Diario dun maio histórico

Menuda semana. Benvidos a "Borgen", á democracia parlamentaria e o shock das maiorías fragmentadas. O parlamentarismo racionalizado, que os constitucionalistas inventaron tras as sanguentas leccións da entreguerra dos século pasado, dá para o que dá. Se a sociedade, e por tanto o sistema de partidos se fragmenta, pois o mesmo acabará reflectido no lexislativo. Pasa ata en sistemas maioritarios bipartidistas: que llo pregunten a Theresa May, que hai un ano foi por maioría para ser Señora do Brexit e acabou serva dos nacionalistas (Nord)Irlandeses. Será bo para a democracia e a separación de poderes. Tamén campo abonado para os lobbistas (que llo pregunten ó novo xefe de gabinete da Moncloa).

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 15/06/2018

Comparte esta noticia
O de Sánchez segue a estela de Renzi, Trump, Iglesias, Macron, Pashinyan de Armenia, Grillo,  Corbyn e posiblemente López Obrador. Todos eles self-made men (only men) no estilo do "condottiero" Sforza, que dotados da “virtus” de Maquiavelo son capaces de acadar o poder saltándose a xerarquía dos partidos tradicionais e nalgúns casos fóra deles. Demasiados casos en tan pouco tempo como para non apuntar a unha tendencia.
 
Chegan tempos interesantes, máis é prematuro apuntar a que a situación conduza a solucións de consenso (ou como dicimos os politólogos, consociativas) ó estilo das democracias pluripartidarias, plurilingüísticas e pluriconfesionais do Benelux ou Escandinavia. Considerando as inercias históricas e os condicionantes as casas de apostas apuntan a maior inestabilidade unha vez que a síndrome da lúa de mel ministerial comece a esvaecerse. 
 
Onte estiven en Bilbao, por primeira vez desde hai 14 anos. A cidade mellorou para ben e aparentemente sen os desgarros que o centro de Madrid e Barcelona tiveron pola crise. Agora hai rañaceos, tranvía, un novo San Mamés, Zorrozaure será unha illa de uso mixto empresarial e habitacional. Subtis cambios no Casco Vello: as mesmas manifas nacionalistas festivas con boa parte dos 100,000 da cadea humana -todos con panos brancos no pescozo coma os San Fermíns- secando o fervor patriótico nas herrikotabernas e batzokis das Sete Rúas. Agora algúns serven kebabs no menú e entre os tradicionais pintxos agora sérvense pizzas ou mesmo comida mexicana, algo inaudito hai tres lustros. Tamén abundan bandeiras: á Ikurriñas diante de Sabin Etxea e no mástil diante do Arriaga agora hai un enorme bandeirolo español na Delegación do Goberno. Pra non ser menos a maior bandeira e mástil está diante do concello – a bandeira do orgullo local para superar as diferenzas en identidade nacional.  Se alguén pensaba que a enorme migración na década do 2000 (case 9 millóns) ía eliminar o nacionalismo-localismo demóstrase que tanto alí coma Catalunya máis ca substitución prodúcese unha hibridación coas novas identidades.
 
Agárranse en Bilbao e Barcelona ás promesas de Sánchez, plurinacional a intres, e da Batet verbo da reforma constitucional. Certamente o tempo é novo: de repente, e case por accidente, estamos de novo 2004, para o bo e para o malo. Revanchismo entre os que perderon ou non chegaron a facer o sorpasso, novos realiñamentos coa periferia, triangulacións estatutarias e mesmo constitucionais, posiblemente recomposición de alianzas que levaría a novas maiorías mestizas nas nacionalidades. Mais non esquezamos que cando en Madrid se fala de Igualdade, é frecuentemente toque de tambor para que se reafirme a vertical do poder, sequer sexa por medio do centralismo democrático.
 
Connemoramos ademáis medio século do maio do 68 e o nacemento da esquerda post-marxista e postindustrial, que, de rebote levou ao thacherismo e as guerras culturais da tea party e os movimentos nativistas. Tamén ao medioambientalismo, baixo do que malvive a política de protección do galego.  Curioso resultado para un movemento pequenoburgués cuxo obxectivo inicial era o dereito a mazar nas residencias universitarias. Coma a coetánea Revolución Cultural, que pode atribuirse en parte a falta de oportunidades no eido sexual. Os seus líderes acabaron ben situados no establishment – de feito creouse un novo pra eles nas universidades, ONGs (outra creación sesentaeoitista), ministerios e partidos. Moitos dos valores do novo tempo monclovita beben diso.
 
Non podo deixar de falar do fenómeno dos Peares nin do señor de Pontevedra. Comezando polo derradeiro: malia tódolos seus defectos non é possible como galego non recoñecerlle a alguén tan patolóxicamente idem ata a caricatura algunha defensa fronte ás críticas que se lle fixeron os ardorosos madrileños por non entender of Codigo Mariano (Antón Losada). Duvido que un galego gafapasta se comportase diferente se estiver na Moncloa. Non creo que un Aznar xestionase con máis frialdade o risco de chegada dos homes de negro ou Catalunya.  Feijóo será outra cousa. Non só sabe tourear cunha soltura que nunca tivo o xa expresidente senón que é case un madrileño honorario, as continuas visitas á metrópole da meseta aseguran que non sexa visto no palco do Bernabéu coma un advenedizo. Mais, por moitos choros cuase-nacionalistas dos seus, o balance dunha década ominosa na que se intimidou a centos de miles de galegos abandonar a súa lingua é o que é. Agardo que lle merecera a pena para acadar os seus soños. Pero Sánchez e Alberto esquecen que as vidas políticas case sempre rematan en bágoas. 
 

Nunca falta a preciosa bandeira de Euskadi nun 25 de xullo en Compostela
Nunca falta a preciosa bandeira de Euskadi nun 25 de xullo en Compostela
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos