Os axentes forestais e medioambientais, en pé de guerra contra a Xunta

Denuncian que o Goberno galego lles obriga a realizar seis meses de traballo en quendas de 12 horas diarias e máis de 2.000 horas anuais. O colectivo rexeita a proposta da Administración porque a considera “miserable".

Por Galicia Confidencial | | 03/06/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O colectivo de axentes forestais e medioambientais de Galicia denuncia que desde hai meses vén "sufrindo o esperpento de ter que negociar un acordo de condicións de traballo cunha Administración que o que propón sistematicamente é prexudicar a nosa vida familiar e laboral e menosprezar constantemente a nosa profesionalidade". Por isto, están en pé de guerra contra a Xunta, á que acusan de "deixamento de funcións" ante a inminente nova campaña de incendios e a "incapacidade de redactar un novo acordo laboral que permite apagar e dirixir os lumes de nova xeración".

Protesta de axentes forestais e medioambientais
Protesta de axentes forestais e medioambientais | Fonte: CIG.

Os axentes lembran que "cando se producían 10.000 incendios anuais, alí estaban" eles, canda os bombeiros forestais e o persoal técnico para combater os lumes. "Cando os lumes de agosto de 2006, outubro 2011 e este pasado outubro de 2017, alí estabamos de novo, mesmo de voluntarios, excedéndonos en horas día tras día, sen esixir nada e dándoo todo, confiando na conselleira e no presidente Feijóo...", recordan.

Porén, aseguran que "a día de hoxe aínda non percibimos nin un euro do pago desas xornadas realizadas no 2017, nin nós, nin outros colectivos...". Así, denuncian quie "tras anos de espera, en novembro de 2017 iniciáronse unhas negociacións cun interlocutor que fixa a data do 1 de decembro de 2017 como límite para renovar un acordo de condicións de traballo asinado no ano 2004, e caduco dende o 2007; no lugar de presentar un novo acordo que se axuste os novos lumes que se están a producir debido o cambio climático e o abandono do rural, o director xeral de Función Pública presenta texto para o acordo inasumible posto que aumenta a máis de 2.000 horas anuais a realizar mentres un funcionario de corpos xerais realiza 1.700", denuncian os axentes. 

Os afectados tamén subliñan que a Xunta presentou un "escrito cutre e miserable sen ningunha redución horaria nin compensación adicional con días de descanso, e logo, o silencio, o baleiro, a inacción..."

PROPOSTA "MISERABLE E MESQUIÑA"

Cinco meses despois, as partes volvéronse reunir cunha nova "proposta miserable e mesquiña que pretende condicionar a nosa vida e sen compensación horaria de ningún tipo", aseguran. Xa o pasado 24 de maio, nunha manifestación convocada en Santiago por CIG e UXT, á que acudiron máis de 300 traballadores, o colectivo de axentes forestais e medioambientais dixo "non" a esa proposta presentada pola Xunta, pedindo uns horarios e salario dignos.

Protesta de axentes forestais e medioambientais
Protesta de axentes forestais e medioambientais | Fonte: CIG.

As organizacións sindicais denuncian que a Xunta de Galicia malgastou máis de 5 millóns de euros de diñeiro público nos últimos dez anos, diñeiro que, din, "quedou demostrado na 'Operación Sentinela' asinada entre a Xunta de Galicia e o Exercito, a cal, defenden, "non é eficaz, pois no lugar onde estiveron despregados [os militares], os lumes continuaron e non se constatou unha redución dos mesmos".

Os axentes consideran que ese diñeiro "malgastalo" tería sido máis útil para "desbrozar moitos quilómetros de pistas forestais e poder atallar os lumes con máis axilidade, pistas que estaban totalmente pechadas e sen desbrozar nos últimos 5 anos, motivo este, polo que o lume queimou 30 hectáreas arboradas no concello pontevedrés de Vila de Cruces no presente mes", poñen como exemplo.

O colectivo de axentes forestais e medioambientais tamén denuncia problemas co uso de recursos ténicos. Así, aseguran que "ás cámaras non se lle fai mantemento e están inservibles, os drons son ineficaces... e mentres, a Policía Medioambiental de Galicia está sen vehículos, os directores de extinción do 99% dos lumes de Galicia, sen cobrar unhas gardas dignas".

A todo isto engaden que "os mellores investigadores deses lumes seguen sen un horario axeitado que permita a conciliación da vida laboral e familiar e sen as prazas nas RPT que o presidente da Xunta prometeu crear e sen que os axentes que perseguen o furtivismo en Galicia teñan seguridade xurídica e persoal".

Ante esta situación, censuran que "a Xunta segue a ignorar as demandas" deste colectivo mentres se aproxima a campaña de alto risco de incendios forestais e o conflito segue sen resolverse.

"Que pensa facer o Goberno da Xunta de Galicia con estes axentes forestais e medioambientais de Galicia ? E o Partido Popular?", pregúntanse.

"DEIXAMENTO DE FUNCIÓNS"

Os representantes dos traballadores advertiron en varias ocasións que o actual acordo non serve para combater os grandes lumes que se producen en Galicia e ven como "ano tras ano a Xunta de Galicia no fai os seus deberes e espera a que se produza unha fin de semana negra como foi a 15 de outubro do ano pasado, chamando aos axentes forestais o 14 de outubro, pedíndolles por favor que realizaran o seu traballo, cousa que non é necesaria que a Xunta llo pida", xa que, defenden estes axentes, "levamos arriscando a nosa vida para impedir que os lumes devasten os montes galegos dende sempre!".

Por todo isto, denuncian ante a opinión pública que "falta menos dun mes para que comece a campaña de alto risco" de incendios e hai un "deixamento de funcións do actual Goberno", ademais dunha "incapacidade de redactar un novo acordo laboral que permite apagar e dirixir os lumes de nova xeración".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta