A néboa dificulta a procura do tripulante dun veleiro desaparecido

A muller que acompañaba ao tripulante desaparecido foi rescatada e trasladada a terra, pero as condicións meteorolóxicas adversas dificultan a procura do tripulante e polo momento "non hai previsión de mellora".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2018 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

As condicións meteorolóxicas adversas dificultan este luns a procura do tripulante dun veleiro de orixe alemá desaparecido o pasado sábado despois de sufrir un accidente marítimo mentres navegaba na contorna das Illas Sisargas, en Malpica (A Coruña).

Forte ondada en Malpica de Bergantiños
Forte ondada en Malpica de Bergantiños

Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo, o avión "Sasemar 102" con base en Santiago saíu ás 5,30 horas deste luns pero cando chegou á zona de procura advertiu que había moita néboa e as condicións meteorolóxicas adversas impedían seguir o rastrexo, polo que regresou a terra.

Por iso, confirmou Salvamento, o Centro de Fisterra emitiu alerta aos pesqueiros da zona para que "extremen a vixilancia" por se localizasen ao tripulante desaparecido. Para este luns delimitouse como zona de procura unha área rectangular ao noroeste das Illas Sisargas de 30 millas de ancho e 25 de longo. Con todo, a baixa visibilidade impide mobilizar medios e "non hai previsión de mellora" polo momento.

DESAPARICIÓN

A busca iniciouse na noite do pasado sábado 23 de xuño, tras ter constancia da desaparición do tripulante dun veleiro despois de sufrir un accidente marítimo mentres navegaba na contorna das Illas Sisargas, na zona de Malpica. A muller que o acompañaba no barco foi rescatada e trasladada a terra.

O aviso do incidente rexistrouse ás 21,50 horas do sábado 23, cando unha embarcación alertou a Salvamento de Fisterra de que un veleiro, de nome 'Audacia', parecía atoparse á deriva e sen ningún tripulante a bordo, a unhas dúas millas da costa.

Cando a embarcación 'Salvamar Altair' chegou ao lugar comprobou que non se atopaba ninguén na cuberta do buque, pero dentro do veleiro localizouse a unha muller ferida, que lles informou que o seu marido se caeu á auga había unhas horas.

Inmediatamente, trasladouse ao porto de Camariñas á muller, onde foi atendida polos servizos sanitarios xa que presentaba unha perna rota. De forma simultánea, iniciouse o dispositivo de procura do desaparecido por mar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta