Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2018 | Actualizada ás 18:57
A Consellería de Facenda subliñou que o número de fogares galegos que pasan dificultades para chegar a fin de mes é "o máis baixo de toda a serie histórica", após a publicación dos datos por parte do Instituto Galego de Estatística (IGE). O departamento da Xunta busca así restar importancia aos datos que sinalan que case a metade dos fogares en Galicia están en problemas.
A través dunha nota de prensa, o departamento destaca que o número de fogares que chegan con facilidade a fin de mes aumentou até o 54,6%, mentres que a cifra relativa a aqueles que pasan dificultade ou moita dificultade descendeu até o 45,4%.
"Este é o resultado máis baixo de fogares con algunha dificultade a fin de mes de toda a serie histórica, que se inicia no primeiro trimestre de 2010", segundo sinala.
De feito, engade que o número de fogares que chegan con facilidade a fin de mes creceu 7,4 puntos respecto ao anterior trimestre e case unha décima no último ano.
Ademais, chama a atención tamén sobre que no segundo trimestre de 2018 se experimentou un incremento da confianza dos consumidores.
Por último, apunta que a enquisa do IGE mostra tamén unha redución dos fogares que no segundo trimestre tomaron medidas para reducir gastos ou aumentar ingresos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.