Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2018 | Actualizada ás 13:30
"Chegou o momento da altura política" sinala a Comisión de Recuperación Memoria Histórica A Coruña, que "saúda" moi positivamente o dictame da Comisión de expertos do Parlamento de Galicia. No dictame, chégase á conclusión de que o pazo de Meirás foi usado polo ditador como unha residencia oficial do xefe do estado. Así, a CRMH da Coruña considera que no debate que se levará a cabo no Parlamento de Galicia, verase a calidade democrática dos partidos representados nel.
A Comisión de expertos, polo tanto, conclúe que o persoal do Pazo do Pardo se trasladaba ao pazo de Meirás no periodo vacacional do ditador que pasaba en Meirás, realizando exactamente as mesmas funcións que realizaba no Pazo do Pardo. E así, o ditador Franco só mandaba pagar a contribución do pazo, mentres que o pobo galego pagaba o resto. "Chegou a hora de abrir unha fiestra que estaba pechada, a da soberanía popular sobre o pazo de Meirás, soberanía representada no Parlamento galego, que é quen pode efectivizar o paso do pazo de Meirás ao patrimonio público" apuntan dende a CRMH da Coruña.
Doutra banda, o Informe Xurídico-Histórico emitido pola Xunta Pro-Devolución do Pazo de Meirás sinala que a familia Franco xa tiña coñecemento sobre o fraude de lei que cometeu o ditador Francisco Franco ao facer un contrato simulado na adquisición do pazo, pois Franco tomou físicamente o pazo no seu poder en decembro de 1939 e non está acreditado que o contrato de compravente estivera ata 1942 rexistrado no xulgado de Betanzos.
Deste xeito, a CRMH da Coruña anima a "recuperar o que é noso" e que o Pazo de Meirás "volva dunha vez" a ser patrimonio público. Así, conclúe que todos os bens espoliados pola familia Franco teñen que ser devoltos ao pobo: "chegou o momento de rematar coa impunidade do franquismo, hai que tratar da mesma forma o pazo de Meirás que o Val dos Caídos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.