compañía o desmente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2018 | Actualizada ás 20:29

Comparte esta noticia

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez-Izquierdo, defendeu as modificacións de programación da radiotelevisión pública que se iniciarán a partir de setembro e que inclúen cambios nos informativos e desconexións locais, así como na información cultural. Así, haberá un "cambio de formato" do programa 'Diario Cultural' e dos informativos locais, como unha "estratexia" que lles permitirá "aumentar" a audiencia destes espazos e darlles "independencia", en palabras do director xeral da compañía, que respondeu a preguntas na comisión de de control da CRTVG formuladas por PPdeG, En Marea, PSdeG e BNG.

Comisión parlamentaria de control á CRTVG
Comisión parlamentaria de control á CRTVG | Fonte: Europa Press

Neste sentido, Sánchez-Izquierdo asegurou que a programación coa que contará a CRTVG a partir de setembro, que foi presentada o pasado mes de abril, é "froito de seis meses de traballo" de "prestixiosos profesionais".

"Os cambios veñen dun estudo previo e pormenorizado das audiencias e os comportamentos de consumo de radio dos oíntes", afirmou para despois facer fincapé en que este traballo é tamén produto dunha "estratexia para ser máis eficaces no proceso de dixitalización".

Así, tachou de "noticias falsas" as afirmacións da oposición sobre que o programa dirixido por Ana Romaní, 'Diario Cultural', reduza o seu tempo de emisión. É máis: "Terá novos programas a fin de semana e pasará de 50 a 100 minutos en catro franxas horarias", asegurou.

En concreto, este espazo emitirase diariamente repartido en catro bloques autónomos que, tal e como indicou, serán dous de 30 minutos e outros dous de 15 nos que haberá entrevistas "en profundidade" e debates.

Estas modificacións, segundo afirmou, "multiplicarán o seu seguimento" para "chegar a moita máis xente" e que "máis galegos poidan ter acceso" á cultura. Segundo as cifras que esgrimiu, permitirá que a audiencia se "duplique ou triplique".

Ademais, Sánchez-Izquierdo asegurou que Ana Romaní é unha "profesional" á que ofreceron, segundo declarou, "pasar ao mando destes cambios". No entanto, segundo as súas palabras, a locutora "declinou a oferta e aceptou porse á fronte" das emisións do espazo entre as 14,45 e as 15,00 horas.

"REORGANIZACIÓN" DE INFORMATIVOS

Respecto dos cambios nos informativos locais, reiterou que foi unha "decisión de xornalistas profesionais independentes" que aposta por dar "máis descentralización" á información.

Segundo as súas palabras, esta "reorganización" incluirá debates semanais dos representantes nas corporacións municipais e deputacións, así como "conexións directas" con distintas áreas de influencia para dar un "lugar moito máis destacado" aos asuntos locais. "É absurdo pensar que un cambio de formato implica unha maior ou menor manipulación", sentenciou.

Con todo, a portavoz do BNG na comisión, Olalla Rodil, acusou á compañía de "suprimir" os informativos locais e dixo que se trata dunha "vulneración da lei de medios". Así, instou ao director xeral da CRTVG a que "cumpra" a súa obriga como líder dun servizo público.

Pola súa banda, a deputada de En Marea Ángeles Cuña pediu á radiotelevisión que escoite como a sociedade "lanza manifestos, voces, declaracións e comunicados pedindo a permanencia" do 'Diario Cultural' no seu actual formato. "Teña a certeza absoluta de que todas as firmas non son máis que o comezo", advertiu a Sánchez-Izquierdo.

"ERRO ABSOLUTO"

Para a parlamentaria da formación rupturista, as modificacións son un "erro absoluto", posto que o programa de Romaní é, segundo as súas palabras, un "referente importantísimo" con 28 anos de historia.

Mentres, o deputado socialista Luís Manuel Álvarez destacou que o 'Diario Cultural' constitúe un programa "multipremiado" do cal "non hai argumentos suficientes para a súa eliminación", segundo as súas palabras.

Respecto dos informativos, preguntou ao director da CRTVG se "supón un problema" para a radio autonómica o mantemento das emisoras locais. "Iso que di o Goberno de que se vai facer máis con menos é mentira", expresou.

Pola súa banda, a portavoz popular na comisión, María Antón, apoiou os cambios na programación, porque os hai "todos os días en todos os medios". Así, dixo que lle resulta "curioso" que a oposición valore "negativamente" o labor duns "profesionais" para "adecuar" as emisións da corporación á demanda do público.

Temas: CRTVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Toño

Que se democratice dunha vez a CRTVG e deixe de ser o órgano de propaganda da Xunta, do contrario máis vale que a pechen.

2 panxho

Dende que goberna o señor Feijoo xa no existe para a sociedade a CRTVG. Só pensa na tv nacional. Galicia é o de menos.

1 Un galego

", pero a compañía o desmente". Ler isto nun xornal en galego que se supón serio di moito da situación do idioma. Poden pasar outro tipo de faltas pero poñer os pronomes tan mal non ten xustificación. E entendo que quen escribe seguramente fixo un gran esforzo por falar e escribir galego con todo en contra, que ten grande mérito, pero hai que mellorar.