En Marea: “Aquí decidiremos nós as marcas e as siglas, non Podemos ou IU"

Esta formación descarta a aplicación en Galicia do pacto Podemos-IU-Equo e aposta por "pactos" entre todos os partidos. As únicas dificultades que poden xurdir será “encaixar nomes e partidos” dentro das distintas listas. O principal problema sería artellar listas conxuntas para tentar acadar poder nas deputacións provinciais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

En Marea manterá a súa propia marca nas eleccións municipais. Así o aseguran fontes da formación galega consultadas por GC logo da declaración conxunta feita pública por Podemos, Izquierda Unida e Equo esta fin de semana pasada na que anunciaron un acordo marco para concorrer en coalición ás eleccións municipais, autonómicas e europeas que terán lugar en 2019. 

Plenario de En Marea en Santiago
Plenario de En Marea en Santiago

“Ese acordo é para varias partes do Estado, pero non para Galicia”, apuntaron estas fontes que descartaron que haxa candidaturas diferentes ás mareas locais xa constituías por partidos que forman parte delas como poden ser Podemos ou Esquerda Unida. 

Segundo o acordo rubricado o nome que esa coalición levará no conxunto do estado será 'Unidas Podemos Izquierda Unida Equo', mentres que para as europeas decantáronse pola marca 'Unidas Podemos cambiar Europa'. Os tres partidos recollen na súa declaración conxunta o compromiso de "construír unha España máis moderna, máis democrática e máis xusta social e ambientalmente" e apostan pola coalición electoral como fórmula xurídica "máis adecuada" para representar a súa unidade "sen renunciar á diversidade".

O documento dos asinantes recolle que para que a coalición se presente nun determinado municipio non teñen por que estar presentes os tres partidos. Ademais, sinálase que á norma xeral —que di que nas papeletas electorais se recollerá o nome da coalición, as siglas e os logos de cada unha das organizacións-— poden darse excepcións. Pero estas excepcións serán puntuais nas grandes cidades con "marcas consolidadas" como Agora Madrid ou Barcelona En Comú, ou en Galicia os casos de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela, as tres cidades gobernadas polas mareas.

"DECIDIREMOS NÓS"

“Non é certo que se queira impoñer esa marca en Galicia. Aquí as cousas non están aínda fechadas. Decidiremos nós as marcas”, suliñan fontes da dirección de En Marea consultadas. De feito, lembran que no plenario desta organización que tivo lugar hai unha semanas acordouse que En Marea apoiaría a presentación de candidaturas de “mareas locais”. Isto significa, din, que se seguirá o modelo das municipais de 2015 na que concurriron baixo unha mesma candidatura distintos partidos, entre eles, Anova, Podemos ou EU.

Vista xeral do auditorio na celebración da Marea Constituínte en Vigo
Vista xeral do auditorio na celebración da Marea Constituínte en Vigo | Fonte: Marea Atlántica.

Deste xeito, nas principais cidades xurdiron candidaturas como Marea de Vigo, Marea Pontevedra, Lugo Novo, Ferrol en Común, Marea Atlántica, Compostela Aberta ou Ourense en Común. De feito, con distintos nomes, o formato das mareas locais presentou listas en máis de cen concellos galegos.

Aínda que o pacto rubricado entre Podemos, IU e Equo non se aplicará nas mareas consolidadas de grandes cidades, mantense moi ambiguo no que ten que ver co resto das mareas locais. O documento recolle “que a denominación poderá ser diferente nas eleccións municipais en Cataluña e Galicia e será froito do acordo coas forzas políticas irmás neses territorios". De feito, indica que serán os distintos partidos os que celebren primarias por separado para elixir os seus candidatos e decidir como se articula cada alianza. 

“E esa alianza será no marco das mareas locais que terán que decidir as súas listas independentemente das siglas ou dos partidos. E se algún partido non está dacordo co que se decide, ou non pode situar a algún dos seus de primeiro nas listas entón poderá ir por libre”, apuntan as fontes consultadas. 

De feito, varios dirixentes de correntes diferentes dentro de En Marea aclaran que “o lóxico sería pactar unhas listas nas que todos estean cómodos” para non presentar listas enfrontadas. E iso, a pesar do aprobado polas bases de Podemos en Galicia que decidiron maioritariamente o pasado marzo ir co nome da súa organización nas listas. “En Galicia farán o que lle digan en Madrid e en Madrid non hai vontade de crear máis crises en Galicia”, suliñan fontes consultadas. 

DEPUTACIÓNS

Outro problema engadido será se se poden unificar as candidaturas cun “único nome”.  O pacto entre IU e Podemos tamén ten como obxectivo presentarse no máximo número de municipios para non desperdiciar votos na composición das deputacións provinciais, que reflicten a repartición de forzas a nivel municipal en cada provincia. Unha estratexia para entrar tamén en gobernos provinciais.

Con todo, no caso galego a situación é máis complicada debido a diferentes siglas existentes e, no caso das grandes cidades, con marcas xa consolidadas. Isto provocou nas pasadas municipais ter perdido deputados provinciais por non ir unidos. Unha situación que, de repetirse, podería cambiar gobernos nas deputacións xa que os votos poderían favorecer a outros partidos, como podería ser o PP na provincia da Coruña ou de Lugo.

Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea
Martiño Noreiga, Xulio Ferreiro e Jorge Suárez nun acto de En Marea | Fonte: enmarea.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

13 ex ex ex

Pois os de Podemos de Pontevedra andan con no sei que "Camiño Valencia 19" (¿?). Esta semana mesmo teñen unha asemblea cos oito ou nove que son para tramar contra Marea Pontevedra. Iso si, entre e eles hai unha deputada nas Cortes españolas, e dous deputados no Parlamento galego, home e muller. Vaia para a ratio de soldos que ten este círculo!

12 Escar Miento

Efectivamente vais a decidir del mismo modo que estos últimos años: D. Eche & cía (que conste que me parece un crack el tío!!) señalará quién entra y quién sale y quién habla o no en el Congreso.....Ya se vió este último periodo la de veces que Galicia sonó en el congreso o en el senado...….Si es que el que no se consuela es porque no quiere....Por cierto....habéis visto Matrix? esa movie en la que unos se creen que viven en la realidad y en realidad no viven?

11 Per

Telematicamente reunides de mil a dous mil persoas,,, presencialmente de cen a douscentos ...e sodes, a xente o povo ,, ides ben de carallo,,,, en canto baixedes nunhas elecions non queda nada do soufle.

10 Retrinco

Pois eu coido que quen manda é Paula Quinteiro, de Podemos.

9 Finezza

Grazas por alegrarme a maña. Hai vinte minutos que non paro de rir.