GC Aberto
Temas: CABOZO

Morte anunciada na Rede Social Galega

O meu agradecemento infinito aos creadores de Cabozo que con enorme xenerosidade achegáronnos unha ferramenta de proximidade para mudar o mundo... e cos que todos teremos sempre unha débeda de ingratitude!

Por Gamela | GC ABERTO | 04/07/2018

Comparte esta noticia

Hoxe quixera deixar constancia dunha “morte anunciada”, en breve CABOZO desaparecerá das nosas vidas, e Galicia volverá quedar orfa sen que ninguén se decate siquera do silente traballo de dúas persoas boas e xenerosas que durante máis de dez anos agardaron unha resposta en positivo do noso pobo! 

Logotipo de Cabozo
Logotipo de Cabozo

Asistimos ao peche definitivo dun formato reflexivo e crítico á vez que amigable e humano (cicais demasiado humano) mentres o mundo vólvese tolo seguindo ás redes foráneas que están propiciando o maior índice coñecido de incomunicación.

Cómpre dicir que hai dez anos esas grandes redes eran só proxectos confusos, cheos de anglicismos, cunha arquitectura endemoniada e complexa para o común dos mortais que camiñábamos ás apalpadelas pola Internet. Os fundadores de Cabozo sabíano ben e foron quen de regalarnos unha rede orixinal e moi intuitiva á vez que dotada dunha enorme potencia de personalización adaptable ás necesidades de cada quen... 

Hoxe medio mundo mantén facebook, twitter, instagram... varios grupos de Whatsapp e algunhas canles dese avionciño que tanto lles gusta aos espabilados... en fin, pasamos a vida cos ollos fixos no espello da nada...!

As “redes sociais” deberan propiciar relacións sociais, as que son quen de achegar aos interlocutores, non de alonxalos entre moreas de seguidores que ninguén pode xestionar nin coñecer de lonxe...  

O mundo da Internet está colapsando por falta de humanidade: non falo dos tuits desa mala besta loira que disque goberna os EUA, falo deses outros máis cercanos que teñen o costume de retuitear a última traxedia no Mediterráneo sen decatarse siquera de que manteñen fixo aquel tuit que os delata coma memes insaciables de notoriedade.

A multiplicación do tempo de ciberactivismo mantén baleiras as prazas... 

O poder das redes é atraparnos para que non podamos mover un dedo que cambie efectivamente o mundo! ¿E para qué habería que cambialo? Todo é tan doado, tan bonito, de tantas cores, habería que estar tolo para vivir no mundo real…!

O meu agradecemento infinito aos creadores de Cabozo que con enorme xenerosidade achegáronnos unha ferramenta de proximidade para mudar o mundo... e cos que todos teremos sempre unha débeda de ingratitude!  

Grazas a eles decateime cas redes non son elas, somos nós que vivimos nelas. Que sen amabilidade e paciencia non hai vida detrás da pantalla, que a discreción é un arma con futuro. Que os galegos estamos a perder esa vida amable, paciente e discreta que é capaz de construir futuro!

É preocupante que teñamos que levar o noso coñecemento e “saber facer” alén da terra que nos viu nacer (a maldición dos galegos!) mentres eiquí pasmamos coas caixiñas de cores que traen os de fóra!

Saúde e Boa Fortuna para estes galegos bos e xenerosos!

Temas: CABOZO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Gamela

27 Setembro 1975 Un día para lembrar de onde vimos... https://cabozo.com/taboext.php?grup... CABOZO VIVE !!!

3 Acivro

Coñezo outra rede social xenuinamente galega chamada “Caxigo” que disque segue esquecida polos medios. https://caxigo.gal

2 Gamela

Según parece esta nota necrolóxica é unha pura falsidade ! Fake News ! Non sabedes o moito que me alegro de ter metido a pata !!! Aínda estamos a tempo de recuperar Cabozo !!! https://youtu.be/DFmksqCFifI

1 Gamela

Agradecer a GCAberto a súa aposta pola Liberdade de Expresión ! E aínda co camiño non sexa sinxelo, seguro que ao final esta terra verá a luz do futuro ! http://cabozo.com/user/Gamela