Acordo despois de tres anos entre Xunta e sindicatos para melloras a 165 axentes de conservación de vías

Os legoeiros cambiarán a súa denominación e comezará un proceso de promoción interna e funcionarización deste persoal laboral.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

Os conselleiros de Infraestruturas e Facenda, Ethel Vázquez e Valeriano Martínez, asinaron este luns un acordo cos sindicatos, CIG, CC.OO., UXT e CSIF, para melloras laborais de 165 legoeiros, persoal laboral da Axencia Galega de Infraestruturas que, entre outras cuestións, pasarán a denominarse axentes de estrada, á vez que comezará un proceso de promoción interna e funcionarización.

Firma de acordo entres xunta e sindicatos da AXI
Firma de acordo entres xunta e sindicatos da AXI | Fonte: Europa Press

Este acordo pasa por unha simplificación nas categorías deste persoal laboral, que se reducirán de seis a dous. Encárganse de traballos manuais de conservación, limpeza e arranxos dos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas.

Así, esta reforma xorde ante as "novas funcións" detectadas para exercer por este persoal, como poidan ser tarefas de vixilancia, e ao quedar "obsoletas" outras, segundo explica Valeriano Martínez. Neste sentido, o conselleiro de Facenda avanza que, "como mínimo", 57 destas 165 persoas poderán optar no bienio 2018-2019 a "unha subida de categoría" de promoción interna.

De tal forma, Valeriano Martínez agradeceu aos sindicatos a súa disposición nesta negociación. "É posible chegar a acordos cando nos pomos dunha maneira nobre e leal entre todos", valorou. Nesta liña, Ethel Vázquez indica que é un acordo "froito do diálogo", que serve para "modernizar" e "racionalizar" a administración en favor dun colectivo "con forte tradición histórica", xa que este acordo supón unha "vella demanda".

SINDICATOS RECLAMAN MAIORES MEDIOS

Por parte dos sindicatos, Roberto Varela (CIG) valorou que se recoñeza a "demanda" destes traballadores, mentres José Brunete (CSIF) cre que este acordo recolle aspectos "bos" para os traballadores após "tres anos de negociación". Liño Díaz (UXT) destaca que sirva para "pór ao día" a este persoal rexido por un regulamento de 1973.

Así mesmo, durante este acto Emilio Doforno (CC.OO.) reclamou á Xunta que tamén cumpra cos seus "deberes" nas necesidades existentes para os traballadores de "dotación material", así como ante a "problemática" no parque móbil. A continuación, Emilio Doforno mostrou o seu desexo de que "outras consellerías tomaran nota e fixeran procesos parecidos", pois enxalzou o "talante" da administración neste acordo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta