Descubrimos co astrónomo José Ángel Docobo os segredos mellor gardados do Universo

Que lugar ocupamos no conxunto do Universo? Será a Terra o único planeta que alberga vida? Como é que hai estrelas de diferentes cores? Todas estas preguntas xurdiron nun acto do Ateneo onde tamén se homenaxeou a figura de Ramón María Aller Ulloa, un dos pioneiros da observación astronómica galega.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 05/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Alá polo 1917, mentres os nosos escritores galeguistas se organizaban nas Irmandades da Fala, Ramón María Aller, un lalinense abraiado pola astronomía, fundou o primeiro Observatorio Astronómico de Galicia. Agora, van 75 anos do momento en que o observatorio se trasladou a Santiago de Compostela e pasou a depender da Universidade. José Ángel Docobo é o seu director, e con motivo desta celebración, o Ateneo de Santiago convidouno para que nos mergullase nos segredos do Universo.

O universo
O universo | Fonte: La Vanguardia

CAL É A NOSA POSICIÓN E RELEVANCIA NO UNIVERSO?

A conferencia, que xirou arredor de estrelas e sistemas planetarios, desenvolveuse nun pequeno espazo do edificio de Afundación, na Rúa do Vilar. Un lugar diminuto e insignificante se pensamos en chave de Universo. O profesor Docobo fíxonos conscientes do ínfimo espazo que ocupamos cando explicou a nosa posición dentro do Universo.

Nós atopámonos nun planeta da Vía Láctea, unha galaxia máis dentro dun sistema enorme de galaxias que á súa vez, forma parte do que se coñece como grupo local, que volve constituír supercúmulos máis grandes. “O universo está totalmente xerarquizado”, di Docobo. E nós somos tan minúsculos coma unha mota de pó ao pé dun xigante.

As distancias tampouco axudan. Os astrónomos mesmo falan de anos luz. “Cando nós miramos para o ceo todo o que vemos pertence á Vía Láctea, pero tamén podemos observar unha nebulosidade diferente: é a Galaxia Andrómeca”. Moito máis grande ca a nosa, atópase a 2600000 anos luz de onde nós nos situamos. Así pois, nunca poderemos ver a Andrómeda tal como é no noso presente, observarémola sempre como xa foi hai 2.600.000 anos. Para facérmonos unha idea das lonxitudes, Docobo puxo un exemplo: “Se a Terra está a un metro do Sol, a seguinte estrela máis achegada a nós atópase a 3500 km”.

José Ángel Docobo no Luns do Ateneo
José Ángel Docobo no Luns do Ateneo

Pero isto non remata aquí. Só na nosa Galaxia hai 200 mil millóns de estrelas. Estímase que haxa dous billóns de galaxias. E calcúlase que hai oitocentos trillóns de planetas. Ante cifras tan inabarcables, a pregunta que lle xorde a Docobo xórdenos a todos: “Será a Terra o único planeta que alberga vida?”. “De seguro que non estamos sos pero si estamos completamente illados”, axiña se respondeu o astrónomo.

O contacto con outros planetas faise moi complexo polas distancias enormes que existen entre nós e eles. Con todo, “neste preciso momento pode haber outras civilizacións que si estean en contacto entre eles”, imaxina Docobo. Todo é posible cando falamos do Universo.

A SINGULARIDADE DE CADA ESTRELA: LUCES E CORES DIFERENTES

Sempre gustamos de desfrutar da beleza dun ceo estrelado e sempre nos vincula con moi diversas sensacións. Mais o certo é que os nosos ollos non alcanzan a ver moitos detalles que se nos acaban pasando por alto. Quen había pensar, a simple vista, que as estrelas tiñan luces e cores diferentes?

Docobo explicou que Hiparco de Nicea, un astrónomo, xeógrafo e matemático grego, foi o primeiro en catalogar as estrelas polo seu brillo aparente. Así pois, decidiu adscribir cada punto de luz a unha magnitude diferente, sendo as máis luminosas de magnitude un e as máis apagadas de magnitude seis, o límite da visión humana. Co paso do tempo, esta forma de medir aplicouse tamén aos planetas.

Seguindo esta regra e aumentando as súas categorías, o Sol situaríase nunha magnitude de -26’7 e a lúa chea en -12’6. Son os astros máis luminosos dende a Terra. Con todo, Docobo puntualizou que o brillo das estrelas depende da súa enerxía e da distancia que se atopen de nós. Polo tanto, para coñecer o brillo real das estrelas deberiamos velas todas á mesma distancia.

As súas cores, ademais, varían en función da temperatura da fotosfera -a superficie da estrela-. Desta maneira, aínda que dende o prado máis afastado da contaminación lumínica das cidades todas as estrelas sexan amarelas, hainas mesmo azuis. Canto máis calor garde a súa superficie, máis colorada será esa estrela. E pola contra, canto máis fría sexa, máis tenderá a cores azulados.

Sobre estrelas, planetas e galaxias lévanse descuberto moitos misterios, e máis que quedan... Cando Aller Ulloa mirou cara ao ceo dende Lalín atopou novidades non antes sabidas por ningún outro astrónomo.

RAMÓN MARÍA ALLER ULLOA: O LALINENSE QUE MIRABA CARA AO CEO

Dende lonxe houbo un gran interese pola astronomía. Hiparco, Copérnico, Aristóteles... son nomes que nos soan, persoeiros que foron cambiando a concepción do universo coas súas achegas. Aller Ulloa pode engadirse á lista. Dende o seu modesto Observatorio de Lalín implicouse en diversas investigacións e conseguiu crear escola en todo o país.

Mesmo introduciu novos conceptos no eido da astronomía. En referencia a eses astros que se observan próximos entre si dende a Terra, el acuñounos como estrelas dobres. En realidade, son estrelas moi distantes a unha da outra e separadas pola onda gravitatoria, pero que conseguen enganar a vista e semellar próximas.

Todos os seus avances ían vendo luz nunha revista astronómica alemá, a máis antiga rexistrada. Pouco a pouco, o observatorio de Lalín ía collendo sona e mesmo moitos persoeiros chegaron a visitalo: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo... Pronto se converteu nunha institución recoñecida. E Docobo tivo palabras de agradecemento ao labor de Aller Ulloa: “foi todo un pioneiro, autor de libros moi importantes como Algoritmia, que precisamente este ano fai o centenario”.

Hoxe en día, o Observatorio de Lalín é museo, e as actividades desenvólvense no Observatorio de Santiago de Compostela, que leva por nome Ramón María Aller Ulloa na súa honra. Con Docobo como director, están involucrados en numeras investigacións sobre o estudo dos astros.

Se hoxe en día podemos saber moito do que agocha o ceo é grazas á actividade de persoeiros como Aller Ulloa e estudosos como José Ángel Docobo. Pero sabemos tanto como seguramente descoñecemos... A astronomía aínda ten moitos misterios por diante para resolver.

José Ángel Docobo no Luns do Ateneo
José Ángel Docobo no Luns do Ateneo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 azul +calor vermellas -frio

O das cores das estrelas o tedes do revés azuis mais calor e vermellas mais frio - https://www.youtube.com/watch?v=WrR...

1 Luisa

Unha moi interesante reportaxe. Temos xenios en Galicia, como Docobo, e antes Aller, que están esquencidos. Algún día, cando xa non sexa necesario virán as homenaxes.