Temas: TEO

Rafa Sisto, acalde de Teo: “A Consellería de Medio Ambiente acusounos de alarmar á xente”

Logo da publicación onte da reportaxe sobre o proxecto dunha planta de reciclaxe en Teo, un comentario na mesma noticia apuntaba ao rexedor da localidade de non ter informado á veciñanza cando el xa sabía das intencións da empresa. Hoxe recollemos a resposta de Rafa Sisto a este comentario.

Por Galicia Confidencial | Teo | 12/06/2018 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

“A primeira noticia que temos é en outubro, cando vén por aquí unha persoa que nos di que mercaron unha canteira porque o seu traballo é restaurar canteiras”. Así comeza a conversa que Galicia Confidencial mantivo con Rafa Sisto, alcalde de Teo. O motivo de contactarmos de novo con el é que un comentario relacionado coa reportaxe, preguntaba por que o alcalde Rafa Sisto, se era coñecedor da iniciativa que a empresa Toysal ía realizar na canteira de Casalonga, non informou a veciños e veciñas.

Rafael Sisto
Rafael Sisto | Fonte: Anova Teo

“De primeiras non lle demos importancia, porque solicitudes coma esa temos todos os días, así que non viamos onde estaba o negocio”. Non obstante “a finais de decembro nos presentan unha solicitude de informe urbanístico, unha certificación de idoneidade urbanística”. Esa é a primeira noticia medianamente concreta que teñen sobre as intencións que hai sobre a canteira. “Na solicitude da certificación é cando xa se fala dunha planta de reciclaxe”. Para poder pedir o certificado de idoneidade urbanística “nós pedímoslle a esta persoa datos sobre o que pretendían construir para saber se se adaptaba ou non ao entorno onde se ía traballar”.

A comezos de xaneiro a mesma persoa presenta un proxecto que di ser “o mesmo que presentou na Xunta en decembro”. Isto motivou a petición dun informe externo para coñecer as características da planta de reciclaxe. “Cando recibimos o informe e o lemos, convocamos aos veciños a unha asamblea” di Rafa Sisto. “Ata o de agora levamos tres asembleas veciñais e non comprendo son as críticas sobre falta de información” porque, sinala Sisto “por iso non entendo iso de que non temos informada á xente, cando por exemplo o outro día na Consellería de Medio Ambiente nos acusaron de alarmar á xente”.

Rafa Sisto compara a situación que vive agora mesmo o seu concello coa vivida co vertedoiro de Grixoa, non houbera alegacións por falta de información desde o Concello de Santiago aos veciños e veciñas. “A exposición pública do proxecto será como moi cedo en outubro ou novembro”. Nese momento será cando se podan presentar as alegacións correspondentes.
A petición de compatibilidade urbanística pode pedirse ao concello ou entregando na Xunta un documento no que indique que pediu ao Concello o documento, xa sería válido. Isto foi o que fixo a persoa representante de Toysal.

“O Concello aínda non emitiu ningún informe porque consideramos que cando a Xunta teña o informe, enviaránolo e nós teremos que actuar, pero ata o de agora non emitimos o informe do Concello relativo á compatibilidade urbanística”. No momento en que se entregue o documento da Xunta ao Concello, haberá un estudo e “tentaremos parar o proxecto pero temos poucos puntos por onde porque a lei do solo deixa pouca marxe de manobra”.

ESTADO DA TRAMITACIÓN NA XUNTA

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio enviou a Galicia Confidencial un email en resposta ao noso interese pola tramitación do proxecto en Teo:

“A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio ten coñecemento do proxecto polo que nos consultan (Planta de reciclaxe de lodos en Teo) despois de ter recibido en audiencia ao alcalde de Teo e representantes do Goberno local, na que a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e os representantes do Concello abordaron a tramitación desta iniciativa que se pretende levar a cabo e que nestes momentos se atopa nunha fase moi inicial. Neste encontro a Dirección Xeral comentou de xeito xeral os procesos e tramitacións sectoriais que levan asociados este tipo de iniciativas, para poder operar como xestor de reciclaxe”.

Por parte da empresa TOYSAL, non houbo aínda resposta á petición de Galicia Confidencial para contactarmos con eles.

Temas: TEO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eulogio Peña

Os únicos que están loitando son os da Plataforma veciñal. Que fai o concello??? Nin idea. Eso sí as movidas na rúa vanlle muito e as criticas políticas tamén. Agora, traballar dende o concello, NON. Muitos estamos seguros que coas pancartas soamente non o logramos. Repito: Que fai o concello??? Alguén me pode responder?