Temas: PARO EMPREGO

A Xunta presume dunha "caída histórica do paro"

Emprego destaca a diminución dun 11,49% do desemprego por terceiro mes consecutivo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2018 | Actualizada ás 13:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia destacou que Galicia é a comunidade na que máis baixa o paro en evolución anual (unha diminución do 11,49%, o que se traduce en 22.942 desempregados menos) "por terceiro mes consecutivo". A través dun comunicado de prensa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria resalta que "isto supón que a comunidade rexistra este ano por quinto mes consecutivo unha caída histórica do paro".

Covadonga Toca
Covadonga Toca | Fonte: Europa Press

Ademais, engade, desde xaneiro, o desemprego "está a baixar cada mes polo menos un 10% e, como mínimo, en 22.000 persoas", o que en palabras da secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, "son unhas cifras que apoian as políticas activas de emprego que está a executar a Xunta".

"O desemprego en Galicia leva xa catro anos e medio baixando de maneira consecutiva e sitúase en niveis de hai nove anos", chama a atención. Ademais, indica que a comunidade galega "continúa creando emprego, rexistrando desde 2007 o maior crecemento nas afiliacións, que aumentan nun 2,76%, é dicir, en 26.786 máis", en variación anual.

Deste xeito, Galicia encadea xa máis de catro anos de subidas consecutivas, desde abril de 2014, e son sete meses consecutivos nos que o número de afiliacións crece por encima das 20.000 e do 2%, segundo subliña a Xunta. Na evolución mensual, as afiliacións, por cuarto mes consecutivo, desde febreiro, segundo engade, "crecen máis que a caída na cifra de parados".

"A calidade no emprego tamén segue mellorando", sostén a responsable de Emprego, ao facer referencia a que no último ano se asinaron 8.594 contratos máis, un aumento do 9,81%, e a que a contratación indefinida creceu un 22,20%, "superando en máis de 13 puntos o ritmo de subida da temporal".

A tempo completo tamén aumentou nun 14,60%, "quintuplicando o incremento reflectido a tempo parcial". En comparación con España, tamén valora a Xunta que "o ritmo de contratación en Galicia é moi superior" e cífrao nun 8,29% máis. Tamén é maior en Galicia que no Estado o incremento no número de contratos indefinidos, un 2,58% máis, segundo agrega.

Destaca así mesmo que o paro baixou nos colectivos "con máis dificultades para atopar un posto de traballo": nos menores de 30 anos (-14,10%); parados de longa duración (-9,04%); e mulleres(-8,98%). "Algo máis dun de cada tres desempregados que saíron do paro no último ano eran parados de longa duración", incide.

Descendeu nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a caída a construción (-21,76%), seguido da industria (-14,37%), e da agricultura e pesca (-13,19%). Con respecto aos datos provinciais, Lugo lidera o descenso cunha baixada do 13,70%, seguida de Pontevedra (-12,81%), Ourense (-12,31%) e A Coruña (-9,35%).

Toca tamén puxo en valor que o paro baixou con respecto ao mes de abril nun 3,07%, "a terceira maior baixada desde a crise" e destacou que para seguir con "esta mellora no mercado laboral", a Xunta seguirá executando programas de emprego "orientados a incrementar a formación adaptada ás demandas das empresas e á orientación laboral".

Temas: PARO EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta