O BNG condena a instrución en "armas de gran calibre" ao alumnado das escolas de Marín

Das fotografías tomadas durante a visita dos militares aos centros, di que "son repulsivas" e que "non é propio da educación escolar".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/06/2018 | Actualizada ás 10:16

Comparte esta noticia

O deputado por Pontevedra, Luís Bará, esixiu ao goberno galego “abrir un expediente” e condenar a instrución en “armas de gran calibre” a nenos e nenas de centros escolares de Marín como actividade escolar na celebración o día 1 de xuño do 75 aniversario do asentamento da Escola Naval de Marín.

O deputado do BNG ensinando as fotografías
O deputado do BNG ensinando as fotografías | Fonte: BNG-prensa

Na súa intervención, o deputado amosou diversas fotografías dos militares instruíndo a nenos e nenas na utilización e uso de armas e rexeitou que este adestramento sexa comparable ás visitas que realizan habitualmente os escolares a institucións ou outro tipo de centros. Para o deputado, os dereitos da infancia deben ser sempre respectados, así como a transmisión de valores como a paz e convivencia. Nesta ocasión, dixo, as imaxes dos escolares aprendendo a montar e utilizar un arma “son repulsivas”.

Estas imaxes reflicten que non se tratou exclusivamente dunha visita a instalacións militares, senón que foron “actividades de coñecemento, manexo e simulación no uso de armas de grande calibre en centros escolares", dixo. O acontecido, recalcou Bará, “non é propio da educación escolar” nin da participación de alumnos de 6,7 e 8 anos no uso das armas. "Estou seguro de que na programación da actividade non estaba previsto o que logo sucedeu", asegurou. Así mesmo, agardaba que o goberno galego “condenase” estes feitos porque “son repugnantes e repulsivos”, mais non sucedeu así.

Tras a reposta do secretario xeral de educación, Jesús Oitavén, que comparou a actividade militar nos centros escolares coas que se realizan habitualmente a institucións ou centros cívicos e profesionais, Bará lamentou que a Xunta non anunciara ningún tipo de acción para denunciar ou condenar e sobre todo “evitar que se produzan feitos tan extraordinariamente graves. Nenos e nenas instruíndose no manexo de armas en centros escolares, non en instalación militares", afirmou.

Así pois, o deputado nacionalista pediu ao goberno galego abrir un expediente e tomar as medidas necesarias para que esta situación non se volva repetir e lembrou que un gran número de familias e membros do profesorado “non participaron na actividade nin autorizaron a visita para que os nenos e nenas foran adestrados con armas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta