Rapaces e rapazas elixen contidos de televisión e videoxogos distintos, pero en Internet comparten gustos

Un estudo de investigadoras das universidades de Vigo e Los Andes (Chile) suxire que os pais inflúen aínda na elección estereotipada de contidos, agás na Rede, onde non poden ter un control parental tan doado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os rapaces e rapazas de Galicia optan por contidos totalmente diferentes segundo o seu sexo cando consomen televisión ou videoxogos; porén, cando navegan por Internet, as súas preferencias tenden a confluír. Así o conclúe un estudo asinado por Beatriz Feijóo Fernández, da Universidad de Los Andes (Chile) e Aurora García González, da Universidade de Vigo, que vén de ser publicado en Fonseca, Journal of Communication.

Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.
Cativos ven na televisión un anuncio de hamburguesas.

As investigadoras quíxeron comprobar se o xénero é un factor determinante á hora de elixir contidos audiovisuais, considerando o consumo de televisión, videoxogos e Internet. Para esta investigación recorreuse á metodoloxía cuantitativa da enquisa  autoadministrada entre individuos de 11 a 12 anos que cursaban 6º de primaria no ano 2010, repartidos en 77 colexios públicos e privados de Galicia, cunha mostra total de 2.200 escolares. 

"O sexo é un factor determinante, especialmente no que respecta á elección de canles e programas de televisión e de videoxogos".

Os resultados suxiren que "o sexo é un factor determinante para as respostas [da enquisa], especialmente no que respecta á elección de canles e programas de televisión, así como de videoxogos".

No caso da televisión, elas prefirían maiormente series xuvenís estranxeiras, principalmente as teleseries 'Patito Feo', 'Física o química' e 'El Internado'; mentres que eles destacaban 'Los Simpson', 'Shin Chan', 'Naruto', 'Pokemon', 'Phineas y Ferb' e "Padre de familia'. 

En videoxogos, elas optaban pola serie 'Mario', 'The Sims' e 'Animal Crossing', mentres que eles preferían 'FIFA Football', 'Grand Theft Auto' e 'Pro Evolution Soccer'.

Na navegación en Internet as rapazas mostraban maior preferencia polo uso de Messenger (mensaxería instantánea) e correo electrónico, mentres que eles sinalan como opción maioritaria o acceso ao sitio web minijuegos.com.

Con todo, a diferenza non estaba tan clara na Internet como nas pantallas de videoxogos ou televisión, e aínda que se observaron algunhas preferencias por sexo, ambos os grupos mostraron preferencias similares no acceso a YouTube, Wikipedia ou xogos en liña.

"Os enquisados tenden a asociar os contidos coas suposicións de xénero establecidas pola industria audiovisual".

"Os datos parecen mostrar que os enquisados tenden a asociar os contidos coas suposicións de xénero establecidas pola industria audiovisual, máis no caso da televisión e os videoxogos que da internet", conclúen as autoras do estudo.

Unha das posibles causas que xustifican os resultados deste estudo, din as súas autoras, "pode estar relacionada co poder dos axentes sociais, especialmente os pais, que xeralmente inflúen na forma en que os seus fillos utilizan as dúas primeiras pantallas [televisión e videoxogos], xa que lles é máis doado controlar os contidos consumidos polos seus fillos e fillas", argúen os expertos.

Neste sentido, consideran que "a publicidade e os medios poden ter unha contribución significativa a un cambio de actitude e erradicar os estereotipos asociados co sexo, que poden ser un factor de desigualdade".

Outro resultado desta investigación, destacan, "mostra que o uso de Internet no fogar crea unha fenda dixital na que os pais son inmigrantes dixitais que viven cos seus fillos, que son nativos dixitais e cuxo control da tecnoloxía supera o dos seus pais". Polo tanto, engaden, "o poder dos pais para influír nos contidos elixidos polos seus fillos é menor, e os nenos e nenas poden elixir os seus sitios web favoritos de forma máis espontánea".

"O perfil de consumo dos nenos contribúe a definir os roles de xénero transmitidos a través dos medios de comunicación e outros axentes culturais".

Con todo, recoñecen que é necesario facer estudos máis profundos nos que, por exemplo, o control parental se podería analizar con respecto á selección de contidos a través das pantallas".

En calquera caso, e malia as eivas que poida ter este estudo, "parece claro que o perfil de consumo dos nenos, polo menos no que respecta a televisión e videoxogos, contribúe a definir os roles de xénero transmitidos a través dos medios de comunicación e outros axentes culturais", rematan os autores do estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Artralgia

Hay que tomar en cuenta que los medios de comunicación se hacen de nuestra voluntad, hay que enseñar a nuestros hijos a controlarse. https://www.artralgia.org/