A conselleira Quintana afirma que "o futuro de Feijóo é o presente" de Galicia

Aposta por un ministro ou ministra de Pesca que "coñeza" e "queira" o sector, porque terá "retos importantes".

Por E.P. | VIGO | 06/06/2018 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, eludiu pronunciarse sobre a posibilidade de que Alberto Núñez Feijóo suceda a Mariano Rajoy á fronte do PP, e sinalou que "neste momento o que toca" é "agradecer" o traballo de Rajoy, á vez que afirmou que "o futuro de Feijóo é o presente que temos en Galicia". Así se pronunciou despois de participar na inauguración dun congreso sobre cumprimento normativo no sector pesqueiro, que se celebra en Vigo.

Rosa Quintana con Alberto Núñez Feijóo
Rosa Quintana con Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Ana Varela

"Neste momento, o que toca é agradecerlle ao presidente Rajoy o traballo que fixo, a dignidade que mantivo", proclamou e, citando a Feijóo, repetiu que España tivo "dous grandes presidentes", Adolfo Suárez e Mariano Rajoy.

Na súa opinión, a Suárez os españois deben agradecerlle "a magnífica transición que realizou" e, con respecto a Rajoy, lembrou que "non hai tanto tempo que España estaba tamén necesitando unha transición". Así, recalcou que pasou de "ser un país ao bordo da quebra, con desprestixio internacional, a piques de ser intervido", a ser "un país moito máis solvente, que volve recuperar a credibilidade a nivel internacional" grazas a Rajoy, ao que hai que recoñecerlle "o seu traballo e o seu esforzo".

Con respecto ao futuro de Feijóo, e se sería un bo sucesor do ex-presidente e que pasaría en Galicia se o líder dos populares galegos marcha a Madrid, Rosa Quintana limitouse a aseverar: "O futuro de Feijóo é o presente que temos hoxe aquí, en Galicia".

CARTEIRA DE PESCA

Por outra banda, e a preguntas dos medios, Rosa Quintana tamén se referiu ao próximo ou próxima ministra de Pesca. Aínda que rexeitou pronunciarse sobre nomes concretos, expresou o seu desexo de que "o presidente Pedro Sánchez acerte" no nomeamento.

A ese respecto, lembrou que o novo responsable de Pesca deberá enfrontarse a "retos moi importantes", como a negociación do 'brexit' ou a negociación das posibilidades de pesca para 2019 no consello de ministros da UE previsto para decembro.

"O único que podo desexar é que a persona que se poña á fronte desta responsabilidade coñeza o sector, que lle queira ao sector e que defenda ao sector diante doutras institucións. E, sobre todo, desexarlle moita sorte desde o minuto un en que tome de posesión", aseverou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta