Cal é o papel de Patrimonio no control dos eucaliptos nos montes?

Segundo a Asociación Forestal de Galicia, traballos forestais como rozas ou podas, que teñen un obxectivo de prevención de incendios, vense postergados todos os anos polos atrasos de Patrimonio na concesión de autorizacións. Doutra banda, a asociación participou no proxecto FOREST-IN en Francia e constatou que na Provenza hai problemas comúns ós que se dan no monte galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2018 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A limpeza dos montes ten un papel fundamental na prevención de incendios que, cada verán, ameaza a arrasa cos montes galegos. Así, a Asociación Forestal de Galicia mantivo un encontro coa Dirección Xeral de Patrimonio para abordar os atrancos e custos adicionais que ocasiona a presenza de elementos patrimoniais nos montes. A asociación trasladoulle a Patrimonio que o principal interese tanto das comunidades de montes veciñais como dos propietarios particulares, é manter os elementos patrimoniais en perfecto estado. Pero iso sí, "sen que supoñan unha carga adicional", sinalaron.

Participantes no proxecto FOREST-IN na Provenza
Participantes no proxecto FOREST-IN na Provenza | Fonte: Asociación de Bosques Modelo de Provenza

Deste xeito, desde a asociación denuncian que a falta de persoal en Patrimonio está a aumentar os custos aos propietarios, xa que existen moitos retrasos na concesión de autorizacións para levar a cabo rozas ou podas. Isto é: dificultades para levar a cabo traballos co obxectivo de previr incendios.

Doutra banda, a AFG tamén demandou que os técnicos da Administración asuman os informes e controis arqueolóxicos que sexan precisos, evitando así os actuais custos adicionais ós que se ven obrigados os propietarios. Por parte de Patrimonio, houbo receptividade ás propostas da AFG, se ben recoñeceuse que a Dirección Xeral de Patrimonio carecía de recursos humanos e técnicos suficientes para cursar as autorizacións de traballos forestais en tempo, evitando retrasos, e para asumir a elaboración de informes arqueolóxicos.

SIMPLIFICACIÓN DOS PROCEDEMENTOS

Na actualidade, a presenza de elementos patrimoniais nos montes ocasiónalle aos
propietarios unha maior carga burocrática, retrasos na execución dos traballos
forestais e custos adicionais. A Asociación Forestal de Galicia pediulle a Patrimonio
unha simplicación dos procedementos, sobre todo naqueles montes que conten con
instrumentos de ordenación aprobados pola Xunta.

Bosque de eucaliptos
Bosque de eucaliptos

O PAPEL DA XUNTA

En vista de tal situación, que se experimenta desde hai anos, a Asociación Forestal de
Galicia empraza á Xunta a dotar de máis persoal e de recursos técnicos suficientes á
Dirección Xeral de Patrimonio, a fin de que se axilicen as autorizacións de traballos
forestais. É tamén preciso que Patrimonio asuma nun futuro a realización dos informes
arqueolóxicos que lle esixa ós propietarios, pois só así se poderán evitar custos
adicionais para comunidades de montes e particulares.

GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS

A Asociación Forestal de Galicia pediulle á Dirección Xeral unhas instrucións públicas, a modo de guía de boas prácticas, que expliquen os condicionamentos xerais e específicos de cada tipo de elemento patrimonial. Esas instruccións deberán tamén precisar as limitacións que existen en función de se se trata dun área de protección integral ou de cautela.

A publicación de tales orientacións, unha cuestión á que a Dirección Xeral foi receptiva,
facilitaría o traballo de propietarios e de técnicos de planificación forestal. A Asociación Forestal de Galicia e a Dirección Xeral de Patrimonio quedaron de ter unha nova reunión no outono para valorar a evolución de todas estas cuestións.

OS MONTES DA PROVENZA: PROBLEMAS COMÚNS

A Asociación de Bosques Modelo de Provenza, en Francia, vén de desenvolver un encontro para amosar distintos sistemas de xestión das pequenas propiedades forestais na Provenza, unha rexión encadrada na zona mediterránea do país veciño. O evento, que se enmarca no proxecto FOREST-IN, contou con asistencia dunha delegación galega, na que participaron integrantes da Asociación Forestal de Galicia, entre outras entidades.

A delegación galega coñeceu nos tres días do encontro distintos modelos de xestión do bosque, constatando que na Provenza hai problemas comúns ós que se dan no monte galego, coma son os incendios forestais, os atrancos derivados do minifundio ou a conflitividade ligada ó uso recreativo dos montes.

Na Provenza, as visitas técnicas programadas permitiron comprobar como se xestiona o monte na rexión gala. Unha das cuestións a destacar radica nas fórmulas que se deseñaron en Francia para afrontar o minifundio forestal, que no país veciño é considerado un problema grave, a pesar de que teñen parcelas forestais de dimensión moi superior á galega.

“En Francia, existen fórmulas diversas para propiciar o manexo en conxunto de pequenas propiedades particulares. Por exemplo, unha vía é a agrupación de propietarios particulares con montes públicos, o que permite sinerxias como a comercialización de productos forestais de maneira conxunta”, explica Francisco Fernández de Ana, presidente da Asociación Forestal de Galicia, que participou na recente viaxe á Provenza.

Outra das visitas programadas na Provenza centrouse en amosar como, en materia de prevención de lumes, se traballa na formación de barreiras agrícolas en torno ós núcleos de poboación. “Hai un programa para recuperar terras agrícolas abandonadas ao redor dos núcleos habitados e volvelas a poñer en produción, por exemplo con cultivos de horta”, sinalou Francisco Fernández de Ana.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 rrrrrrrr

Eu vexo un pouco disparatado pensar que arde mais un monte que un terreo agrícola, ¿que arde mais un monte de eucaliptos ben limpo ou un terreo con herba alta totalmente seco e listo para empacar?. Ademais, cos xabariles hoxe sería totalmente impracticable, ademais cerca das casas habería problemas para utilizar esterco ou similar (os veraneantes son terribles para iso). Por outra banda traballar en conxunto está ben, pero con independencia dos asociados, agora mesmo estase a ver en Galicia un desbarate de cuidado; presións disparatadas da Administración e a xente regalando madeira por todas partes, polo menos en canto ó eucalipto, como se empece a aplicar a lei en zonas de castaño e carballo que non os queren nin regalados...