O alcalde de Vigo esixe a Feijóo "a reposición inmediata" do pediatra de Coruxo

O alcalde de Vigo remitiu unha carta ao presidente da Xunta e anuncia que secunda a mobilización veciñal do sábado.

Por E.P. | VIGO | 02/07/2018 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para reclamar "a reposición inmediata" do pediatra no barrio de Coruxo, así como que informe sobre a planificación dos próximos anos para a súa substitución durante o período de vacacións.

O alcalde de Vigo,  Abel Caballero, en rolda de prensa
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Tras reunirse con asociacións de veciños de San Miguel de Oia, Coruxo, Saiáns e San Andrés de Comesaña, barrios "afectados pola retirada do pediatra", Caballero mantivo que "non é certo" que o pediatra se vaia de vacacións, senón que "o están quitando para sempre".

Ademais, sobre as vacacións deste profesional, remarcou que en todo caso "unhas vacacións non son un accidente imprevisible". "Todo o mundo ten que coller vacacións, agás que o Sergas pretenda que pediatras operen cun sistema esclavista", espetou.

No entanto, insistiu en que "están a desmontar o despacho", porque a Xunta "quere deixar estas zonas sen pediatras". "Non é un feito concreto dunha falta de programación, que xa requiriría responsabilidades políticas do conselleiro. Non, é que están a desmantelar o pediatra nesta zona", selou.

Neste marco, remitiu unha carta a Feijóo para "que deixe de atender ás eleccións internas do partido e traballe algo, que dedique un pouquiño a traballar para a sanidade de Vigo". "Porque ao conselleiro xa lle dou por amortizado: o peor conselleiro de Sanidade que houbo na historia en Galicia; e mire que houbo algúns malos, pois este o peor", apostilou.

Acto seguido, comunicou que apoia a concentración convocada polos veciños para este sábado, día 7, ás 19,00 horas na rotonda da estación do tranvía, e avanzou que acudirá á mobilización e ademais a convocará "conxuntamente". "Non imos parar ata que o repoñan, non imos permitir o desmantelamento da sanidade de Vigo", concluíu.

SERGAS

A raíz do conflito iniciado hai semanas polo pediatra de Coruxo, a mediados da pasada semana, o Sergas anunciou que "manterá a praza de pediatra" na parroquia de Coruxo; aínda que engadiu que durante o verán, ante a "carencia absoluta de pediatras substitutos", os nenos de Coruxo serán atendidos no centro de saúde de Navia.

"A pesar de todos os esforzos realizados pola dirección da EOXI de Vigo, non foi posible cubrir a praza do pediatra de Coruxo, polo que a partir do día 2 de xullo, os menores desta parroquia serán atendidos en Navia, que é o centro máis próximo", comunicou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta