Temas: A CORUñA CINE

A periferia tamén é centro de cultura

A Mostra de Cinema (S8) da Coruña estará activa ata o día 3 de xuño. Nesta edición ponse énfase na necesidade de que as cidades máis alonxadas dos grandes circuitos comerciais e amateurs do cinema, son tamén centros para a cultura. Ademais, búscase a complicidade do público máis novo con obradoiros onde aprenderán o traballo das técnicas cinematográficas.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 01/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A mostra de cinema (S8) deriva o seu nome do formato “súper 8”, o mesmo que permitiu a moitas persoas facer as súas primeiras gravacións en celuloide, tanto para o ámbito caseiro como para os primeiros traballos académicos e comerciais do cinema. Hoxe ese formato xa é cousa do pasado se é que nos cinguimos aos actuais sistemas de rodaxe, edición e creación audiovisual. Elementos que lle outorgaron agora ao celuloide un papel de artesanía, fetiche ou kischt.

O alcalde da Coruña con varios dos asistentes á (S8)
O alcalde da Coruña con varios dos asistentes á (S8)

A Coruña acolle ata o tres de xuño a Mostra Cinema Periférico (S8). Unha oportunidade para ver como se desenvolven técnicas co vello formato pero tamén, e de aí o de periférico, como o cinema e as diferentes expresións que podemos arrincarlle, mostran unha outra maneira de crear audiovisual rompendo esquemas preconcebidos e aceptados pola grande maioría como estándar.

PERIFERIA NON É FÓRA

As marxes, as periferias, as áreas máis apartadas son tamén os lugares onde poden nacer movementos iconoclastas. Poden non, nacen si ou si. Velaí temos exemplos como o punk nacido nos estados unidos logo de que a música acabase na comercialidade máis absoluta. O punk tamén acabou así. Pero volvendo á periferia, ao que está fóra do centro onde “coce todo”, as persoas que alí viven se non poden acceder ao que é a cultura en maiúsculas ou se simplemente non se sente representadas, rompen coas iconas maioritarias e crean as súas.

Así o expresa José Manuel Sande, concelleiro de Culturas en A Coruña. “A idea de periferia está relacionada co feito de vangarda e para que haxa unha vangarda artística, unha nova expresión artística, ten que saír dun lugar á marxe dos grandes circuitos”. E por que acontece isto? “Porque a periferia é a marxe e isto trae o que se denomina marxinal, pero que está fóra do establecido, por tanto é unha expresión iconoclasta” responde Sande.

Presentación da Mostra de Cinema periférico (S8)
Presentación da Mostra de Cinema periférico (S8) | Fonte: s8cinema.com

“O súpero 8 era o formato co que os cineastas comezaban os seus traballos de iniciación, e esta mostra quere reivindicar aquela liberdade de acción daqueles primeiros tempos”. Así o afirma Ángel Rueda, director da Mostra Cinema Periférico S8. “A periferia resume todas as mostras artísticas existentes” suliña Rueda, autor el tamén de creacións en súper 8 e considerado por moitas persoas vinculadas ao cinema, como un artesán da imaxe. “Moitas veces esquecemos algo importantísimo, que o cinema reflicte todo canto o arrodea” insiste o director da Mostra, pois o consumo masivo de produción audiovisual para grandes salas ou para consumo doméstico, parece esquecer na maioría dos casos este punto.

De aí que o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro sinalase que “unha cidade de vangarda só é posible desde o apoio á cultural de proximidade. Á súa cultura”. É dicir, a unha produción cultural, neste caso cinematográfica, saída desde o seu propio espazo e por tanto, creada polos seus propios habitantes.

FACER CINEMA APRENDENDO

Dentro das diferentes actividades propostas pola Mostra está a creación de talleres para os asistentes. Así destaca o obradoiro desenvolvido polo autor arxentino Pablo Mazzolo, cunha longa experiencia como docente. O obxectivo é que os participantes desenvolvan a súa percepción subxectiva e singular sobre a imaxe e a traduzan nunha obra audiovisual. Este obradoiro fais en colaboración coa Asociación Asperga, onde o cinema se converte nunha ferramenta expresiva e inclusiva para xente nova con capacidades diferentes. A presenza da directora María Ruído, os seminarios especializados en crítica de cinema experimental e sobre a figura de Philip Hoffman, formarán parte da oferta didáctica desta Mostra (S8).

“Estamos dominados, arrodeados pola linguaxe audiovisual, con estes obradoiros e coas máster class o que facemos é darlles ferramentas ás persoas para empoderalas e que vexan que non todas as imaxes son o que parecen” di Ángel Rueda. Así estableceranse traballos para a xente nova que teña curiosidade na imaxe e nos procesos cinematográficos. “Tamén desenvolveremos obradoiros de creación en súper 8 para que a xente vexa como eran os procesos de produción antes das técnicas dixitais” explícanos Ángel Rueda.

Xunto a esta vocación didáctica está a de convivencia. No encontro participarán persoas vinculadas á creación, crítica e produción cinematográfica que aportarán experiencias propias e coñecerán alleas. “Hai uns anos un director contou que o máis atractivo do (S8) é o feito de ser un espazo para o descubrimento e a convivencia, un punto para o simple intercambio de ideas entre profesionais” rememora Rueda.

O (S8) tamén xenera espectativas logo de nove anos de existencia. “O ano que vén será a décima edición e logo dunha década esta mostra trouxo moitas cousas boas para a cidade” di José Manuel Sande. “Esta mostra é acollida como un instrumento de normalización, como algo que contribúe ao coñecemento, á tolerancia artística” e tamén “que o público está formado por unha parte da cidadanía e ese público ve compensadas as súas espectativas sobre a mostra” remarca o concelleiro de Culturas.

A Mostra estará aberta ata o día 3 de xuño.

Temas: A CORUñA CINE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta