O Goberno do PSOE investigará se o PP "enganou" sobre os prazos do AVE a Galicia e está "aberto" ao traspaso da AP-9

Caballero e Leiceaga reúnense co novo ministro, que anuncia unha auditoría das obras da alta velocidade. O PPdeG cualifica de "moi preocupante" que o titular de Fomento "poña en cuestión" os prazos do AVE

Por E.P. | Madrid | 25/06/2018 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

O Ministerio de Fomento auditará o estado das obras da alta velocidade a Galicia para determinar cal é "a herdanza" que deixa o PP xa se houbo "engano" nos prazos, co obxectivo de examinar se estes son realizables. O último compromiso do Goberno de Mariano Rajoy fixaba a chegada do AVE a Galicia, en período de probas, no último trimestre de 2019.

Gonzalo Caballero con el ministro de Fomento en Madrid.
Gonzalo Caballero con el ministro de Fomento en Madrid. | Fonte: Europa Press

Así o trasladou o novo titular do departamento, o socialista José Luís Ábalos, nunha reunión celebrada en Madrid co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o seu portavoz parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga.

Caballero, que empezou este luns unha rolda de reunións con autoridades comunitarias (xa se entrevistou co comisario de Agricultura e este martes farao coa responsable de Política Rexional), aproveitou a visita a Madrid para ter unha "primeira toma de contacto directo" co ministro de Fomento.

En declaracións aos xornalistas a continuación, o líder dos socialistas galegos explicou que Ábalos lle mostrou o seu "compromiso en favor de manter todos os investimentos previstos" en materia de infraestruturas para Galicia, así como de "traballar arreo" e "todo o esforzo" para que o AVE chegue "canto antes".

Respecto diso, Gonzalo Caballero subliñou que "se necesita saber cal é a herdanza do PP", tras "anuncios e autobombo" pero, segundo criticou, compromisos que "non se cumpriron". "O ministro necesita auditar a situación", fixo fincapé, remarcando a idea de que Ábalos acaba de chegar a Fomento.

"MANTENDO O RITMO"

Iso si, quixo "despexar calquera tipo de dúbida", rexeitando que se xere un "debate ficticio", posto que "todo o ritmo de obras está a manterse" e non se tomou "ningunha medida que permita atrasar nin un só segundo" as actuacións.

Tras o exame da situación, "os prazos manteríanse" no caso de que esta responda ao que se dixo. Por iso é polo que a idea é "aclarar o que fixo e o que deixou de facer con Galicia" o Partido Popular.

TABOADELA-OURENSE

De feito, ao seu carón, Fernnández Leiceaga lembrou que o tramo que conecte Taboadela con Ourense "non será posible" que estea listo en 2019, e do resto avogou por esperar "a que o ministro faga o recoñecemento".

Así mesmo, chamou a atención sobre que as probas se prolongan "un pouco máis dun ano", ante o que Caballero censurou que "o PP xogou cos prazos". Foi, ao seu xuízo, "un xogo de prazos que non é real".

AP-9

Por outra banda, no ámbito das autoestradas, o secretario xeral do PSdeG comentou con Ábalos o feito de que a ponte de Rande non está "funcionando con normalidade" medio ano despois da inauguración das obras de ampliación.

Tamén fixo chegar a formulación dos socialistas galegos sobre a solicitude de transferencia da titularidade desta autoestrada, a AP-9.

Neste apartado, Caballero acusou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de prorrogar a concesión a Audasa ata 2048, o que deixa esta vía en mans privadas "tres décadas máis". "Esa é a herdanza que deixa a Galicia", lamentou.

Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga afirmou que viu ao ministro "moi aberto" en relación coa petición de traspaso, pero tamén salientou que é preciso que coñeza a situación en detalle "antes dun pronunciamento definitivo".

No que ten que ver coa xestión das peaxes, Caballero apostou por unha "maior vixilancia" ante "desaxustes", como os atascos que se producen de maneira periódica na contorna de Rande.

REACCIÓN DO PPdeG

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, cualificou de "moi preocupante" que o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, "poña en cuestión" os prazos do AVE a Galicia. Nun comunicado, advertiu que, "desde que se consumou a moción de censura", os socialistas "están a preparar o terreo mediático" para "desatender os compromisos adquiridos do anterior Executivo co AVE galego, aprazando a data de chegada para priorizar os investimentos".

"Xa sabiamos que deixar de ter un presidente galego non sería unha boa noticia para Galicia, pero non pensabamos que o castigo á nosa comunidade por non ter un depósito de votos para o PSOE ía arrincar tan axiña", dixo Tellado.

Para o secretario xeral, "é grave" que o ministro estea a empezar desta forma a súa andaina en Goberno, pero "moito máis aínda" que o responsable do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, "rían as grazas coa súa presenza no Ministerio".

"O que vimos é que, 25 anos despois de que o seu tío prometese en 1993 o AVE a Galicia, Gonzalo Caballero estivo hoxe en Madrid para xustificar novos atrasos", engadiu o dirixente 'popular', quen considera "unha falta de respecto" que o Goberno reciba antes ao secretario xeral do PSdeG que á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, a pesar de pedir "unha reunión de maneira formal".

"É unha pena que este Executivo antepoña a axenda do partido sobre as relacións entre ambas as administracións", sentenciou, antes de contrapor esta situación co que sucedía cando gobernaba o PP e o entón ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, "visitaba Galicia cada tres meses para informar das obras".

Por outra banda, sobre o traspaso da AP-9, incidiu en que o PPdeG "pediu a titularidade da autoestrada a un Executivo do PP" e avanzou que tamén lla reclamará ao Goberno do PSOE.

Iso si, lembrou que Feijóo "foi capaz de liberar" esta infraestrutura do "acordo ruinoso" que asinou o bipartito, e que se baseaba en que os galegos "subvencionasen a peaxe dunha autoestrada estatal".

"Grazas ao presidente aforráronse uns 400 millóns de euros", proclamou, antes de concluír que "a bagaxe do PSOE con respecto á AP-9" resúmese "nas subas de peaxes que consentiron a cambio de ampliar a dita vía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Aditoría Herdanza x Auditoria Herdanza = Nada de Nada (coma sempre!)