O Gaiás programa 67 actividades de verán para atraer a 50.000 persoas con música, arte e natureza

O prato forte da programación será a música, con espectáculos que arrincarán este 22 de xuño e que inclúen os existosos 'Atardeceres no Gaiás'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/06/2018 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

A Cidade da Cultura de Galicia programa este verán un total de 67 actividades estivais que, a través de iniciativas de arte, música e natureza, prevén atraer a 50.000 participantes adicionais aos visitantes habituais do complexo compostelán.

Gaiás Verán non Gaiás
Gaiás Verán non Gaiás | Fonte: Europa Press

A directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, María Pereira Otero, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron este luns na presentación do programa 'Verán no Gaiás', que durante os meses estivais levará distintas actividades a este complexo. Segundo explicou María Pereira, a programación articularase ao redor de tres liñas: a natureza, co obxectivo de pór en valor a contorna natural; a arte e a música. Ademais, dedicará unha especial atención ao público familiar.

As actividades articularanse baixo os criterios de "calidade na oferta" e "diversidade" de propostas e públicos, dixo Anxo Lorenzo, que comprometeu unha vinculación coa tradición cultural galega xunto con propostas "máis vangardistas". Centrándose de forma particular na contorna natural do Gaiás, a intención, con datos de anos anteriores, é que unhas 50.000 persoas participen nestas actividades, ademais dos visitantes habituais do complexo.

POÑENDO EN VALOR A CONTORNA

Entre as actividades que durante o verán porán en valor a contorna natural da Cidade da Cultura está 'Unha noite no bosque', que todos os venres desde o 29 de xuño ao 17 de agosto permitirá a nenos de entre 10 e 13 anos acampar no Bosque de Galicia.

Ademais, todos os xoves entre o 5 de xullo e o 13 de setembro haberá rutas a pé gratuítas, tanto nocturnas como diúrnas, para coñecer a zona, baixo o nome 'Camiño ao Gaiás'. Aproveitando as condicións da Cidade da Cultura, un ano máis se reeditarán as visitas astronómicas, que terán lugar todos os sábados desde o 7 de xullo ao 15 de setembro, gratuítas previa inscrición, e que terán unha edición especial o domingo 12 de agosto para ver as Perseidas.

A medio camiño entre a arte e a contorna están as intervencións artísticas nas Torres Hejduk (Betula Péndula até o 19 de agosto e Arquivo Aberto da Memoria Arquitectónica a continuación) e nos espazos verdes do Gaiás (Reb/veladas na Paixase).

ARTE

No apartado artístico, o Museo Centro Gaiás manterá durante o verán a exposición 'Galicia Universal. A arte galega nas coleccións Abanca e Afundación', que poderá verse até o 14 de outubro. Do mesmo xeito, até o 2 de setembro estará a mostra fotográfica 'Baldomero Pestana, a verdade entre as mans', que pon en valor a obra deste descoñecido autor. Até a mesma data, a planta cero do museo acollerá unha exposición con retratos e selfies de alumnos do taller fotográfico impartido por Tamara de la Fuente.

Os días 11 e 18 de xullo haberá, ademais, no exterior da Biblioteca de Galicia, unha xinkana literaria sobre Ramón Otero Pedrayo, con motivo do 130 aniversario do seu nacemento.

A MÚSICA, PRATO FORTE

Con todo, se hai un apartado importante na programación de verán da Cidade da Cultura, é a música. Os espectáculos arrincarán este 22 de xuño, a partir das 21,00 horas, co concerto de SondeSeu, para conmemorar o Día da Música. O 1 de xullo, o Museo Centro Gaiás acollerá o III Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que 12 formacións interpretarán os seus repertorios para a ocasión e concluirán cunha actuación conxunta.

Os xoves, venres e sábados desde o 5 de xullo ao 18 de agosto programaranse, un ano máis, os exitosos 'Atardeceres no Gaiás', que encherán a praza central do complexo coas actuacións en pequeno formato de artistas como Nathy Peluso, Mordem, A Redada, A Banda da Loba, Tremenda Jauría, Pony Bravo, Lo Odio, Silence Lovers Club ou Pajaro Sunrise, entre outros.

O 25 de agosto, a praza central da Cidade da Cultura volverá ser punto de encontro de toda a familia cunha nova edición da 'Cidade Imaxiaria', que desde as 16,00 ás 20,00 horas programará xogos, espectáculos e talleres para todas as idades. Un día despois, o 26 de agosto, arrincará no Gaiás o VIII Encontro de Artistas Novos, ao que acudirán creadores emerxentes para dar a coñecer o seu traballo e debater sobre arte contemporánea. De forma paralela, os días 24 e 31 de agosto e 7 e 14 de setembro, as sesións DJ de 'As Nocturnas' invadirán en Museo Centro Gaiás.

Para concluír, o 16 de setembro está programada a XV Romaría Coral Galega, na que participarán un milleiro de coralistas de 45 formacións de toda Galicia, e un concerto de Emilio Rúa, que terá lugar o 21 de setembro no Museo Centro Gaiás e que porá o broche de ouro a esta programación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta