O alcalde da Coruña cualifica de "boa noticia" a marcha de Rajoy

Xulio Ferreiro pide a Sánchez que "non defraude" e tamén afirma que "se abre un tempo de oportunidades" para o futuro da cidade.

Por E.P. | A CORUÑA | 01/06/2018 | Actualizada ás 15:07

Comparte esta noticia

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, cualificou de "boa noticia" a marcha de Mariano Rajoy do Goberno e pediu ao novo presidente e líder do PSOE, Pedro Sánchez, que "non defraude". "Cae democraticamente un goberno austericida. Un goberno que recortou en gasto social, en educación, en sanidade... Un goberno que estaba a actuar en contra das maiorías sociais", expuxo na rolda de prensa posterior á xunta de goberno local.

Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña
Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña

Para Ferreiro, coa saída de Rajoy "cae unha maneira partidista" de gobernar. "Cae un goberno dun partido corrupto", afirmou antes de asegurar que "cae un Goberno que "non confiaba no municipalismo nin na Coruña".

E é que para o alcalde rupturista, Rajoy foi un "pésimo presidente para A Coruña", polo que cre que agora hai que "recuperar o tempo perdido". "Ábrese un tempo de oportunidades pero tamén de responsabilidades", proclamou Ferreiro, que pide ao novo presidente do Goberno central e líder do PSOE, Pedro Sánchez, que "non defraude", após recibir "o apoio incondicional de moitas forzas políticas".

PEIRAOS

"Non podemos desperdiciar esta oportunidade", manifestou o rexedor, quen se mostrou confiado en que haxa un novo ministro de Fomento "á altura das circunstancias" e con máis sensibilidade co futuro dos peiraos da cidade.

Así, o rexedor herculino espera que o novo responsable de Fomento non utilice este asunto "como unha arma partidista", en referencia á actitude do Goberno central do PP cara ao destino dos terreos portuarios.

Para Ferreiro, a moción de censura abre "un novo escenario" para cidade, pero tamén para a Xunta. Na súa opinión, após este cambio no Goberno central, "a Xunta terase que adaptar ás novas circunstancias e non vai poder utilizar ao Goberno central como un aliado no bloqueo á cidade da Coruña".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta