"Outono quente" de mobilizacións contra a carreira profesional do Sergas

Comisións Obreiras e O'Mega considérana "clasista" e "discriminatoria" e auguran numerosas manifestacións nos próximos meses.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/06/2018 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras (CCOO) e O'Mega expresan o seu rexeitamento á proposta de carreira profesional do Sergas. Así pois, auguraran un "outono quente" de mobilizacións, para as que procurarán o apoio do resto de organizacións sindicais. Segundo relataron, actualmente só o sindicato CEMS apoia explicitamente a iniciativa da Xunta, toda vez que SATSE e CIG manifestaron a súa oposición e CSI-F e UGT comunicarán en breve a súa postura.

Sala de espera do Sergas
Sala de espera do Sergas

O CARÁCTER "CLASISTA" DA CARREIRA PROFESIONAL

Os voceiros de CCOO e O'Mega denuncian que a proposta de carreira profesional da Xunta deixa fóra a metade do persoal: traballadoras e traballadores eventuais "que en moitos casos levan dez anos a traballar no sistema sanitario público". O persoal interino pode participar nesa carreira, pero unicamente mediante un grao inicial —a carreira constaría de catro— que non implicaría melloras retributivas. Neste punto, o secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle preguntouse "que sentido ten unha redacción claramente discriminatoria que, ademais, vai en contra do que ditan numerosas sentenzas que CCOO gañou en todo o Estado".

Por outra parte, o persoal que si podería participar na carreira, vería como as melloras retributivas se fraccionarían, "algo que non cadra coa etapa de recuperación económica en que se supón que estamos", criticaron Cameselle e Piñeiro, homólogo do sindicato médico. Desta maneira, a metade do grao cobraríase nun ano, e a outra metade no ano seguinte.

Comisións tamén critica o carácter "clasista" desta carreira, xa que esixe menos anos entre cada un dos graos para o persoal licenciado sanitario e ata tres anos máis para o resto. Neste punto, tanto CCOO como O'Mega piden que entre cada grao medien cinco anos de maneira igualitaria, para todo o mundo, tal como recolle a Lei orgánica de profesións sanitarias. Deste xeito, nun máximo de vinte anos sería posible completar a carreira profesional.

FERRAMENTA "PARA PREMIAR OU CASTIGAR"

Asemade, CCOO e O'Mega denuncian que a Xunta concibe esta carreira profesional como unha ferramenta "para premiar os afíns e castigar o resto", xa que a redacción está "chea de xeneralidades que poden dar pé a aplicacións arbitrarias". Esixen que a carreira estea estritamente relacionada coa valía profesional e se baleire do contido disciplinario incluído pola Administración autonómica. "A lexislación vixente xa recolle sancións, non é necesario incluír nada nisto na carreira profesional", expresaron Cameselle e Piñeiro.

Por último, os sindicalistas lamentaron que a proposta da Xunta sexa contraria ao espírito do acordo de fin de folga de outubro do ano pasado. Neste punto, Cameselle sinalou que CCOO negociou "con lealdade", pero que de agora en diante "estamos lexitimados para adoptar calquera medida que nos permita deter este atropelo e conseguir unha carreira profesional digna e non discriminatoria".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Dr Bacterio

Cando había unha folga xeral na sanidade convocada para defender a carreira profesional: CCOO e UGT a desconvocaron