Os Premios Fouciño: "na periferia tamén existimos"

"Nós tratamos de achegar propostas alternativas que se saen fóra dos circuítos de distribución habituais a un público que tampouco adoita acudir ás salas para ver este tipo de cinema de vangarda", di Mabel Montes, organizadora dos Premios Fouciño. Desta confluencia de xentes non podía xurdir nada malo!

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 29/06/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A terceira edición dos Premios Fouciño xa está aquí, e vén ben cargada de audiovisual e cultura para facer florecer a creatividade en toda a Costa da Morte e no resto de Galicia. Baio convértese nesta semana, ata o sábado 30, no mellor escenario para todos aqueles que gocen do cinema. Mabel Montes, unha das organizadoras do festival, di que "todo isto naceu dunha arroutada, dunha idea improvisada. O primeiro ano xa foi un éxito e esta nova edición supón a madurez do festival". 

Cartel de Pelerinaxes
Cartel de Pelerinaxes | Fonte: Premios Fouciño

Coa pretensión de "convencer ao público de que o cinema pode ser unha alternativa de lecer", os Premios Fouciño abren unha semana grande que poñen a Baio no punto de mira con proxeccións de películas, documentais e curtas. E é que queren demostrar que "na periferia tamén existimos", comenta Mabel Montes. Normalmente canalízase toda a oferta cultural nos grandes núcleos de poboación de Galicia, mais desta vez, ráchase este patrón. "A Costa da Morte é un núcleo de por si illado e este tipo de actividades axúdannos a facernos ver e que se fale de nós. Non estamos mortos", di con seguridade. 

"PÚBLICO VARIOPINTO E PROPOSTA DIFERENCIADA DE CINE"

Así define Mabel este festival, que nesta edición ten como padriño ao actor Santi Romay. Este rapaz comezou a súa andaina na serie "Mareas vivas" e hoxe en día, xa consolidado no eido do audiovisual, leva recibido diversos premios polo seu papel na obre de teatro "O tolleito de Inishmaan". E este ano forma parte do xurado que avaliou todas aquelas curtametraxes que viaxaron ata Baio con ansias de levar o Fouciño para a casa. "Estamos moi orgullosos da resposta da comunidade escolar, fixemos unha campaña de promoción dos premios e unha ducia de colexios animáronse a compartir con nós as súas creacións", di agradecida Mabel. Na categoría aberta a todo o mundo tamén quedaron ben satisfeitas. No total recibiron máis de 50 curtas, todas elas en galego. 

Ademais dos premios, que se entregarán o sábado, 30 de xuño, ás 22:30h detrás da Casa Ovidio, varias proxeccións inzan os diferentes lugares de Baio durante toda esta semana. O pasado mércores 27 proxectarouse Escarabana, de Sara Casasnovas; Deuteronomio 7.20, de Marta Piñeiro; e Matria, de Álvaro Gago. Este xoves é a quenda de Pelerinaxes - con coloquio co director e as actrices incluído - e o venres será o día para coñecer a "Historia dun satélite", de AlsoSisters. A xornada forte - a do sábado - inciarase cun obradoiro infantil sobre Stop motion, e para o vermú, Baio e todos os que se acheguen poderán conversar coas "Currantas do audiovisual" na Casa Ovidio: AlsoSisters, Illa Bufarda e Laura Santos serán as protagonistas do mediodía. 

Durante a rodaxe de Pelerinaxes
Durante a rodaxe de Pelerinaxes | Fonte: Premios Fouciño

A tarde é para os máis maiores. Ás cinco horas, o Centro Sociocultural de Baio acollerá un obradoiro para aqueles que queiran manexarse mellor cos aparellos tecnolóxicos. Iso si, ás sete xa se proxectarán as curtas desta edición na Casa Ovidio, onde o público tamén terá voz e voto para dar un premio especial á curta que consideren merecente del. Ao rematar a entrega de premios, pecha o festival un concerto de música por parte de Mounqup, Músculo, Souldmacklein e IGMIG. 

Con tal oferta de actividades, resulta complexo non renderse aos encantos deste Baio máis festivaleiro e cinematográfico. Un Baio que se converte en "plataforma para que creadores e público teñan un punto de encontro", di Mabel. "Botabamos en falta un festival de cinema, humilde coma este, por aquí. Con el tratamos de achegar propostas alternativas que se saen fóra dos circuítos de distribución habituais a un público que tampouco adoita acudir ás salas de cine para ver este tipo de cinema de vangarda". Desta confluencia de xentes xorde unha combinación perfecta, que funciona e dá vida. 

O PORQUÉ DO FOUCIÑO

Hai máis de vinte anos, alá entre o 1995 e o 1999, fíxose a primeira película de ficción rodada na Costa da Morte. Levaba por nome "Fouciño Sanguento" e era iniciativa dun grupo numeroso de xente nova con inquietudes creativas e ganas de experimentar no mundo do cinema. Por iso, que estes premios se chamen Premios Fouciño non é cousa do azar. Querían renderlle homenaxe a esa primeira obra, todo un thriller rural.

Ademais, conta Mabel que o ambiente no que se desenvolve este festival é totalmente rural, da aldea. "E ben se sabe que o fouciño é unha ferramenta imprescindindible" para todo labrego ou labrega que se preste. Mais non acaba aquí o conto, en Baio téñeno todo moi ben fiado: "os Premios Fouciño é un proxecto colaborativo e colectivo... e máis socialista ca o fouciño non hai outra cousa!".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta