Finiquito político de Mariano Rajoy

Que ocorrería se a sentenza da Audiencia Nacional sobre o caso Gürtel se coñecese o pasado día 21? Apoiarían Cidadáns e o PNV os orzamentos presentados polo goberno Rajoy?.

Por Xesús Veiga | Compostela | 31/05/2018

Comparte esta noticia
De dúas, unha: ou todo foi unha azarosa coincidencia temporal ou alguén coordenou os reloxos do poderes lexislativo e xudicial para evitar incómodos solapamentos que alimentasen decisións irreversibeis de grande alcance político.En todo caso, non é desatinado pensar que Albert Rivera e Urkullu eran conscientes de que, 24 ou 48 horas despois do balón de osíxeno proporcionado ao PP gobernante, ía transcender unha decisión xudicial previsíbelmente demoledora para a reputación de Mariano Rajoy e do seu partido.Sabedores desa hipótese moi  verosímil, talvez preferisen a continuidade dun executivo sometido a un insoportábel proceso agónico.
 
Zaplana primeiro e a  Gurtel despois certificaron a dimensión da penitencia que debe pagar o PP por renunciar á vía das responsabilidades políticas na loita contra a corrupción e colocar todos os ovos na cesta das actuacións xudiciais.A curto prazo, as vantaxes desa estratexia eran indiscutíbeis:todo  o mundo seguía nos seus postos e utilizábanse coa máxima intensidade as prerrogativas asociadas á lóxica dos contenciosos xurídicos (presunción de inocencia, reclamación das garantías procesais, recurso á mentira como arma defensiva). Como, ademais, a administración xudicial padece unha  endémica falta de dilixencia -en moi boa medida por falta de recursos humanos e materiais- os posíbeis efeitos negativos da opción elixida nos despachos da rúa Génova dilataríanse moito e cecais perdesen boa parte da súa carga tóxica.
 
Os cálculos dos dirixentes do PP fracasaron totalmente.Apostar, exclusivamente, pola xudicialización da vida política provocou que vaian estoupando varias “bombas” de efecto retardado, colocando á defensiva a quen afirmaba que  estabamos ante unhas poucas “mazás podres” no cesto virtuoso dos cadros políticos que administraron diversas comunidades autónomas e concellos.
 
Os últimos triunfos de M. Rajoy foron debidos aos erros e incapacidades dos adversarios e non tanto aos acertos propios.Hipotecado xudicialmente, illado parlamentariamente, non foi quen de sobrevivir á moción de censura promovida por Pedro Sánchez.O finiquito político do líder do PP xa é unha realidade.O futuro do PP está por escreber.
 

Rajoy, en la inauguración de Rande en diciembre
Rajoy, en la inauguración de Rande en diciembre
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.