Teo, vertedoiro residencial?

A empresa Toysal proxecta construir unha planta de reciclaxe de lodos industriais na vella canteira de Casalonga, Concello de Teo. A oposición ao proxecto, tanto de veciños como grupos políticos, baséase en “inconsistencias” como dicir que non hai núcleos habitados perto ou que primeiro presentaron a idea como unha reforestación da canteira.

Por Galicia Confidencial | Teo | 11/06/2018 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

O proxecto para a creación de instalacións para a reciclaxe de lodos residuais en Teo, acaba de poñer dunha mesma parte tanto a veciños como a toda a corporación municipal.  Segundo o mesmo alcalde teense, Rafa Sisto, “a empresa  parece que non valorou a realidade socioeconómica deste concello”. Pois estamos falando dun municipio veciño ao de Santiago que vive basicamente dos servizos, sobre todo residenciais.

Vista aérea da canteira Casalonga
Vista aérea da canteira Casalonga | Fonte: BNG Teo

Por parte da empresa Toysal a idea é construir na superficie que anteriormente era unha canteira. O proxecto redactado pola empresa pretendía nun principio depositar “inertes”, refugallos de construción no lugar, para despois cubrilos cun manto de terra vexetal e repoboar con árbores. Mais, pasado un tempo, o proxecto presentado, amparándose na nova lei do Solo de 2016, que recualifica o terreo rústico, permitiría unha obra de dimensións maiores.

A EMPRESA E A ORIXE DO PROXECTO

Toysal nace no ano 1998 como empresa especializada no transporte e tratamento integral de residuos industriais. Realmente é un grupo de oito empresas que traballan teoricamente diferentes áreas da reciclaxe industrial. Así por exemplo, no concello coruñés das Somozas, Xilo Galicia reciclaría e valorizaría refugallo de áridos para a construción. A Consellería de Medio Ambiente abríralle un expediente a esta empresa no ano 2013. Daquela as autoridades consideraban que a empresa estaba a depositar lamas contaminadas sobre terreos rurais. Estas lamas levarían materiais pesados que logo irían afectando aos acuíferos naturais da zona.  O Parlamento de Galicia decidiu investigar esta cuestión e ADEGA presentou unha denuncia diante da Fiscalía. Todo isto afectaría a zonas de varios concellos entre eles As Pontes, As Somozas e outros colindantes.

Por outra banda, ARCODEGA, a asociación para a reciclaxe de restos de obras e demolición, presentara unha denuncia contra Toysal “unha empresa que ten varias queixas” segundo fontes de ARCODEGA. Desta volta, as accións eran o depósito de materiais de construción sen separar nin reciclar mesturados con lodos nunha canteira no Porriño.

Fontes próximas ao sector da construción e consultadas por Galicia Confidencial, falaron da posibilidade de que o vertedoiro de inertes nas Somozas estea a punto de non dar máis de si. Por tanto, este podería ser un dos puntos que Toysal tería en conta para a apertura da planta de rciclaxe en Teo. De momento, logo de contactar coa empresa Toysal, ben por teléfono ou por email, non houbo resposta pola súa parte.

PERO POR QUE TEO?

A pregunta non a formula Galicia Confidencial, senón o alcalde de Teo, Rafa Sisto, quen mediante conversa telefónica di “non dou visto nin comprendido o que está detrás desta decisión, por que Teo?”. Para Sisto unha das explicacións sería o abaratamento do chan rústico e a “pouca marxe de manobra que temos os concellos sobre el” segundo Sisto, sobre todo despois da aprobación da Lei do Solo de 2016.

Segundo o informe elaborado por Toysal, o terreo estaría totalmente “antropizado”, é dicir, un lugar que presenta unha pegada moi forte da acción humana. Por outra parte, tamén considera que os núcleos de poboación non estarían afectados pola actividade das instalacións. No mesmo informe, Toysal asegura que o proxecto contempla a creación de biogás e compost (elemento que podería usarse como fertilizante). Xunto a isto, os líquidos, sobre todo auga residual, resultantes da reciclaxe de lamas tóxicas, serían empregados para regar terreos onde habería plantacións de eucaliptos, unha superficie de 20 hectáreas. O biogás sería empregado para a creación de enerxía eléctrica para autoconsumo na planta de tratamento.

Por outra banda, o mesmo documento cita que a apertura da planta de reciclaxe suporía unha alternativa  para aquela poboación de Teo que, traballando no sector primario, sería potencialmente a primeira en abandonar as súas terras no caso de cesar a súa actividade económica. Por tanto, para Toysal, a planta fixaría poboación que, nalgún, momento podería deixar os seus terreos e vivendas na procura doutros traballos.

A RESPOSTA

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos naceu neste mes de xuño para darlle resposta ás propostas de Toysal para a canteira abandonada. Desde unha perspectiva habitacional, tanto os traballos de construción como de actividade afectarían a varios núcleos de poboación, tal e como din na súa web. Habería vivendas a menos de 300 metros, mentres que outros núcleos habitados estarían a 500 metros e a menos de 1.000.

Segundo a Plataforma, veríanse afectados pola actividade de reciclaxe cinco concellos, Teo, Ames, Brión, Padrón e Rois, cun total de 69.000 persoas. Ademais diso, a calidade do aire veríase afectada polos cheiros emitidos desde a planta recicladora. Así, se o vento fose empurrando os cheiros as persoas que respirarían ese aire serían “300.000 potenciais afectados”.

Doutra parte, desde ADEGA elaborouse unha avaliación do informe de Toysal que apunta unha serie de faltas. A evaporación das augas residuais que serían almacenadas nunha balsa cunha capacidade para dous meses, uns 7.000 metros cúbicos. Ademais, a cantidade de residuos a tratar precisaría dunha factoría ou planta moito máis grande. “75.000 toneladas de residuos por ano para tratar é unha cantidade moi elevada” e ademais “a cantidade de auga que queren destinar para regar montes sería de 48.000 toneladas para 20 hectáreas e serían augas con alta carga de nitroxenados”.

Pero o máis rechamante segundo ADEGA é que “non hai control de calidade sobre os residuos, porque os contaminantes que entren no vertedoiro, polas súas características, non poderían saír de aí” o que lles fai temer que de novo, se trate dun vertedoiro. Tamén sobre os residuos “non din de onde veñen e tampouco abonda con colocar filtros de carbón para evitar os cheiros que poden emitir as substancias que traten nesa planta”.

Outro tema serían as infraestruturas necesarias para o transporte de materiais. A 250 metros está a estrada N550, que sería insuficiente no caso de materializarse o proxecto de Toysal. Así, desde a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, temen que a actividade de carretaxe en camións sexa de alta intensidade o que levaría a un posible deterioro das estradas e pistas.

Doutra banda estaría a calidade de vida das persoas. A veciñanza teme que arredor das instalacións a vida se volva difícil ao teren que soportar cheiros malos e tráfico intenso de vehículos pesados así como o ruído da mesma planta. Por tanto, moitas persoas poderían abandonar o lugar onde levan tempo residindo e as terras e vivendas desvalorizaríanse considerablemente.  A resposta é que os veciños afectados directamente por este investimento, están a unir forzas coas plataformas contra a Mina de O Pino-Touro e a da Defensa da Ría de Arousa, pois calculan que 300.000 persoas poderían verse afectadas directa e indirectamente pola planta de reciclaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Calo

sr Sisto desde cando sabian do proxeto e por que agardaron tanto para informar a os veciños?

1 Rafa Sisto

Agardar tanto? Estamos a catro ou seis meses de que a Xunta publique o proxecto en exposición pública, para que persoas e institución poidan facer alegacións. Levamos tres asembleas veciñais convocadas polo concello para informar, una mesa redonda sobre o tema... Na páxina web municipal está o proxecto e un primeiro informe de valoración encargado polo Concello. Non sei de ningún outro concello que fose tan previsor e transparente (compara, por exemplo co caso de Santiago, da Grixoa, que nin se enteraron do prazo de alegacións). Aquí temos todo o tempo para preparar as alegacións que paren este ataque a nosa saúde, a nosa tranquilidade e á nosa riqueza. Aproveitémolo

1 Hipoxemia

Debemos movernos pero ya, y las empresas son las primeras que deberían prohibirse a sí mismas vender productos en lata o en plástico. https://www.hipoxemia.net/