As Administracións piden responsabilidade co lume no San Xoán

"O lume en Galicia está no ADN", asegura o etnógrafo e arqueólogo Felipe Senén sobre a popularidade desta festa.

Por E.P. | SANTIAGO | 17/06/2018 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

Administracións como a Xunta ou o Concello da Coruña apelan á responsabilidade e á precaución no San Xoán, que terá lugar a noite do 23 ao 24 de xuño e na que os pescadores esperan un prezo baixo da sardiña a unha semana de que se celebre esta festa. Sobre a popularidade da mesma, o etnógrafo e arqueólogo Felipe Senén afirma que "o lume en Galicia está no ADN".

Fogueiras na Coruña en San Juan
Fogueiras na Coruña en San Juan | Fonte: Europa Press

A única festa do San Xoán en Galicia declarada Festa de Interese Turístico Internacional é a da Coruña, aínda que son múltiples as fogueiras -'cachelas' como as denominan nalgunhas zonas como Carballo,- que esa noite fan que o lume teña un protagonismo especial.

Para que ese día discorra sen incidentes, desde a Xunta, que reforza o servizo do 112 esa noite, fanse chamadas á precaución. En concreto, desde a Axencia Galega de Emerxencias recomendan, entre outras cuestións, "adecuar o tamaño da fogueira á condición física dos participantes e comprobar, antes de porse a saltar, levar roupa e calzado adecuado".

Precaución cos obxectos que se botan ao lume e prestar atención ás condicións meteorolóxicas, como a presenza de vento, son outras das recomendacións, así como que as fogueiras deben de ter entre seis e oito metros como máximo e unha altura de tres metros.

Tamén no bando municipal da Coruña apélase a realizar sardiñadas no espazo público "dunha forma responsable e sen risco". Entre outras cuestións, lembra que a distancia de grellas e grelladas ao arboledo debe ser "cando menos, de 10 metros". Ademais, apunta que haberá "zonas de exclusión" onde non se poderá acender o lume.

Para as mascotas da casa, a Asociación Animalista Libera tamén difundiu recomendacións polas redes sociais entre as que indican que o oído de animais como os cans ou os gatos é "extremadamente sensible", polo que piden non baixar aos areais nin presenciar o espectáculo de pirotecnia con eles.

FESTA E COMPROMISO AMBIENTAL

No caso concreto da Coruña, o San Xoán converteuse nun foco de atracción para atraer a visitantes á cidade. O ano pasado, un total de 150.000 persoas acudiron ás celebracións, con 100.000 nas praias e unhas 50.000 nos barrios. De feito, a programación da festa comezou o sábado con actividades que inclúen até o San Xoán 26 espectáculos e nos que se aposta "pola promoción do tecido cultural e artístico local", segundo o goberno local.

Ás fogueiras, cunha repartición previa de leña, e as 'sardiñadas' e churrascadas que cada ano organizan os asistentes, sumaranse as propostas musicais a través do Festival 'Sons de San Xoán', que terá lugar en Riazor e que incluirá catro concertos. Paralelamente e para que a festa transcorra con normalidade, haberá tamén un dispositivo de seguridade, ao que se sumará outro ambiental co obxectivo de que os residuos se depositen nos colectores habilitados.

Así este ano ampliouse ao areal do Orzán o programa 'Praia Viva', destinado a reducir os residuos en San Xoán e que busca "vivir a celebración dunha maneira sustentable", segundo a Concellaría de Medio Ambiente.No caso das fogueiras, para a súa instalación, os concellos abren un prazo para presentar unha comunicación previa sobre a súa colocación. Así, nunha cidade como Lugo só o ano pasado autorizáronse máis de 300, mentres que en Vigo a maioría dos barrios terán a súa propia exaltación do San Xoán. E é que a concepción desta festa é en todo momento festiva. Por exemplo, no municipio de Carballo cúmprense xa máis de trinta edicións do seu tradicional concurso de 'cachelas'. 

RITOS E COSTUMES

Desta festa, o Concello de Santiago recolle na súa web o "entusiasmo" dos composteláns para "escorrentar a bruxaría e o mal de ollo das 'meigas'", algo que tamén lembra o etnógrafo Felipe Senén. Sobre esta festa concibida inicialmente en campos abertos, pasouse a praias, rúas ou aparcadoiros nos núcleos urbanos, segundo subliña. Con todo, destaca que a "identidade de tribo, de cuadrilla" segue presente nela, así como os elementos de "lume, terra, aire e auga". "E non falta ese instinto bravo", subliña sobre unha festa que sitúa con anterioridade aos celtas, aínda que, comunmente, asóciese a eles.

Por outra banda, lembra que, no pasado, as fogueiras instaladas diante das casas buscaban "purificar" as vivendas, unha purificación que persegue tamén co rito de lavarse a cara o propio día de San Xoán con auga e flores silvestres deixadas o día anterior en remollo. "É como recoñecer que formamos parte da terra", apunta tamén sobre a orixe desta tradición.

A SARDIÑA, A PROTAGONISTA

"E o aspecto gastronómico que non falte", engade Senén sobre a presenza de sardiñas e churrasco nesta festa, da que, segundo engade, quixéronse "apropiar" desde romanos até católicos, incorporando a figura de San Xoán. Mentres, destaca o interese nos últimos anos de recuperar tradicións ao redor desta festa e como exemplos pon Allariz (Ourense) ou Pontevedra para dar a esta celebración "un cariz máis identitario".

Por outra banda, sobre o prezo da sardiña, o presidente da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), José Blanco, afirma que está este ano "barata". "Un euro ou un 1,10 o quilo cando o ano pasado nestas datas estaba a dous euros", indica sobre unha situación que vincula coa presenza dunha maior cota en Portugal que fai que non recorran á sardiña en Galicia e que sitúa o prezo desta máis barata.

"Eles teñen 3.000 quilos de sardiña diarios e nós 6.000 á semana", cita como exemplo da actual situación. De cara ao San Xoán, espera, con todo, que haxa unha subida dos prezos, até situarse nun tres euros o quilo. De todos, momentos, insiste en que "só cun día, a frota non vive", apunta ao alertar sobre a situación deste sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta