CCOO-Ensino denuncia "irregularidades" na corrección das probas de Tecnoloxía nas oposicións

Segundo o propio sindicato, produciuse un "cambio de criterios de avaliación" posterior á realización da proba, o que supuxo unha "situación de inseguridade" nas persoas opositoras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/06/2018 | Actualizada ás 13:47

Comparte esta noticia

A Federación do Ensino de CCOO de Galicia denuncia "irregularidades" dos tribunais que xulgan a especialidade de Tecnoloxía nas oposicións. Con data deste mércores, 27 de xuño, os ditos órganos publicaron unha "aclaración" aos criterios de avaliación. Con esta medida pretenden "saír ao paso" doutra queixa sindical, referente ao carácter "irresoluble" dun dos exercicios formulados no proceso selectivo.

Oposicións
Oposicións

Para CCOO, isto significa un "cambio de criterios de avaliación" que se produce con posterioridade á realización da proba. Desde CCOO-Ensino coidan que o tribunal se "equivoca" pretendendo solucionar a inclusión dun exercicio irresoluble mediante un cambio de criterios de avaliación. Para este efecto, o tribunal engade aos criterios de avaliación a seguinte observación: "xustifica correctamente a imposibilidade de obter unha perspectiva a partir das vistas dadas, ou realiza a perspectiva da peza a partir das consideracións expresas que estima oportunas". Isto significa introducir un novo elemento que "oculta un erro do propio tribunal ao formular un exercicio que non tiña solución", reprocha Comisións.

"INSEGURIDADE" NOS OPOSITORES

CCOO-Ensino considera tamén que cos criterios publicados orixinalmente non se podía inferir que o exercicio tivese como solución correcta a súa irresolubilidade, o que xerou unha "situación de inseguridade" nas opositoras e opositores. O sindicato insta os tribunais a "asumiren o seu erro" e solucionar a situación "de maneira xusta", isto é, anulando o exercicio cuestionado ou anulando e repetindo esta parte da proba. Calquera outra alternativa
significaría "pór en perigo todo o proceso". asegura o sindicato.

CCOO-Ensino xa formulara na mesa sectorial que os criterios de avaliación das distintas partes da proba deberían ser máis específicos, para favorecer así que as persoas opositoras soubesen como serían avaliadas. Por último, CCOO-Ensino "agradece e valora positivamente o traballo que as e os membros dos tribunais están a facer, pero naqueles casos puntuais nos que se produzan irregularidades, denunciaraas e esixirá medidas correctoras con todas as garantías para as persoas que opositan".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta