Temas: EMIGRACIóN

Máis de cen emigrantes en América Latina volven a Galicia décadas despois

O aeroporto de Lavacolla recibe este xoves a 54 galegos afincados en Arxentina e outros 24 residentes en Uruguai.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2018 | Actualizada ás 17:41

Comparte esta noticia

Un total de 149 emigrantes galegos volven a Galicia este verán despois de pasar case toda a súa vida en diferentes países de Latinoamérica. Isto será posible grazas ao programa da Xunta 'Reencontros na Casa', que busca promover o contacto destas persoas coas súas familias e lugares de orixe.

Case 150 emigrantes en Latinoamérica volven a Galicia décadas despois
Case 150 emigrantes en Latinoamérica volven a Galicia décadas despois | Fonte: Europa Press

Sobre as 8,30 horas deste xoves, 54 galegos afincados en Arxentina e outros 24 residentes en Uruguai aterraron no aeroporto de Lavacolla, en Santiago, onde os seus parentes os recibiron "con moitos nervios", segundo confesaron Sara e Belia, dúas irmás de Vila de Cruces (Pontevedra) que esperaban cun ramo de flores a unha terceira, Dolores.

E é que, tal e como o explicaron, levaban "40 anos sen verse, desde nenas". "Mantivemos o contacto por carta e agora por teléfono", aseguraron, á vez que apuntaron que, aínda que "se poden ver" coas novas tecnoloxías, "non é o mesmo" que tela aquí.

Despois do reencontro, Dolores dixo estar "moi feliz, moi contenta e moi agradecida á Xunta por este programa tan bo". "Viaxamos espectacularmente, atendéronnos de dez... non teño palabras, só agradecementos", declarou entre bágoas.

'Reencontros na Casa' é un proxecto da Secretaría Xeral de Emigración dirixido a galegos maiores de 65 anos e con poucos recursos económicos que se marcharon a América Latina hai varias décadas. A media de idade de todos os beneficiarios supera os 77 anos.

"NON COÑECÍA A NINGUÉN PERO FUN SÓ"

O máis maior é Camilo, un galego de 93 anos que marchou en 1950 a Arxentina. "Tiven unha vida medio rara, funme de acá, non coñecía a ninguén pero fun só. Fixen o servizo militar en Mérida e funme", relatou. O nonaxenario, a quen o viaxe se lle fixo "moi engorroso" polo transbordo en Madrid, lembrou que xa veu "varias veces" a Galicia. Así, permanecerá na Comunidade durante mes e medio "para ver á familia por última vez", tal e como comentou.

Outro dos beneficiarios, Antonio Vitorino, contou "moi contento" que levaba, até agora, 61 anos e medio sen vir á Comunidade. "Funme de Salvaterra (Pontevedra) aos 12 anos e medio só nun barco. Recibíronme en Arxentina, alá estaba só cunha foto do meu pai, que marchara había catro anos atrás", relatou.

E é que, segundo proseguiu Antonio Vitorino, os emigrantes fixeron "quedar ben" aos galegos "en toda América": "Porque fomos traballadores día e noite, e os nosos pais xa nin falar".

Regina e Fernando, dous irmáns de Sada (A Coruña) que facía oito anos que non visitaban Galicia, contaron como os seus pais os levaron "a facer vida" en Arxentina con apenas cinco anos de idade. Esta vez permanecerán un mes máis na Comunidade "se a familia os aguanta", tal e como bromeou Fernando, quen tamén confesou que lle encantaría "gozar dos parentes" e "comer algo típico de aquí".

"AGRADECER" AOS EMIGRANTES

Á recepción en Lavacolla tamén acudiron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, quen expresou que "un ano máis é moi satisfactorio para Galicia recibir á súa xente no exterior".

"Que algúns, 60 anos despois, poidan volver á súa terra é unha das grandes políticas sociais que a sociedade galega pode ofrecer", valorou para, a continuación, expresar que é unha forma de "agradecer" aos emigrantes que "transmitisen aos seus fillos e netos esa pertenza a Galicia".

Deste xeito, segundo as súas cifras, estes galegos de segunda xeración son xa o 70 por cento dos habitantes da Comunidade no exterior, "todo un potencial" segundo palabras do secretario xeral, xa que ese "sentimento" cara ao lugar de orixe "significa que poden volver para axudar a recuperar o reto demográfico e adaptar a sociedade galega ao século XXI".

Durante o medio día chegarán desde Venezuela ao aeroporto de Alvedro (A Coruña) outros 57 participantes de 'Reencontros na Casa', mentres que tamén aterrarán, aínda que en grupos menos numerosos, outros beneficiarios desta iniciativa que veñen de Cuba ou Brasil.

Temas: EMIGRACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta