Temas: MEDIO RURAL

Cae a mobilidade do monte galego, pero repunta a relativa a terras labradas e para pastos

A conselleira valora os datos do primeiro informe que realizou o observatorio e avanza un repunte "in crescendo" en superficie agrícola.

Por E.P. | Santiago | 15/06/2018 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

A mobilidade de terras diminuíu en Galicia desde 2014, tanto en superficie como en número de operacións de compravenda. Con todo, a evolución foi distinta entre o que respecta a monte, cunha baixada continuada, e a superficie agrícola utilizada, as terras labradas e para pastos, que rexistrou un repunte no último ano.

La conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.
La conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez.

Así se extrae do informe anual sobre prezos e mobilidade de terra rústica en Galicia correspondente ao ano 2017, que, con datos de 2008 a 2016, realizou o observatorio galego de mobilidade de terras. Nel participaron a Consellería de Medio Rural, Agader, o Fondo Galego de Garantía Agraria, a Axencia Tributaria de Galicia, o Instituto de Estudos do Territorio, a Fundación Juana de Vega e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Após a presentación do documento, este venres na Cidade da Cultura, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, valorou os datos e, en declaracións aos medios de comunicación, avanzou un repunte "in crescendo, incluso duplicándose" no concernente á superficie agrícola utilizada en 2017. A xuízo da responsable autonómica, "un dos factores máis importantes" para esta evolución positiva foi "a eliminación impostos no rural galego, de maneira que se poden facer compras, vendas e agregacións sen ter que pagar impostos, o cal é fundamental".

O ESTUDO

O estudo sobre mobilidade de terras recolle que, en cifras globais, a superficie transaccionada baixou de 2008 a 2016, cun retroceso continuado desde 2014, cando se compraron e venderon 12.589 hectáreas, até 2016, ano no que as compravendas afectaron a 10.420 hectáreas.

No entanto, a superficie que se reduce é a de monte transaccionado: 8.116 hectáreas en 2014, 7.272 en 2015 e 6.027 en 2016. As terras labradas e para pastos (a superficie agrícola utilizada) pasaron de 4.473 hectáreas mobilizadas en 2014 a 3.900 en 2015 (menos), pero 4.393 en 2016. De ratificarse as estimacións adiantadas pola conselleira, o último exercicio subirían até case 5.400.

Este aumento reprodúcese igualmente, aínda que máis "levemente", no número de operacións de compravenda, que para as terras labradas e pastos pasaron de 19.607 en 2014 a 18.446 en 2015, pero 18.670 en 2016. No caso do monte, as transaccións seguiron en caída: 25.404 en 2014, 24.164 en 2015 e 20.711 en 2016. Así, en global, tamén o número de operacións baixou na comunidade galega no últimos tres anos: foron 45.011 en 2014, 42.609 en 2015 e 39.379 en 2016, segundo a información do observatorio.

En termos xeográficos, o informe destaca que "as maiores taxas de mobilidade concéntranse na metade norte de Galicia, especialmente na provincia de Lugo, tanto para superficie agrícola como para superficies de monte". No que respecta ao prezo, a evolución foi descendente de 2008 a 2013, pero desde aí comezou a repuntar, cun valor de 0,8 euros por metro cadrado en 2014, 0,86 en 2015 e 0,89 en 2016, para o total de superficie mobilizada.

Volve repetirse a tendencia neste apartado, cun aumento do prezo da superficie agrícola utilizada no último ano (de 1,22 a 1,31 euros por metro cadrado), fronte á diminución do valor do monte (de 0,66 a 0,58 euros por metro cadrado). Na relación de concellos con menor prezo da terra no período de 2014 a 2016 figuran algúns como Calvos de Randín, A Mezquita e Chandrexa de Queixa. Ao lado oposto, Cangas, Vigo e A Guarda lideran a listaxe de municipios cuxa terra presenta maior valor.

A CONSELLEIRA

Na súa intervención na presentación do documento, Ángeles Vázquez destacou a relevancia de poder contar con información na que apoiarse para a toma de decisións. A finalidade, subliñou, é que o observatorio fornecer datos que permitan acertar con "políticas que melloren o aproveitamento da terra". Puxo exemplos de proxectos piloto por toda a comunidade que están a servir para dar uso a terras que antes estaban "en abandono" (e que cifrou nunhas 1.500 hectáreas), con utilización para praderías, pasto e produción de viño e pequenos froitos, entre outros.

A maiores, referiuse a unha "liña" en que a Xunta "está a traballar" e que suporía a creación de "a figura de polígonos agrarios e forestais", co obxecto tamén de favorecer o acceso a terras abandonadas. O Goberno galego, segundo destacou, busca "reforzar" o papel do Banco de Terras, a colaboración con concellos, grupos de desenvolvemento rural e outras entidades, así como a disposición de mecanismos legais "áxiles e máis simples" que permitan unha maior mobilidade de terras.

Temas: MEDIO RURAL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta