Temas: ORDES

Veciños de Ordes piden ao pleno municipal que declare zona libre de eólicos o seu concello

A Coordinadora Contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes (CCIPEC) chama a todos os grupos políticos municipais que declaren Ordes concello libre de eólicos. Piden o mesmo tipo de debate a outros concellos limítrofes.

Por Galicia Confidencial | Ordes | 01/06/2018 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

A Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes fai un chamamento “a todas as forzas políticas municipais con representación no Concello de Ordes” para que no pleno municipal deste venres, 1 de xuño, ás oito da tarde, se declare por unanimidade o Concello como espazo libre de parques eólicos.

Eólicos
Eólicos | Fonte: USC.

Desde a Coordinadora consideran imprescindible que se dea este paso para poder blindar “a vida das veciñas e veciños a nosa saúde, o noso Camiño de Santiago, a nosa actividade agraria e o noso medio ambiente e patrimonio”. Todo iso debido a que ven como as intencións da empresa Green Capital Power son instalar diferentes parques eólicos na comarca e arredores, Ardemil, Monte Inxerio, A Pobra, Gasalla e Lavandeiras “sen sequera cumprir as obrigacións de distancia de 500 metros dos núcleos rurais”.

Os integrantes da Coordinadora declaran que “temos constancia de que na orde do día do pleno do Concello deste venres figura como punto para ratificar, se procede, a declaración institucional dos concellos de Frades, Mesía, Ordes e Oroso sen eólicos”. Esta declaración din desde a Coordinadora que xa foi acordada hai varias semanas polos respectivos alcaldes dos concellos mencionados. Así, queren chamar aos diferentes partidos con representación municipal, PP, PSOE, UxO, BNG e Non Adscritos a debater sobre o texto “con responsabilidade e declarar unanimemente que as condicións socio-económicas dos nosos concellos e as características dos nosos territorios fanos non aptos para este tipo de instalacións”.


Os veciños e veciñas que integran a Coordinadora contraria á instalación dos parques eólicos na comarca, esperan que os partidos integrantes da corporación municipal “ abandonen a loita partidista en beneficio e defensa de todo o pobo. Instamos ademais aos concellos de Frades, Mesía e Oroso a levar aos seus respectivos plenos municipais canto antes tamén o debate desta declaración”. Tamén consideran fundamental que a Xunta de Galicia, Goberno Central e Parlamento Galego, ademais das empresas enerxéticas, teñan constancia que a zona “non é lugar para eólicos e que as veciñas e veciños estamos máis que preocupados”. Por ixo tamén urxen unha reforma do Plan Eólico de Galicia e que a Consellería de Industria para que retiren os concellos mencionados do debandito Plan.


Temas: ORDES
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta