O derradeiro tren de Feijóo

A pesar de que o interesado nunca o recoñecía, Alberto Núñez Feijoo figuraba en todos os prognósticos que se formulaban de cara á sucesión de Mariano Rajoy.Agora, consumada a retirada do ex-presidente do goberno central por mor da moción de censura presentada por Pedro Sánchez, todas as miradas converxen no político dos Peares.Só fica pendente a confirmación oficial da súa candidatura á presidencia estatal do PP.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/06/2018

Comparte esta noticia
Con todo, as cousas non van suceder como estaban previstas, seguramente, na cabeza do inquilino de Montepío.A secuencia agardada era a seguinte:aprobados os orzamentos do ano 2018, o goberno de Rajoy continuaría ate o remate de 2019 -ou comezo de 2020- e, nese momento, habería un relevo organizado que colocaría a Feijoo como candidato no cartel electoral do seu partido.Unha transición organizada dende o poder.Finalmente, a folla de ruta vai ser diferente:antes de que remate o mes de xullo terá lugar un Congreso extraordinario do PP para elexir á nova equipa dirixente e, xa que logo, o actual presidente da Xunta deberá conseguir, con urxencia, os apoios necesarios para acadar o obxectivo desexado.E facer todo iso nun contexto presidido polo abandono obrigado dos despachos oficiais en Madrid.
 
As incógnitas están servidas.Utilizará Rajoy a súa capacidade de influencia para que exista unha única candidatura ou deixará que se rexistre unha competición entre diversas alternativas?A resolución desta dúbida será moi relevante para o futuro da opción Feijoo.Se comparecen na disputa  persoas como Ana Pastor ou Iñigo de la Serna, a incertidume do resultado final será moito maior que a provocada pola eventual presenza de Cospedal e Saenz de Santamaría e obrigará a unha maior asunción de riscos por parte do dirixente galego.
 
Afeito a ver pasar trens polo seu lugar de nacemento, Alberto Núñez deberá decidir nos vindeiros días se colle o derradeiro comboio da súa vida política.Se o fai e consegue chegar á estación da rúa Génova aínda lle quedará unha travesía non menos complicada:gañar o suficiente nivel de confianza entre un electorado que vai ter outras referencias moi potentes nos espazos políticos e sociais mais próximos (Albert Rivera e Pedro Sánchez).A Moncloa fica mais lonxe do que parece.E Feijoo non vai ter o nivel de benevolencia mediática que coñeceu dende que retornou -no ano 2003- á primeira liña da política galega.
 
En calquera caso, sexa cal sexa a opción adoptada, resulta lóxico pensar que o PPdG deberá cambiar de candidato para as vindeiras eleccións ao Parlamento do Hórreo.E iso constitúe unha variábel moi significativa que pode modificar a relación de forzas que coñecemos dende hai tanto tempo no noso País.

Alberto Núñez Feijóo E Mariano Rajoy Á súa Chegada Á Catedral
Alberto Núñez Feijóo E Mariano Rajoy Á súa Chegada Á Catedral
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.