A RAG acolle o xoves a "presentación-concerto" do volume que recolle as composicións de Manuel Feijóo

Recolle as partituras das pezas compostas polo francisco a textos de Rosalía, Cabanillas ou Bouza Brey

| 23/06/2018 | Actualizada ás 13:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A sede da Real Academia Galega acollerá o vindeiro xoves 28 de xuño a "presentación-concerto" do volume que recompila as partituras e arranxos que realizou o franciscano Manuel Feijóo sobre textos de autores das letras galegas como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas ou Fermín Bouza Brey.

'Pai Manuel Feijóo. Música da nosa terra', editado por Harmonía Universal, aglutina as composicións do relixioso, natural do municipio ourensán de Cartelle e que compaxinou o seu labor de organista e profesor de música coa de compositor.

Manuel Feijóo fundou coros como os infantís de Herbón e Ponteareas, pero foi co Orfeón Terra a Nosa, xa na súa etapa en Santiago de Compostela, cando alcanzou a súa "máxima efervescencia creadora".

Centrado na tradición galega nun momento no que tanto a lingua como a cultura de Galicia permanecían relegadas, Feijóo realizou xiras internacionais co Orfeón Terra a Nosa, cuxo repertorio bebía da tradición musical galega coa literaria.

Segundo destaca o promotor do volume Enrique Mourille Feijóo, sobriño do compositor, o libro reflicte a "importante conexión que o pai Feijóo tiña coa música popular e a tradición literaria galega". "Nel séntese ante todo un músico galego", remarca.

PRESENTACIÓN E CONCERTO

Esta publicación completa a edición da obra de Manuel Feijóo, xa que se suma a outros dous títulos, centrados un na súa música polifónica e que inclúen as cinco misas que compuxo e, o outro, na súa música de nadal.

A terceira entrega do seu traballo recolle as partituras sobre textos de importantes figuras das letras galegas, como Rosalía --'Nasín cando as prantas nasen', 'Has de cantar', 'Padrón, Padrón' e 'Como chove miuidiño'--; Gonzalo López Abrente --'Na lareira'--; Ramón Cabanillas --'Galicia! Nai e señora'-- ou Fermín Bouza Brey --'Requiem por Cuevillas'--.

Ao termo da presentación, que correrá a cargo de Enrique Mourille e o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o grupo de música medieval Resonet ofrecerá un concerto no que interpretarán algunhas das obras recollidas en 'Pai Manuel Feijóo. Música da Nosa Terra'.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta