As tecnoloxías ambientais unen as tres universidades galegas

As tres institucións participaron nun simposio no que se presentaron 28 relatorios orais e nove tipo póster, dos cales só os mellores obtiveron premio. Ademais, este ano os asistentes tamén puideron valorar in situ as exposicións.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/06/2018 | Actualizada ás 14:37

Comparte esta noticia

Con motivo do Día Internacional do Medio Ambiente, a Rede Galega de Tecnoloxías Ambientais (REGATA) e a agrupación estratéxica CRETUS da USC, coordinados polo Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup), organizaron o segundo simposio sobre investigación en tecnoloxías ambientais, no que participaron medio cento de investigadores e investigadoras das tres universidades galegas.

Frío en Galicia
Frío en Galicia

A xornada, celebrada no edificio CERSIA-Empresa en Santiago, combinou 28 relatorios orais e nove tipo póster presentados por persoas de 12 grupos de investigación diferentes, o que lle conferiu un carácter multidisciplinar á xornada. Como novidade este ano, e para motivar unha participación activa, os asistentes puideron valorar in situ as exposicións en termos de calidade e interese científico a través dunha enquisa en liña.

Ao remate, o comité científico do simposio formado polos docentes Marta Lores Aguín, grupo LIDSA da USC; Mª Carmen Veiga Barbazán, grupo BIOENGIN da UDC; Jesús R. Aboal Viñas, grupo ECOTOX da USC, e a organizadora da xornada Iria Lema, do Biogroup da USC, entregaron os premios ás mellores comunicacións orais e póster.

Na categoría das comunicacións orais, todas as persoas galardoadas pertencen ao Biogroup da USC. O primeiro premio foi para Guilherme Rodrigues por ‘Correlación entre microorganismos durante unha sobrecarga orgánica en reactores anaeróbicos’, o segundo para Riccardo Bevilacqua por ‘Understanding mixed-culture fermentation of proteins for added-value chemical production’ e o terceiro para Alba Roibás polo traballo ‘Produción de biopolímeros mediante a valorización de graxas e aceites residuais xerados na industria conserveira’.

O premio á mellor comunicación póster recaeu en Mª Eugenia Guerra, do LIDSA da USC, por ‘Estudos preliminares de degradación fotoquímica de Patent Blue V en produtos de hixiene oral’ e o segundo en Nieves Carballo, do Biogroup, por ‘Efecto de nanopartículas metálicas sobre procesos de dixestión anaerobia’. O terceiro premio foi para Sofía Debén, de Ecotox da USC, por ‘Calidade das augas ¿Por que conformarte cun instante cando podes sabelo todo?’.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta