Espazos políticos

No último artigo remataba dicindo que dificilmente os atallos servirán para chegar a onde se di que se quere chegar e que a moción de censura había que entendela en clave dunha perspectiva electoral e non de cambio real. Despois de coñecer a estrutura do novo Consello de ministros do Goberno Español e do nomeamento dos titulares por parte do Presidente Sánchez, non teño dúbidas diso. O goberno monocolor e os 84 votos de apoio no parlamento, cos que conta de partida o PSOE, mostran que o camiño que se pretende percorrer é unha falacia.

Por Fermín Paz | Ferrol | 08/06/2018

Comparte esta noticia
Goberno de bo cartel para os medios de comunicación e para o “progresismo de diferente pelaxe”  aínda que tod@s sexan sabedores de que as decisións, na maioría de ocasións, terán que apoiarse no Decreto-lei para as poder facer viables. As miña suxestión o Presidente Sánchez serían dúas:  a primeira sería nomear ao Sr. Monedero como asesor- coordinador dos ministerios coa virtualidade engadida de non deixar sen representación “a esquerda d@s de abaixo”,  e a segunda propoñer ao Sr.Zapatero como mediador plenipotenciario diante do gobernó d@s Cataláns  co proxecto federal  do PSOE para o Estado Español e así tamén podemos saber cal é o seu contido.
 
A entrada lexítima pola porta de atrás ao goberno do Estado aclara definitivamente a pretensión dunha reordenación dos espazos políticos, tan distorsionados a xuízo dos dous grandes partidos do sistema (PSOE e PP), logo da chegada de Cidadáns e Podemos que tentarán permanecer un bo tempo na representación parlamentar. Polo que escoito falar rematou a etapa do “utilarismo”. A  Raxoi xa o chimparon, agora chegan as queixas e os intentos de negociar pero xa sabemos quen quitou tallada e quen terá que seguir a espera de mellores tempos.
 
Non é crible o discurso do Presidente do goberno español  cando establece unhas bases programáticas asentadas no escoitar, falar,  e na procura de consenso, porque nese  choio no que están  non  se pode esquecer intencionadamente o uso da forza e da presión si os demais contendentes “non entran polo aro”. Ambos procedementos, aínda que contraditorios, son parte do ser e do estar na política e miraremos como a actividade gobernativa deixará ver claramente estas dúas caras. 
 
En moi pouco tempo a leria parlamentaria e mediática farase presente de novo na disputa espacial da representación, aínda que de diferente xeito que até agora. A dinámica vai ser máis aberta e complexa. De novo, unha loita pola hexemonía na esquerda e na dereita. Nunha perspectiva de eleccións, o voto é o expoñente máximo para centrarse exclusivamente no seu reclamo. Os caladoiros electorais están abertos ás expectativas que xeren os movementos de cada un dos contendentes e o PSOE así o entendeu, moi convencido que pode ser o máis favorecido. Seguramente aspira a pescar onde antes o fixeron  Cidadáns, Podemos, os nacionalistas de diferente orientación e algunha dereita desencantada.
 
Creo que esta é a intención finalista e o motivo da operación comandada por Sánchez xa que os espazos ideolóxicos da sociedade  non son compartimentos pechados senón que son caladoiros onde o voto ten moita “volatilidade” e non se axusta a espazos exclusivos tanto para a denominación de esquerda como para a dereita (algunh@s analistas resolveron  este comportamento creando un centro político  que tanto se move cara a esquerda ou a dereita). E tamén está comprobado empiricamente que unha recuperación electoral no PSOE terá consecuencias nos apoios  ao nacionalismo galego. Así son os comportamentos electorais na raia dos espazos políticos e  son debidos  tamén  á confusión  interesada de moitas organizacións políticas na definición das contradicións sobre as que deberan orientar a súa acción política. 
 
Finalmente, tamén estou convencido de que as principais tarefas do PP serán “pechar a ferida” da perda do goberno, refacer o seu liderado e dimensionar correctamente as oportunidades que lle vai proporcionar o campo de conflitos na pelexa pola re asignación dos espazos políticos. Debe interpretar ben o que sucedeu e os seus porqués, non tanto mirando ou temendo a un “aznarismo” que xa está amortizado electoralmente, senón clarificando a quen se  quere representar, como se quere facer e con quen.
 
 Non estamos diante dun novo tempo político. É un tempo político diferente  cun PSOE que colleu a dianteira  e que ten nas súas mans a chave da convocatoria das eleccións. O demais  pode interpretarse a conveniencia de parte mesmo que Sánchez   non tiña preparadas ningunha das súas accións.  Cando menos debo reconocerlle a súa espontaneidade.
 

O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, en Córdoba
O secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, en Córdoba
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.