As claves de por que a gran orquestra canaria Tamarindos non virá este verán a Galicia tras 30 anos

A directora da formación canaria, Yaiza Falcón, asegura que, "tras a marcha de todos os cantantes do frente" da orquestra, "a xira non estaría preparada a tempo", mais non descarta "retornar" nos "vindeiros anos". GC analiza que hai detrás desta decisión, así como a traxectoria dunha das orquestras míticas no panorama das festas de verán do país.

Por Ángela Precedo | Santiago de Compostela | 08/06/2018 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

Unha dos orquestras con máis traxectoria das Illas Canarias e con maior percorrido no panorama galego, Tamarindos, anunciou o pasado mes de marzo que non estará de xira este ano pola nosa comunidade. Que é o que impediu esa chegada anual da formación? Que é o que provocou que aínda tendo datas pechadas de anos anteriores para o 2018 na Comunidade galega decidise cancelar a súa xira? E, sobre todo, a pregunta que xira na cabeza de todos os seguidores desta grande orquestra: tras a marcha dos seus compoñentes, quen son as novas voces que a integran?

Tamarindos 3.0, xira 2018
Tamarindos 3.0, xira 2018

Para comezar dende o inicio dos acontecementos, é necesario sinalar que a orquesta Tamarindos fundouse en xullo de 1980 na illa de Gran Canaria. Adoptou o nome dunha árbore tropical moi lonxeva, pero de crecemento lento, xa que esa foi a esencia que lle quixeron transmitir os seus creadores a esta formación. Ademais, tamén elixiron esa especie autóctona en particular porque o seu repertorio tiña características semellantes ao froito da árbore: era agradable e de sabor delicado.

Así, tras a súa fundación, a orquestra leva casi catro décadas percorrendo Canarias, onde ten un éxito de público garantizado en cada actuación; e moitos outros territorios por toda a Península Ibérica. Como formación, ao longo da súa traxectoria, non só compuxo máis dun centenar de temas propios –como ‘Déjala que baile sola’, ‘El baile del Pingüino’, ‘Locos por amor’ ou ‘Amor de Novela’, entre outros-- e actuou de maneira independiente con espectáculos nas verbenas, senón que tamén ten feito colaboracións con artistas do talle de Manolo Escobar, Chiquetete, Óscar D’León, Celia Cruz, os irmáns Rosario ou Manny Manuel.

Neste mesmo senso, os seus compoñentes tamén teñen cantado duetos con recoñecidas voces do panorama nacional e internacional, coma Rubby Pérez, José Alberto ‘El Canario’, Cherito, 4Ever, Ng2, Marlon, Kalimete ou Proyecto Uno. Todos estes temas compoñen un total de 12 álbumes de estudio, onde poden destacarse ‘Marcando diferencias’ (2013), ‘Paseo por las Estrellas’ (2011)  –que celebraba o 30 aniversario da formación—e ‘Original’ (2016) –o disco de máis recente creación--.

POR QUE TAMARINDOS NON REALIZARÁ A SÚA HABITUAL XIRA GALEGA?

Tamarindos 3.0, xira 2018
Tamarindos 3.0, xira 2018

Así, tras toda esta traxectoria musical e artística ás súas costas, Tamarindos enfrentouse o pasado ano 2017 a un final de tempada complicado. Primeiro chegou a noticia de que un dos seus compoñentes, a voz masculina do grancanario Santi Pulido, abandonaba as filas da orquestra tras dous anos –de 2015 a 2017-- e uníase ás da formación galega New York. Pouco despois chegou a baixa doutro dos seus cantantes, o grancanario Johnny del Río, que tamén deixaba a orquestra tras tres anos –de 2014 a 2017—para embarcarse nunha nova aventura coa formación canaria Star Music.

Con todo, aínda quedaban dous cantantes dos que non se sabía certamente o seu futuro. O público galego estaba preocupado polo que podería suceder con estas grandes voces da verbena en Galicia. Así, Tamarindos comunicou o 5 de decembro de 2017 a incorporación á orquesta e ás voces do venezolano Wladimir Páez –pertencente a Tamarindos entre 2015 e 2018—e do grancanario Unai García –que foi membro de Tamarindos entre 2016 e 2018—de dúas novas fichaxes: o venezolano Ruby Paredes –procedente do grupo La Bamba e da orquesta Aché--; e o dominicano Anthony. Deste xeito, quedaría de novo a orquestra composta por catro cantantes masculinos.

Mais esta formación duraría poucos meses, xa que o 22 de marzo de 2018 Tamarindos perdeu a todo o seu frente, debido principalmente a “desacordos”, en palabras da directora da orquestra, Yaiza Falcón, de xeito que “non se chegou a un acordo con eles e por iso non continuaron nas filas da nosa formación”, asegura. Tras isto, a páxina oficial de Tamarindos convocou nas súas redes sociais un casting na procura de novas voces.

Finalmente, os seleccionados foron Ayoze Sánchez Pérez –voz masculina principal e encargado de coordinar o repertorio deste ano--, Omar Ramírez Ojeda –procedente da orquestra Armonía Show--, Nelson Medina Cabrera –da formación canaria Leyenda Joven-- e Javi García, que se incorporaron á formación canaria o 27 de abril deste ano. Sobre o novo frente da orquestra, Yaiza comenta que “tivemos moita xente que veu a facer a proba de casting”, é dicir, moita xente interesada en formar parte desta formación.

POR QUE TAMARINDOS NON REALIZARÁ A SÚA HABITUAL XIRA GALEGA?

Tras estes últimos acontecementos, a directora actual da orquestra Tamarindos, Yaiza Falcón, apunta que “este ano non estaremos de xira polo territorio galego debido a que non iamos ter unha frente –nome que recibe a agrupación dos cantantes principais—a tempo para comezar a ruta”. De feito, a formación canaria “xa tiña datas contratadas dende o ano anterior para esta nova xira 2018 en diferentes localidades galegas”, tal e como informa a dirección, xa que é habitual que en moitos pobos se renove a fichaxe dunha orquestra dun ano para o outro.

Sen embargo, asegura que polo que respecta á súa xira en Canarias, “temos case todo o ano xa pechado de datas”, o que supón un total de “35 encontros até o mes de setembro”, aínda que “quedan algunhas datas máis pendentes de confirmación”. Así mesmo, Yaiza afirma que “non descartamos volver a Galicia en vindeiros anos”, porque, de feito, “o noso desexo é retornar”.

TAMARINDOS, ESTRELA EN CANARIAS

Así, pese a que en Galicia Tamarindos é unha orquestra que se camufla entre o éxito de todas as formacións canarias, cunha parte do público moi entregada ao seu espectáculo e aos seus temas propios e outra que descoñece a esta “estrela” canaria. Sen embargo, nas Illas Canarias, de onde procede, trátase dunha formación “moito máis prioritaria”, segundo asegura a súa directora, do que o é El Combo, Armonía Show e outras que teñen maior fama no territorio galego.

Con todo, Yaiza incide en que “non quere quitar méritos ás demais”, xa que é consciente de que “El Combo cada vez ten máis seguidores” e cada persoa “ten os seus gustos”, polo que a posición que as orquestras ocupan en relación ás preferencias do público é algo “moi relativo”.

CLAVE DO ÉXITO: TEMAS PROPIOS

Por outra banda, a directora da formación canaria trata de aportar unha explicación á clave do éxito de Tamarindos. Así, apunta que pode deberse á gran cantidade de temas propios que ten sacado ao mercado dende a súa fundación, xa que “nunca ten nada que ver alguén que ten música propia e ofrece cousas inéditas con outras formacións que só sacan versións de temas do momento, orixinais doutros cantantes”.

Neste senso, destaca que Tamarindos, “gracias a Deus, ten e tivo compositores que traballan con nós”. En concreto, refírese a un dos músicos e percusionista da propia formación, Mario Ferrer Medina, máis coñecido como ‘Mayín’, que sempre compuxo temas con “elementos inéditos que encandilan ao público”, mesturados cun “son actual e diferente”. Deste xeito, todos os discos están compostos por Mayín, “exceptuando este último disco, ‘Original’, que tamén contou coa colaboración de Wladi”, segundo asegura Yaiza.

Mesmo teñen un disco, segundo sinala a súa directora, no que “nada máis se interpretan cancións con xente famosa”, grandes artistas do panorama nacional e internacional da música latina. Yaiza apunta ademais que, en Canarias, “sempre que veñen artistas de importante reputación ás illas, utilizan a banda de Tamarindos, que tamén lle ten feito os coros a diversas personalidades musicais”.

Yaiza Falcón asegura que Tamarindos xa está pensando en crear un novo disco para este ano 2018, no que a xira seguirá baixo o nome 'Tamarindos 3.0', e que toda a información relativa ao lanzamento “irase trasladando a través das redes sociais”.  Polo momento, xa sacaron cinco novos temas –‘Mi forma de ser’, ‘Vamoh’ a ponernos locos’, ‘Amorfoda’, ‘Asesina’ e ‘Como mirarte’-- e esta semana próxima sacarán “dous ou tres máis”, segundo informan dende a dirección da orquestra.

NOVOS PROXECTOS Á VISTA

Sobre os novos proxectos, Yaiza asegura que “agora mesmo estamos centrados nesta xira”, xa que “estamos cubrindo ese frente que se nos foi”, e “hai que preparalo todo de novo”, volver a comezar. Eso implica “ensaios diarios”. Neste senso, alaba o grande “esforzo” realizado polos novos compoñentes, e asegura que “todos eles traballan moi duro a diario, de luns a luns, con moitas horas de ensaio e sacrificio”, xa que, segundo afirma, “non se dedican en exclusiva ao mundo da orquestra, senón que tamén teñen outros traballos e estudios”. Son “incríbles”, manifesta Yaiza, xa que “nun mes prepararon un repertorio que non ten nada que ver co anterior”, polo que se amosa moi “orgullosa”.

Entón, asegura que “estamos niso, acoplando todo, adaptando os temas dos cantantes aos músicos, xa que non é o mesmo que se marchen un ou dous cantantes a que se che vaia todo o frente”. Asegura que Ayoze “é o que manda nos cantantes, e tamén o que prepara todo o tema de baile”. Pola súa parte, con respecto a Omar, a directora da formación canaria indica que conoceuno na súa etapa en Armonía Show e que, “cando me dixo que por temas persoais non iría este verán a Galicia de xira con esa orquesta, recluteino e propúxenlle iniciar esta nova aventura con Tamarindos”.

OMAR RAMÍREZ, NOVO INTEGRANTE

Para achegarnos un pouco máis ás novas voces desta tradicional e soada formación canaria, contactamos con Omar Ramírez Ojeda, un cantante que asegura que posúe unha voz “cálida, pero á vez moi cañera”. Esta nova fichaxe de Tamarindos procede da orquestra Armonía Show, onde comezou a súa andadura –aínda que máis ben él recoñece entre gargalladas que, “como todo o mundo, comecei cantando na ducha”—e con quen pasou un ano enteiro percorrendo Galicia.

Sobre a súa procedencia musical, Omar afirma estar “moi orgulloso” por ter comezado a súa andaina “nesta grande orquestra que é Armonía”, xa que “dende pequeno vía fotos e vídeos desta formación e, con 23 anos, foi un auténtico pracer gozar dela dende dentro”. Sen embargo, este ano, foi chamado ás filas de Tamarindos, oferta que se axustaba máis á súa idea, xa que “este ano era incompatible cos meus estudos e por motivos de traballo cadrar unha xira por Galicia”.

Para Omar, Tamarindos “sempre tivo algo que chamou a atención”, dende “a súa frescura e xuventude”, pasando polos seus “temas inéditos”, algo que “sumou moitísimo na miña decisión de vivir unha nova experiencia xunto a eles”. Respecto do seu futuro, o artista é consciente de que “a vida da moitas voltas e nunca se sabe”, mais asegura que se conforma con “poder seguir gozando do meu ‘hobbie’ en cada sitio ao que vaia”. Deste xeito, sinala que “agora mesmo, morro de ilusión por este enorme proxecto con Tamarindos e só teño a vista posta en crecer, aprender e seguir gozando de todo o que me da a música”.

Con todo, o novo cantante de Tamarindos non descarta o retornar a Galicia en próximos anos, xa que asegura que na Comunidade galega “cada noite tiña algo especial”. Así, afirma que “teño gardada unha experiencia enorme da xira pasada e moitas amizades que aprezo moitísimo”, o que me o leva a “sentir que teño algo que me segue chamando para retornar a Galicia e volver cantar alí”. Sen embargo, destaca con especial emoción “cantar en Rianxo, nas festas da Virxe da Guadalupe, nunha enorme rúa ateigada de xente”, xa que para él “foi unha das miñas experiencias máis espectaculares” como artista. Neste senso, incide en que “ver tanta xente cantar con miles de bengalas prendidas fixo que fose unha noite espectacular”.

Polo que respecta ao repertorio desta nova xira, Omar destaca como o seu favorito o tema ‘Me duele tanto’, xa que “trátase dunha canción que abrangue unha letra súper bonita e que leva diferentes rexistros de tonalidade que a fan un tema moi completo”. Ademais, nomea tamén algunhas outras cancións como ‘Soy feliz’ o ‘Como mirarte’, xa que “encántame interpretalas”. A nova voz de Tamarindos afirma que é un artista “moi versátil en canto á varidade de temas que pode cantar”, aínda que “sempre tento facelos meus, para darlles un toque máis persoal e especial”, o que fai que sexa “moi difícil escoller un tema favorito como tal”.

Omar Ramírez Ojeda, cantante masculino de Tamarindos
Omar Ramírez Ojeda, cantante masculino de Tamarindos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta