Temas: CATALUñA PSOE

O político catalán Joan Tardà espera que o goberno do PSOE escoite máis que o do PP

O dirixente de ERC participa nun acto en Santiago xunto á líder do BNG. Tardá avisa dunha "involución democrática" no Estado.

Por E.P. | Santiago | 06/06/2018 | Actualizada ás 20:17

Comparte esta noticia

O portavoz de Esquerra Republicana (ERC), Joan Tardà, considerou este mércores que "posiblemente" o "Goberno socialista soportado por Podemos" escoitará "máis" aos partidos nacionalistas cataláns que o Executivo do PP "soportado por Cs". O dirixente de ERC participou este mércores nunha conferencia sobre o soberanismo no Estado español organizada polo BNG en Santiago de Compostela, escenario no que recoñeceu ter "esperanzas xustiñas" sobre a posibilidade de que o novo escenario político no Estado permita acadar unha saída ao conflito independentista catalán.

Tardà nun acto en Santiago con Ana Pontón
Tardà nun acto en Santiago con Ana Pontón | Fonte: Europa Press

E é que, segundo apuntou, ERC ten "un proxecto" que é "construír a República catalá". "Tan certo é isto como que temos que ser máis e por iso fai falta que o Goberno de Cataluña traballe en beneficio dos cataláns, sexan ou non independentistas, para acumular forzas", asegurou. Todo iso nunha intervención na que volveu a deixar claro que ERC "non apoiou" ao PSOE na moción da censura senón que o que fixo foi "contribuír a botar ao PP constitucionalmente e democraticamente".

"Xa no seu momento criticamos que o PSOE investise a Rajoy, despois apoiamos con entusiasmo a moción e presentou Podemos e perderamos case a esperanza de que o PSOE presentase a moción", sinalou para lembrar que en marzo ERC dixo que estaba disposta a "aprobar unha moción de censura no caso de que o PSOE a presentase a cambio de nada". "Hai un ben superior, botar ao PP", engadiu.

CONFERENCIA EN SANTIAGO

Joan Tardà participou este mércores xunto á líder do BNG, Ana Pontón, nunha conferencia en Santiago de Compostela que encheu o salón de graos da Facultade de Ciencias Políticas, até onde se desprazaron numerosos cargos do Bloque, como a eurodeputada Ana Miranda; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; ou o histórico nacionalista e ex parlamentario europeo, Camilo Nogueira.

"Estamos moi agradecidos ao BNG, creo que nunca poderemos pagar a solidariedade do BNG", manifestou Tardà, que censurou o "asedio permanente por parte do Reino de España" que, na súa opinión, "ignora que non existe democracia sen o consentimento dos cidadáns" e "non quere recoñecer o dereito á autodeterminación dos pobos ibéricos". Así, sinalou que, por "riba das diverxencias" que pode haber entre ERC e o BNG, existe unha "converxencia". "Non só na defensa dos valores senón tamén en coincidencias estratéxicas e tácticas", apuntou.

"INVOLUCIÓN DEMOCRÁTICA DO ESTADO"

Tardà atendeu aos medios acompañado da líder do Bloque, Ana Pontón, quen destacou a importancia de "dar un debate sobre a situación" que se vive "en Cataluña" e no conxunto do Estado español nun momento de evidente "involución democrática".

"É evidente que o debate sobre Cataluña é tamén un debate sobre a democracia, sobre os dereitos, nun momento no que vemos ao réxime máis tocado que nunca e cunhas actitudes antidemocráticas que nos afectan a todos", sinalou. Así, ademais de denunciar que políticos sexan "presos polas súas ideas" no Estado español e que persoas estean "no cárcere por expresar as súas ideas", aproveitou para denunciar no Parlamento galego hai "un mordaza" e os deputados non poden "dicir" o que pensan.

"Hoxe estamos a ver a verdadeira cara de Feijóo, que ante un debate sobre a corrupción e unha condena como a que todos puidemos ver, que sinala ao PP como unha trama corrupta, por decreto decídese que no Parlamento temos unha mordaza". "Todo isto son síntomas de alarma sobre a involución democrática que estamos a vivir", apuntou. Por iso, aínda que recoñeceu ter "unha expectativa" respecto ao novo Goberno, considerou necesario "coñecer sen filtros" cal é o debate en Cataluña porque "hai unha realidade moi manipulada".

Temas: CATALUñA PSOE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Edelmiro

Non entendo nada. Joan Tardá tinha que estar con Podemos, IU máis ANOVA...e non cos traidores do BNG (JA, JA, JA, JA)

1 comunista independentista

Está ben claro. Anova trae hai uns días a un das CUP: independentismo anticapitalista. O Bloque trae agora a un de ERC: procesismo socioliberal. Cada un cos seus. Que é o que non se entende?