Radiografía da sanidade galega: máis precariedade e máis privatización

Os recortes, as externalizacións, os centros concertados non son os únicos puntos definitorios da política sanitaria do actual Goberno da Xunta de Galicia. Tamén existen unha serie de actuacións sobre o persoal sanitario que, cando menos, resultan cuestionables mesmo para os tribunais de xustiza.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/06/2018 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

A política sanitaria levada adiante polo goberno galego está afectando á atención aos doentes así como á calidade do servizo público galego de saúde. Esta baixa na calidade sanitaria dentro do sistema público ten as súas raíces no comportamento privatizador das políticas sanitarias do actual goberno da Xunta, na reestruturación das áreas sanitarias coa redución en atención especializada dentro dos hospitais comarcais e tamén na xestión dos propios centros sanitarios. E non son só os profesionais os que denuncian a situación, as estatísticas e diversos informes tamén comezan a cuestionar a política sanitaria de Feijóo.

Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública
Protesta dos sindicatos polo peche de camas do Sergas no verán e a privatización da sanidade pública | Fonte: EP

Ademais disto, tamén existen situacións en que algúns profesionais da sanidade non poden desenvolver as súas tarefas profesionais tal e como dictaminaría a lei. Desde o cuestionamento da capacidade profesional, impedir o retorno aos postos que se tiveron por oposición ou o atraso na aplicación de sentenzas firmes dos tribunais, son parte dunhas prácticas que tentarían impedir a continuidade laboral no seo da sanidade galega para algúns facultativos.

A POLÍTICA SANITARIA

A chegada de Alberto Núñez Feijoo ao goberno da Xunta trouxo canda si unha diminución do 8,65% no orzamento sanitario galego. No ano 2015 a redución total foi do 10,3% con respecto ao ano 2014. Os datos apuntaban daquela que Galicia era a comunidade autónoma coa maior redución de diñeiro destinado a sanidade. Logo viñeron uns anos con incrementos que aínda así non supuxeron grandes diferenzas. No exercicio actual con 3.861 millóns de euros, un orzamento similar aos 3.766 millóns do goberno Touriño en 2009. Segundo fontes próximas ao Sergas, en dez anos perdéronse mil millóns de euros para a sanidade pública galega. Cada galego e galega recibe neste 2018, 1.380 euros en atención sanitaria, por debaixo da media estatal, 1403 euros.

A privatización converteu a Galicia nun lugar onde se puxeron en marcha unha serie de inciativas destinadas á “financiación dun modelo de colaboración público-privado” así como “a compra pública innovadora” ou o “diálogo competitivo”. A principal mostra de todo isto é a derivación a centros sanitarios privados de pacientes que poderían ser atendidos nos centros públicos.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co responsable da xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde, e José Castillo,  xefe do Servizo de Neuroloxía e director científico do IDIS
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co responsable da xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde, e José Castillo, xefe do Servizo de Neuroloxía e director científico do IDIS | Fonte: Xoán Crespo.

O documento “Claves da Política Sanitaria do PP” do colectivo Batas Blancas de Galicia di que “entre 2013 e 2017 segundo os datos que aportou o Director Xeral de Asistencia Sanitaria, o SERGAS enviou a Centros Privados Concertados a case 350.000 pacientes para realizárenselles probas diagnósticas ou intervencións cirúrxicas”. No mesmo documento apuntan un aumento do 10% dentro do gasto privado do SERGAS “é previsible que esta porcentaxe aumente moito máis como consencuencia da recente entrada en vigor da Lei de Garantías”. Esta lei obriga ao servizo público galego a derivar a outros centros, ben privados ben públicos, a quen leve máis de 45 de atraso en consultas de especialista ou probas de diagnóstico e se supera os 60 días para unha intervención cirúrxica.

SOBRE OS PROFESIONAIS

As consencuencias da política sanitaria da actual Xunta de Galicia tamén se deixa sentir dentro do colectivo profesional, tanto entre facultativos como en enfermeiría e outros corpos do sistema sanitario. De tal xeito é así, que cuestións puramente administrativas, profesionais e de posicionamento teórico sobre determinadas áreas da saúde, poden supoñer unha vía para o que algúns traballadores e traballadoras pensan que son manobras para retirar persoal pouco favorable ás actuais políticas sanitarias.

En 2009 cesaba o subdirector xeral de Saúde Mental e Drogadiccións, Víctor Pedreira Crespo. O doutor Pedreira estivera no seu cargo durante o goberno de Emilio Pérez Touriño. Despois do seu paso pola administración autonómica, quixo volver ao seu posto como xefe de psiquiatría do Centro Hospitalario de Pontevedra (CHOP). Posto que ocupaba desde o ano 1982, ao que accedera mediante un proceso selectivo por parte da Deputación de Pontevedra. Este psiquiatra recibe para a súa sorpresa dous cesamentos, o da administración galega e o de xefe de psiquiatría do CHOP.

Víctor Pedreira pide explicacións. Desde a xerencia do hospital díselle que é un erro administrativo segundo apuntou a mesma conselleira de Sanidade do momento, Pilar Farjas. O xerente do hospital reuniu ao staff directivo do centro para que se entendese que non había cesamento. Pero catro meses despois, Pedreira continuaba como adxunto e non como xefe de psiquiatría. Durante eses catro meses pasara o prazo para reclamar que o cesamento non era procedente, sen que antes fose avisado deste punto. Tiña que pasar por un tribunal de oposición para volver á súa praza segundo a lei de 2005 para postos de xefatura como o de psiquiatría.

TRES TRIBUNAIS PARA DECIDIR

O doutor Pedreira pasou por tres tribunais que cada un mostrou unha serie de irregularidades. O primeiro tivo que ser anulado por non cumprir coa lei de Igualdade, pois non era paritario. O segundo tribunal era paritario, pero unha das integrantes do mesmo non era titular dunha praza nin pertencía ao equipo docente dunha universidade, requisitos para formar parte dun tribunal avaliador. O terceiro tribunal cumpría con todos os puntos, pero un dos integrantes comezou o que Pedreira considerou “ataques persoais contra a miña capacidade profesional”. O fallo do tribunal foi favorable ao segundo candidato, unha persoa “de carácter máis temperado” para o posto.

Todo isto acabou no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que interpretou o traballo do Tribunal “como unha clara desviación de poder” e por tanto, hai que anular ese tribunal. Ata o día de hoxe non se ten executado a sentenza do TSXG no caso do doutor Pedreira.

O CASO DO DOUTOR BORRO

Outro caso semellante é o sucedido co doutor José María Borro, que fora xefe de cirurxía torácica do Centro Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Por terceira vez, o doutor Borro foi absolto pola Audiencia Provincial da Coruña logo dunha demanda por danos contra a honra presentada por tres médicos do CHUAC. A demanda fora presentada por José María Borro despois que de denunciase ao SERGAS que eses tres doutores derivasen de maneira irregular a unha clínica privada, doentes con cancro de pulmón para practicarlles cirurxía dunha única incisión. Alí cobrábase pola intervención cunha técnica que segundo o doutor Borro “era moito máis arriscada e sen vantaxes científicas demostradas”.

José María Borro, segundo Batas Blancas, organización da que el formaba parte, sufriu un ataque contra o seu prestixio profesional. Ademais de ser sancionado polo Colexio de Médicos da Coruña, tamén apartado da súa praza de docente na Universidade da Coruña. Actualmente está xubilado.

Estes casos, xunto coa privatización de servizos dentro da sanidade pública, fan concluir a moitos profesionais que o modelo sanitario público está en perigo. Que a solución sería darlle a volta a todo o sistema actual, aumentando o número de camas, servizos e contratacións e oposicións. Mentres tanto, a Lei de Sanidade aprobada recentemente no Parlamento de Galicia, é un marco para, segundo fontes do sector sanitario, darlle carácter legal ao que sería o desmantelamento da sanidade pública galega.

Persoal sanitario
Persoal sanitario
Hospital Clínico de Santiago /11/1999FOTO YOLANDA NETO
Hospital Clínico de Santiago /11/1999FOTO YOLANDA NETO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anselmo

Unha redución do 18,8% do orzamento no sistema sanitario galego? Revisade as cifras...