Segue crecendo o clamor popular contra a mina de Touro-O Pino

A parroquia de Turces mobilízase contra este proxecto que pretende ser "a mina de cobre máis grande de Europa", alertan.

Por Galicia Confidencial | Touro | 03/06/2018 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

Veciños da parroquia de Turces, no concello de Touro, organizaron este domingo unha xuntanza veciñal na que expresaron o seu rexeitamento ó proxecto mineiro que se pretende abrir nos términos municipais de Touro e O Pino.

Veciños da parroquia de Turces, no concello de Touro, contra a mina de cobre.
Veciños da parroquia de Turces, no concello de Touro, contra a mina de cobre.

Estes veciños din estar "preocupados ante a ameza de reapertura" da antiga mina de cobre. Por iso, decidiron reunirse co obxectivo de profundizar nas consecuencias que este proxecto conleva. Esta é unha máis na serie de xuntanzas que están a xurdir en diversas parroquias ó longo do concello, poñendo de manifesto o rexeitamento á que pretende ser "a mina de cobre máis grande de Europa", alertan.

O fin desta reunión foi estudar como se vería afectada a parroquia con esta explotación, e analizar os riscos máis directos ós que quedaría exposta, tales como a nova liña de alta tensión que abastecería as instalacións dende a subestación de Portodemouros, ou a presenza de nubes de pó en suspensión xeradas pola actividade mineira, que poderían alcanzar, facilmente, un radio duns 15 quilómetros de expansión.

A través dunha recollida de firmas, e da distribución dunha serie de pancartas que lucirán a partir de agora nas fachadas das casas de diversas aldeas, quedou á vista o rexeitamento xeneralizado da veciñanza de Turces a este proxecto.

O grupo está a organizarse xa para participar na manifestación que terá lugar o vindeiro domingo día 10 de xuño en Santiago, á que acudirán "en representación de todos aqueles que queren seguir apostando por un concello de Touro sostible e libre de contaminación."

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta