O BNG censura que Galicia volva ser usada para "loitas partidistas" após o retorno do PSOE a Moncloa

Pontón acusa a 'populares' e socialistas de empregar os "intereses" de Galicia "no seu xogo de tronos particular".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2018 | Actualizada ás 15:09

Comparte esta noticia

O BNG cre que a volta do PSOE a Moncloa reavivou as "loitas partidistas" entre socialistas e populares desde os seus respectivos gobernos en Madrid e Galicia. Para a líder frontista, Ana Pontón, a evidencia é que ambos os partidos empregan os prazos de chegada do AVE para o seu "xogo de tronos particular".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. REMITIDA
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. REMITIDA | Fonte: Europa Press

Este luns, a portavoz nacional do Bloque reclamou ao xefe do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, que informe en sede parlamentaria dos temas incluídos na súa axenda para a súa reunión co presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez.

Para Pontón, a volta do Partido Socialista a Moncloa após anos de gobernos populares tanto en Galicia como na Administración central volveu a converter os "intereses" de Galicia "nunha arma arreboladiza" e un "elemento de desgaste" entre o PP e o PSOE.

Nesta liña, considera que socialistas e populares empregan a chegada do AVE a Galicia "nun novo pim pam pum partidista" a través de posicións "que varían segundo quen estea sentado na Moncloa, pero sen unha preocupación real polos intereses deste país".

"Nin o PSOE do señor (Gonzalo) Caballero pode ir a Madrid a facilitar o camiño para que o Goberno do Estado anuncie que o AVE vai sufrir un novo atraso; nin o PP do señor Feijóo pode encherse a boca dicindo que non permitirá nin un só atraso máis para a chegada da alta velocidade cando leva 10 anos sendo cómplice dos atrasos", aseverou.

Nesta liña, censurou que o presidente galego permanecese "calado mentres o Goberno central deixaba de investir 1.200 millóns de euros" en investimentos para Galicia recollidos nos PGE entre os anos 2015 e 2017, dos que, "case 1.000 millóns" eran para a execución das obras da AVE.

REUNIÓN SÁNCHEZ-FEIJÓO

Así as cousas, considera que a conclusión da conexión da liña de Alta Velocidade a Galicia debe ser un dos asuntos que figuren na "axenda" de Feijóo na súa reunión co xefe do Executivo central, prevista para o próximo 17 de xullo.

A maiores, Ana Pontón pide que na devandita "axenda" tamén estea incluída a transferencia da AP-9, a creación dunha "tarifa eléctrica galega" ou a necesidade de reconfigurar o modelo de financiamento autonómico.

Isto último levou á líder nacionalista a preguntarse "onde está" a proposta da Xunta no debate da reforma do sistema de financiamento, xa que, como apuntou, a proposición do Goberno galego "se converteu nun Expediente X" que "ninguén viu".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

Cada día, pola mañá, millóns de galegos esperan as consignas da lideresa da UPG, cal oración matutina, para saber o qué pensar. Non sei qué sería deles sen ela.