E que pode ofrecer Galicia ás empresas asiáticas?

Unha misión empresarial asiática solicitou ver as instalacións e servizos da USC relacionadas co sector leiteiro para intercambiar información, coñecer os proxectos de I+D+I e iniciar procesos de internacionalización das empresas lácteas.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 27/06/2018 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC e a spin off TasteLab, nada tamén na sede universitaria luguesa, recibiron este martes a visita dunha delegación empresarial ligada ao sector leiteiro de Kazakhstán no marco dun proxecto internacional orientado a implantar a política de clúster na república asiática e que conta con financiamento do Banco Mundial.

Un momento do encontro
Un momento do encontro | Fonte: Gabinete de comunicación da USC

A misión empresarial asiática, integrada pola executiva do Instituto de Desenvolvemento da Industria de Kazakhstán, Gulnara Saukenova, e por tres representantes do Clúster do Leite de Akmola Oblast, a directora da empresa Capital Natur Product, Mariya Novikova; o director financeiro da empresa Gormolzavod, Aslan Kurmangaliyev, e o director da firma Esil Butter Factory, Valrey Khainakov, solicitou visitar estas instalacións e servizos da USC relacionadas co sector leiteiro, a fin de poder intercambiar e compartir información e tamén para coñecer algún dos proxectos de I+D+i nos que participa a USC.

A presentación da actividade que se está a realizar no Clúster do Leite Akmola Oblast de Kazakhstán e a exploración de posibles vías de colaboración coa institución universitaria tamén figuran entre os obxectivos desta visita. A presenza desta representación do Clúster do Leite kazahho no campus lugués encádrase no marco dunha expedición internacional apoiada polo Ministerio de Economía Nacional da República de Kazakhstán para favorecer o coñecemento da forma de traballar e das experiencias de empresas e clúster europeos do sector lácteo.

O coñecemento dos procesos de internacionalización das empresas europeas, así como doutros aspectos relacionados con insumos de produción e eficiencia, ademais da avaliar a posibilidade de establecer futuras liñas de cooperación son outros dos cometidos. A delegación asiática aproveitará a súa estadía dunha semana en Galicia para visitar ademais diversas empresas do sector leiteiro e para manter encontros con responsables políticos e representantes de numerosas entidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta