Nova campaña para que o portugués estea máis presente en Galicia

A Associação de Docentes de Português na Galiza inicia este proxecto para animar a estudar portugués nos centros de educación secundaria e para incidir na necesidade de impartir esta materia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/06/2018 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A Associação de Docentes de Português na Galiza (DPG) comeza unha nova campaña para promover a presenza da lingua portuguesa nos centros de ensino secundario de Galicia. Pretenden así sensibilizar os estudantes da primaria, a familias e a sociedade en xeral para a importancia de se inscribir nos centros de secundaria que ofrezan a materia de lingua portuguesa. 

Estudantes nunha clase de portugués
Estudantes nunha clase de portugués | Fonte: blog.esl-idiomas.com

Ademais, con esta campaña queren axudar a sensibilizar os centros de secundaria que aínda non ofrecen portugués para que avalíen as potencialidades e as posibilidades de ter a lingua portuguesa dentro da oferta académica do centro.

Ao abrigo da Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonia, aprobada por unanimidade polo Parlamento Galego, os centros e o profesorado interesados na progresiva incorporación da Lingua Portuguesa no ensino secundario teñen unha "gran oportunidade e o grande desafío de alargar a presenza do portugués en Galicia", asegura a asociación.

Co fin de animar a estudar a lingua, a DPG ten creado un folleto informativo onde engade que o portugués é a quinta lingua máis falada no mundo. Ademais, recolle que galego e portugués naceron xuntos e no mesmo lugar e que o pobo galego é o máis capacitado para alcanzar un maior progreso na aprendizaxe da lingua en menos tempo. "A falicidade coa que a persoa que sabe galego aprende portugués é un estímulo para o estudo", din. 

Finalmente, informan de que se pode escoller a lingua portuguesa nas probas ABAU como lingua estranxeira un e dous. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Uxio

Deberian ensinar dentro do Galego o Portugues como obligatorio. Co Galego se se aprende as diferenzas do Portugues e moi sinselo.