Temas: DEREITOS MULLER

A 'Revista Catalana de Dret Públic' publica por primeira vez un artigo en galego

Trátase dun texto sobre os dereitos das mulleres do profesor Xosé Manuel Pacho, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 28/06/2018 | Actualizada ás 17:34

Comparte esta noticia

O número de xuño da Revista Catalana de Dret Públic rompe unha barreira lingüística e inclúe por primeira vez nesta publicación un artigo escrito en galego. O texto está asinado polo profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo Xosé Manuel Pacho e nel repasa os antecedentes históricos da loita pola igualdade e analiza os dereitos das mulleres, informa a UVigo.

Xosé Manuel Pacho
Xosé Manuel Pacho | Fonte: UVigo.

Esta revista adoita incluír textos en catalán, español e inglés, pero esta é a primeira vez que un investigar publica en lingua galega. O docente explica que estivo traballando sobre as reivindicacións e os dereitos das mulleres e as diferentes xeracións de dereitos humanos. "Pensei que sería interesante publicar o traballo en galego, posto que debemos decatarnos de que a nosa lingua é tan válida como calquera outra para a investigación e para a excelencia reivindicando espazos aos que non adoitaba chegar”, explica o autor no xornal da Universidade de Vigo.

Neste sentido, considera que no campo do Dereito “non é doado atopar traballos realizados en lingua galega, coido que porque o noso contexto social e académico non percibe o que ten de valor engadido poder publicar na nosa lingua”. Recoñece que é consciente da dificultade que implica, “semella máis doado ser citado en castelán ou en inglés que en galego, pero quero pensar que para que unha investigación sexa citada o que cómpre é a excelencia e non aspectos alleos a ela; polo menos así debería ser”. 

Respecto da temática do artigo, Pacho explica que “se o analizamos en perspectiva histórica, veremos que o paradigma dos dereitos fundamentais, dos dereitos humanos, nace dende unha sociedade onde o poder era masculino. Isto tivo como consecuencia que a muller fose relegada tamén na razón moderna e na súa gran conquista: os dereitos humanos”. Por este motivo, as mulleres “loitaron e loitan por camiños propios para conseguir eses dereitos” e o investigador considera que entender isto “é fundamental para comprender moitos dos problemas actuais, tan dolorosamente presentes, da equiparación entre homes e mulleres”.

No artigo, Pacho examina os antecedentes históricos e as distintas xeracións de dereitos, “dende os memoriais de agravios medievais á reclamación do político no ámbito persoal da sociedade”. A loita pola igualdade, explica o profesor, non transcorreu paralela a outras loitas e demandas sociais, “xa que a estrutura social patriarcal condicionou tanto a evolución dos dereitos como a permanente exclusión da muller e as súas propias reivindicacións”.

Para evidenciar esa diferencia, o docente do campus vigués fai un percorrido polas diferentes xeracións de dereitos. A primeira xira arredor da liberdade individual e recóllese tanto na Declaración de Independencia americana de 1776 como a Declaración dos dereitos dos homes e dos cidadáns de 1789. Segundo o autor, “os dereitos desta primeira xeración teñen como principal fundamento a filosofía individualistas e a liberdade, aínda que esqueceron a muller” e cita a Amelia Valcárcel para sinalar que “o feminismo foi o fillo non desexado do igualitarismo ilustrado”.

A segunda xeración dereitos “céntrase no valor da igualdade”, ocupándose maioritariamente da tutela dos dereitos sociais froito das reivindicacións socialistas, sindicais e de clase, como o dereito ao traballo, a igual salario, á educación, etc. Porén, esta nova xeración tamén deixou de lado as mulleres, e como remarca o docente, “logros como o sufraxio universal eran só para os homes”.

Co cambio de século chegou a terceira xeración de dereitos, que está recollida na Declaración Universal de Dereitos Humanos das Nacións Unidas, dereitos referidos á saúde, á vivenda, á contorna ou medio ambiente e á paz. “A titularidade desta xeración de dereitos xa non é só individual, involucra a toda a humanidade coa súa pluralidade e diversidade”. Moi ligada a esta está a cuarta e última xeración, tanto que para moitos expertos non existe diferenciación, cun aspecto destacado que fai referencia á liberdade de expresión, á liberdade de pensamento, etc.

Pero segundo Pacho, o paradigma das xeracións de dereitos non é aplicable á causa das mulleres posto que é un produto nacido dunha sociedade patriarcal que relegaba a muller. Con todo, puxo á disposición da muller a abstracción da igualdade e permitiu construír o seu propio imaxinario reivindicativo, aproveitando as potencialidades emancipatorias do proxecto da modernidade, e comprendendo a razón en perspectiva crítica facendo unha lectura que permite construír unha praxe diferente.

Como conclusión, o docente da Universidade, considera que “a sociedade actual, a modernidade e a posmodernidade son herdeiras do pensamento ilustrado, un pensamento que, non o podemos negar, se construíu dende un paradigma social dunha minoría, cultural, relixiosa, económica, racial, de clase e, indubidablemente, patriarcal, pero que concibiu e consolidou, creo que non se pode cuestionar, a lóxica dos dereitos”. Con todo, considera o docente que cómpre superar a estratificación social e as culturas discriminatorias e considera esta “unha das grandes tarefas que a razón moderna ten por resolver” para acadar un paradigma social fundamentado na igualdade, un paradigma de cidadanía diverso e pluricultural. 

Temas: DEREITOS MULLER
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta